venres, 27 de marzo de 2026

Proa ao horizonte!!!

Chegan por fin as vacacións, Olloboi 2026 iza velas e colle mar aberto cun rumbo claro: celebrar a creatividade, o cinema feito na aula e a forza da comunidade educativa.
Botamos a ancla a unha nova edición cargada de enerxía, encontro e celebración compartida.
Ata o 10 de maio poden enviar as súas curtas todos os centros educativos, así como as persoas vencelladas á comunidade educativa —alumnado, familias, profesorado, ex-profesorado e PAS—.
Na web olloboi.gal está dispoñible o formulario de inscrición (SEGUIR LIGAZÓN), xunto coas bases da convocatoria (SEGUIR LIGAZÓN), o histórico de edicións anteriores e material didáctico de apoio para a elaboración das curtas nas aulas (SEGUIR LIGAZÓN).
O venres 22 de maio, Olloboi celebrará a súa xornada central en Boiro, na que xa é a nosa casa: a Abadía de San Enrique.
Pola mañá, de 10.00 a 14.00 h, terá lugar a tradicional Muchachada.
Pola tarde, o festival abrirase á celebración con música, proxeccións e a entrega de premios.
Ao longo das próximas semanas iranse dando a coñecer máis actividades e detalles desta edición.
Por agora, ide afinando proxectos.
Probade, experimentade, contade. 
Que mellor que rodar unha curta para aproveitar as vacacións?
Pois veña; luces, cámara, acción!!!


xoves, 26 de marzo de 2026

Concurso de marcapáxinas sobre José Suárez

Este ano o 1 de abril cóllenos de vacacións... co ben que estariamos en clase...!!! pero non pode ser...
En todo caso, co gallo da conmemoración o próximo mércores do Día das Artes Galegas -dedicado en 2026 ao fotógrafo alaricán José Suárez- o EDLG do CPI de Pontecesures convoca un concurso de marcapáxinas conforme as seguintes BASES: 

1. Pode participar calquera alumno ou alumna do CPI de Pontecesures.

2. Os traballos presentados terán como temática a vida ou a obra de José Suárez.

3. O marcapáxinas debe ser rectangular e posuír un formato aproximado de 1:3 (a recomendación é realizar a composición nun A4 partido á metade, de xeito que ocupe 105 mm x 297 mm).

4. A técnica é libre (lapis, ceras, acuarela, témpera, colaxe...) sempre que se trate dunha técnica manual (non serán admitidos os traballos elaborados por computador nin fotografías).

5. A persoa que presenta o traballo debe indicar o seu nome e o curso ao que pertence na parte posterior do traballo.

6. O último día para entregar os traballos é o xoves 23 de abril de 2026, Día do Libro.

7. A entrega pode realizarse a través do titor ou da titora, do profesor ou da profesora da materia correspondente ou directamente, en persoa, ao coordinador do EDLG.



mércores, 25 de marzo de 2026

Begoña Caamaño en Primavera das Letras

Xa tes na web de Primavera das Letras os recursos sobre Begoña Caamaño.
Estes recursos consisten basicamente nunha obra teatral infantil descargable ('Uuu-Uuu, Begoña!'), ademais doutras actividades interactivas, materiais audiovisuais e contidos biográficos pensados para levar a figura de Begoña Caamaño ás aulas de maneira lúdica.
Non teñas preguiza en visitala facendo clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe do inicio.
Ademais, xa está dispoñible 
no Portal da Lingua Galega un novo espazo dedicado á autora homenaxeada o 17 de maio e ao que podes acceder se FAS CLIC AQUÍ.
Alén da súa biografía, atoparás diversas actividades que se están a elaborar nos centros educativos, entre elas as do Seminario Galán.

martes, 24 de marzo de 2026

Fai viral a poesía 2026 - Fase de votacións

Consonte as bases, ás 21:00 do pasado sábado (día 21, Día da Poesía) acabou o prazo para remitir os vosos vídeos e participar na terceira edición de Fai Viral a Poesía!!!
A seguir tedes as propostas que nos foron chegando, facendo viral a poesía no seu día, como corresponde!
Acabado o prazo para presentardes os vosos traballos, xa que logo, estas son as propostas entre as que tedes que escoller unha gañadora.
Chega o voso momento, polo tanto, noutro papel: poñede os miolos en modo poético e... cal delas vos gusta máis?

