venres, 18 de febreiro de 2022

FAI VIRAL A ROSALÍA: PREPARADOS

 Toca visualizar e compartir, para que a nosa Rosalía, sexa a Rosalía máis famosa.

Son poucos os participantes pero son os mellores. Orixinais, creativos, coas mellores localizacións,...noraboa a todxs. 

Agora a compartir coas amizades, familiares,... para facer a Rosalía viral.

Entrade na canle de youtube do  EDLG DO CPI PONTECESURES ou nas seguintes ligazóns.

* Os videos deben ser vistos por completo para que contabilicen as visualizacións. Tal como se reflicte nas bases do concurso hai ata o 3 de marzo para seguir sumando visitas. Adiante!

 O importante é expandir e fortalecer a nosa lingua!

 E dar a coñecer á nosa Rosalía!
















 

luns, 14 de febreiro de 2022

CONTACONTOS

 O  alumnado de 5 anos, 1º e 2º de Primaria, puido gozar dunha sesión de Contacontos a cargo do contador Benxamín Míguez Novoa e grazas a Uxía, a comercial das editoriais Anaya e Xerais.

Da man de Benxamín puidemos descubrir que os Lobos e os Monstros non son tan malos, que incluso nos poden contar contos. 

Nas tres historias que nos narrou, foi protagonista un neno/a de cada grupo.




 

ROSALÍA SONOU NOS GOYA 2022

 A nosa Rosalía sonou coma nunca nos premios Goya 2022.

 Un dos poemas máis famosos de Follas Novas " Negra Sombra" que foi elixido por Luz Casal, para cantar en memoria de todos/as os/as  profesionais do mundo cinematográfico falecidxs no 2021. 

Esta poesía foi musicalizada por Carlos Núñez coa voz de Luz Casal en 1996, e convertiuse na banda sonora do filme " Mar Adentro", película máis galardoada ata hoxe con 14 Goyas.

Clica no seguinte enlace para ver a actuación,

Luz Casal nos Premios Goya 2022


Letra de ‘Negra Sombra’

Cando penso que te fuches,
negra sombra que me asombras,
ó pé dos meus cabezales
tornas facéndome mofa.

Cando maxino que es ida,
no mesmo sol te me amostras,
i eres a estrela que brila,
i eres o vento que zoa.

Si cantan, es ti que cantas,
si choran, es ti que choras,
i es o marmurio do río
i es a noite i es a aurora.

En todo estás e ti es todo,
pra min i en min mesma moras,
nin me abandonarás nunca,
sombra que sempre me asombras.


domingo, 6 de febreiro de 2022

POEMAS DE ROSALÍA

 Para axudarvos coa elección de poemas para o reto que acabamos de propoñervos, imos deixar por aquí algúns poemas, tal como din as bases non ten porque ser o poema completo, podedes escoller anacos dun ou varios,...

Animádevos, e marabilloso recitar a Rosalía, poñédelle emoción, corazón, ritmo,...a letra xa a puxo Rosalía.



Poemas de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro

 

1. Cómo chove miudiño

 

Cómo chove miudiño,
cómo miudiño chove;
cómo chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.

¡Cómo a triste branca nube
truba o sol que inquieto aluma;
cál a crube i o descrube,
pasa, torna, volve e sube,
enrisada branca pruma!

Xa, dempóis, lonxe espallada
polos aires fuxitivos,
desteñida, sombrisada,
nos espasos desatada,
cae brillando en raios vivos.


Misteriosa regadeira
fino orballo no chan pousa
con feitiña curvadeira,
remollando na ribeira
frol por frol, chousa por chousa.

Semellando leve gasa
que sotil o vento move,
en frotantes ondas pasa
refrescando canto abrasa
o que o sol ardente crobe.

¡Cómo chove miudiño
polas veigas de Campaña!
¡Cál se enxugan de camiño
os herbales de Laíño!
¡Cómo a Ponte en sol se baña!

Para Caldas todo é escuro,
ceo azul lose na Adina,
trasparente, limpo e puro;
na Arretén no monte duro,
nube corre pelegrina.

Triste vai, que á terra toca
xa cos pes de branca neve,
xa ca fina fresca boca;
triste vai, que ós ceos invoca
i a bicar o chan se atreve.

Triste vai cando se abate
vaporosa, soia e muda,
cando maina as alas bate
como un corasón que late
ferido por pena ruda.

Tal maxino a sombra triste
de mi maa, soia vagando
nas esferas onde esiste;
que ir á groria se resiste,
polos que quixo agardando.

Vexo o Souto en parda sombra
envolvendo o seu ramaxe,
que por bon do Rei se nombra,
donde fero o vento asombra,
roxe e estala de coraxe.

I o Palacio, serio e grave,
¡cánto en pura luz se baña!
Tal parés pesada nave
que volver ó mar non sabe,
se encallóu na fresca braña.

Vexo Valga á beira hermosa
dun camiño todo prata,
casta virxe candorosa,
sentadiña en chan de rosa,
vestidiña de escalrata.