1. O río (Manuel María)

2. Alborada (Rosalía de Castro)

3. Adiós ríos, adiós fontes (Rosalía de Castro)

4. Os paxariños (Icía Mariño)

5. Castellanos de Castilla (Rosalía de Castro)

6. Como chove miudiño (Rosalía de Castro)

7. O cuco larpeiro (Ana María Fernández)

8. O meu soño (Claudia Frois Gonzálvez)

9. Teño de mercar o mundo (Manuel Luis Acuña)

10. A estrela sen nome (Manuel María)

11. Campanas de Bastavales (Rosalía de Castro)

12. Adiós ríos, adiós fontes (Rosalía de Castro)

Para terminar, non perdas de vista a canle de WhatsApp porque... porque se cadra hai un premio para algún destes traballos que sae dela
Así que fai viral a poesía tamén traendo máis xente á nosa canle!!!

luns, 23 de marzo de 2026

Os refráns antes de selo...

... foron palaras que lle ocorreron a alguén e a xente foi repetindo.
Iso mesmo pasou co alumnado de 1º de Primaria do noso Centro, que postos a falar en serio redactaron o seu propio refrán. Agora tócanos recordalo e repetilo.
Ademais, como bo refrán, sempre ten razón, ou case.
Aí o temos, ben lindo, esperando que os maiores aprendan da sabedoría dos miúdos.
Se cadra nun tempo pasa a formar parte de escolmas de refráns como a que podes consultar NESTA LIGAZÓN (elaborada polo Consello da Cultura Galega).
Como din en España, "marzo ventoso..."


mércores, 18 de marzo de 2026

Límite: 80 horas (ou por aí)

A ver como cho conto...
Tes aínda catro días para gravar o teu vídeo cun poema en lingua galega, tres deles non hai clase e hoxe á tarde... tampouco!, así que non tes desculpa, levanta do sofá e...

Como dis???
Que non tes ideas???
Ai...!!!
Aí che vai unha LIGAZÓN A VÍDEOS QUE PARTICIPARON OUTROS ANOS, ló!
Pero antes do 21, oes???


martes, 17 de marzo de 2026

aRi(t)mar 2026

Como cada ano a Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela convoca o aRi(t)mar.
En que consiste?
En elexir as mellores cancións galegas e portuguesas de 2025.
Cales son as candidatas?
Pola Galiza: Vitoria (Chicharrón), E se queres (Faia), De paseo en Portugal (Familia Caamagno), Vou pa Arzúa (Grande Amore), A palabra como arma (Hugo Guezeta), Perdín a memoria (MJ Pérez), O pobre não tem, o rico não dá!, (Orquestra Bravú Xangai), A Xeitosa (Sheila Patricia), Todo o mundo contra min (Ulex) e Será por Flores (Uxía).
Por Portugal: Tigre I (A garota não + Sérgio Mendes), Não é Tarde, Nem é Cedo (Buba Espinho, Miguel Araújo), Respirar (Calema, Sara Correia), Balada do País que Dói (Carminho), Brinde (16h00) (Carolina Deslandes), Tu e a Lua (Irina Barros), Menina (MAR, Carolina Deslandes), Quem quer dizer adeus (Márcia), Santa (MimiCat) e Mulher dos Teus Sonhos (Nena & Joana Almeirante (Dois Pares de Botas))
Se queres votar as túas cancións preferidas, fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior. Nesa web tamén terás a oportunidade de escoitalas todas.
Iso si, faino antes do 27 de marzo!!!


luns, 16 de marzo de 2026

A Candeloria

Como vai iso, trasn@?
Hoxe imos contarche algunha cousa sobre un asunto interesantísimo: a Candeloria (celebrada, como cada ano, hai xa unhas semanas, o 2 de febreiro).
E é que o alumnado de 1º de Primaria estivo descubrindo e investigando hai uns días sobre diferentes tipos de aves coa excusa de celebrar o día "que casan os paxariños".
Dun xeito parecido ao día da marmota nalgunha vila da América, en Galiza hai moitos refráns a conta da Candeloria, como por exemplo: "Pola Candeloria, inverno fóra; se chove ou venta, inda entra".
Logo, estamos list@s.
Se estás interesad@ en máis refráns sobre a Candeloria ou outros aspectos da celebración podes consultar ESTA LIGAZÓN.
Nestas imaxes podes vel@s atarefad@s co seu labor e parte do resultado do traballo feito.


venres, 13 de marzo de 2026

VIRA, VIRA, VIRALIZA!!!

Como sabes, querid@ trasn@, está aberto o prazo para remitires o teu poema en lingua galega e concursar no noso 'Fai viral a poesía!!!'.
"O teu poema" é un dicir, non cómpre que o escribises ti, pero si que o elixises.
Iso si, faino consonte as bases (podes consultalas NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior) e antes do 21 de marzo ás 21:00.
Por se che anima a viralizares ou por se andas á procura de ideas, a seguir deixámosche ligazóns ás propostas presentadas nas anteriores edicións:

- FAI VIRAL A POESÍA!!! 2025

- FAI VIRAL A POESÍA!!! 2024

- FAI VIRAL A ROSALÍA!!! 2023

- FAI VIRAL A ROSALÍA!!! 2022


xoves, 12 de marzo de 2026

Actividades para o Día de Begoña (e o seu sitio na web da RAG)

"Burla burlando", como dicía aquel en castellano de Castilla, vai achegándose o Día das Letras Galegas.
Pero á RAG non lle vai coller por sorpresa.
De feito, hai uns días presentaron as actividades que van desenvolver pensando no Día e na autora homenaxeada este ano, que é -como sabes- Begoña Caamaño.
Se queres coñecelas polo miúdo podes consultar ESTA NOTICIA DE NÓS DIARIO.
Se prefires ir directamente "á fonte" esta é a LIGAZÓN Á WEB DA RAG.
Por certo, xa tes ao teu dispor o sitio web da RAG sobre Begoña Caamaño NESTA LIGAZÓN.


mércores, 11 de marzo de 2026

Perspectiva de xénero na investigación no espazo Proxector

Xa che temos falado noutras ocasións do espazo Proxector.
A nova entrega desta iniciativa divulgativa en lingua galega dedica o seu especial á perspectiva de xénero na investigación científica.
Coincidindo co 8 de marzo, a selección reúne recursos audiovisuais e divulgativos que analizan o papel das mulleres na ciencia, as desigualdades na investigación e a necesidade de incorporar unha mirada de xénero para mellorar a calidade do coñecemento.
O especial inclúe materiais sobre saúde, historia, igualdade salarial ou migración, todos eles dispoñibles en lingua galega.
Se queres acceder ao especial fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe do inicio.
Para coñecer máis pormenores desta nova publicación consúltaos NESTA NOTICIA da web do Consello da Cultura Galega.


martes, 10 de marzo de 2026

Tes un teatro... escríbeo!!!

O IES Otero Pedrayo de Ourense convocou por segundo ano o seu 'Premio Teatral para a Mocidade Begoña Muñoz Saa'. 
A súa finalidade é fomentar a escrita dramática e establece dúas categorías: unha na que poden participar persoas menores de 18 anos e outra para maiores.
Se queres enviar a túa peza escribe a premiobegomunoziesopedrayo@gmail.com . Podes consultar as bases do Premio NESTA LIGAZÓN.
Pero non o deixes para o verán, porque o prazo  de presentación termina o 30 de abril

luns, 9 de marzo de 2026

Mulleres importantes??? ... Todas!!!

Onte celebramos o 8M, onte domingo, pero no noso Centro a súa conmemoración non foi cousa dun día.
Como testemuño, traémosche hoxe estas poucas imaxes do alumnado de 1º de Primaria, que desenvolveu na aula exposicións sobre mulleres importantes.
Xa o di o título desta entrada... mulleres importantes? Todas as mulleres son importantes!

Despois, cunha nova mirada, tiveron tamén o seu tempo para decorar as súas lentes moradas, unhas lentes que nunca hai que quitar.

Porén, aínda que pasase o día, nunca é mal momento para traballar os contidos referentes á igualdade, á coeducación... á boa convivencia, no fondo.
Por iso deixámosche a seguir materiais do máis acaído remitidos polo STEG:

- MULLERES QUE MOVEN O MUNDO: ACTIVISMO EN ACCIÓN

- ACTIVIDADES PARA A COEDUCACIÓN


venres, 6 de marzo de 2026

Lume? Non, grazas!!!

A pasada semana o alumnado de 1° y 2° de Primaria achegouse ao Concello para visitar a exposición sobre os incendios que nel está exposta.

Tiveron tamén a sorte de escoitar o persoal de medio rural que lles contou os segredos do seu oficio.
Lembremos que o tema do proxecto da biblioteca do Centro deste ano é 'Vemos a vila con outra mirada' e que o noso Centro recuperou tamén o Plan Proxecta de Paisaxe e Sostibilidade; para un e para outro esta visita resulta do máis acaída...

Como podemos ver nas seguintes imaxes a visita deixou pegada na memoria d@s nos@s nen@s, que reflectiron a experiencia utilizando a arte postal.

Pero non foron @s únic@s, porque o alumnado de 4º de Primaria tamén baixou ao Concello e escoitou as historias de Lois de Rois, entre outras cousas...

En 2006, vai xa para vinte anos, no monte de Pontecesures houbo incendios ben fortes, como lembrarás se andabas por aquí.
Se non, este documental que fixo o alumnado do Centro hai xa sete pode axudar a que te fagas unha idea do que foi.