A San Lois vexo brillando
bañado por tintas puras,
sol e sombras amostrando,
en reposo contemprando,
montes, auguas e verduras.

I a Padrón, ponliña verde,
fada branca ó pe dun río,
froita en frol da que eu quixerde,
lonxe miro que se perde
baixo un manto de resío.

¡Qué hinchadiña branca vela
antre os millos corre soa,
misteriosa pura estrela!
Dille o vento en torno dela:
"Palomiña, ¡voa!, ¡voa!"

Faille arrolo a branda ría
cun remanso mormuxante,
que nás da arboleda umbría
baixo un toldo de alegría,
ó calor dun sol amante.

¡Sol de Italia, sol de amore...!
¿Ti paisax mellor alumas?
¿Ti máis rosas, máis verdore,
mellor ceu, máis soave core
ves do golfo antre as espumas?

Sol de Italia, eu non sospiro
por sentirte ardente raio,
que outro sol temprado miro;
dosemente aquí respiro
nun perene, enterno maio.

Nesta terra tal encanto
se respira... Triste ou probe,
rico ou farto de querbanto,
¡se encariña nela tanto
quen baixo o seu ceu se crobe...!

Os que son nela nacidos,
os que son dela mimados,
lonxe dela están doridos
porque van de amor feridos
por quen fono amamantados.

Polos fillos a nai tira,
xorda, triste, plañideira,
xeme, chora e máis sospira,
e non para hastra que os mira
ben chegar por derradeira.

¡Probe nai, cánto te quero!
¡Nai tamén -ai- da nai miña!
O teu chan de amor prefiero
a canto hai grande ou severo
en toda a terra xuntiña.

¿Cómo non si ora estou vendo,
nun paisax de prata e rosas,
canto a vida foi querendo,
cos meus ollos remexendo
memoriñas cariñosas?

¡Bosques, casa, sepulturas,
campanarios e campanas
con sons vagos de dosuras
que despertan -ai- ternuras
que en jamáis podrán ser vanas!

Elas fono as que tocaron
cando os meus alí naceron;
elas fono as que chorarron,
elas fono as que dobraron
cando os meus abós morreron.

Elas fono as que alegriñas
me chamaban mainamente
nas douradas mañanciñas,
de mi maa cas cantiguiñas
i os biquiños xuntamente.

Inda vexo onde xogaba
cas meniñas que eu quería,
o enxidiño onde folgaba,
os rosales que coidaba
i a fontiña onde bebía.

Vexo a rúa solitaria
que en paz baña un sol sereno,
sin que a trube man contraria,
igual sempre, nunca varia,
veiga llana en campo ameno.

E tamén vexo enloitada
da Arretén a casa nobre,
donde a miña nai foi nada,
cal viudiña abandonada
que cai triste ó pe dun robre.

Alí está, sombra perdida,
vos sin son, corpo sin alma,
amazona mal ferida
que ó sentir que perde a vida
se adormece en xorda calma.

Casa Grande lle chamaban
noutro tempo venturoso,
cando os probes a improraban
e fartiños se quentaban
ó seu lume cariñoso.

Casa Grande, cando un santo
venerable cabaleiro(1),
con tranquilo, nobre encanto,
baixo os priegues do seu manto
cobexaba ó perdioseiro.

Cando os cantos na capilla
da Gran casa resoaban
con fervor e fe sensilla,
rico fruto da semilla
que os varóns santos sembraban.

Ora todo silencioso
causa alí medo pavura,
mora esprito temeroso
nos salóns onde o reposo
fixo un niño ca tristura.

Risas, cantos, armonía,
brandas músicas, contento,
festas, dansas, alegría,
se trocóu na triste e fría,
xorda vos do forte vento.


No gran patio as herbas crecen
vigorosas sin coidado,
i as silveiras que frorecen
no seu tempo fruto ofrecen
ós meniños sazonado.

I antre aquel silencio mudo
que a trubar naide alí chega,
antre aquel ¡xa fun! tan rudo,
vese inteiro un nobre escudo
que a desir non son se nega.

Craros tibres mostras ufano
cun soberbo casco airoso...
Mais detrás dun son tan vano
vese o probe orgullo humano
homillado e polvoroso.

Tras da calada visera,
que hai uns ollos feridores
que nos miran, se dixera;
que nos din: todo é quimera
neste mundo de dolores.

¡Casa grande, triste casa,
quen de aquí tan soia miro,
parda, escura, triste masa!
¡Casa grande, pasa, pasa...!
¡Ti xa n'es más que un sospiro!

Meus abós, ¡ai!, xa morreron,
os demáis te abandonaron,
os teus lustros pereceron,
i os que millor te quixeron,
tamén de ti se apartaron.

Mes tras mes, pedra tras pedra,
ti te irás desmoronando,
ceñida por sintas de hedra,
mentras que outra forte medra,
que aí o mundo vai rolando.

..........................................
..........................................
..........................................

¡Mais qué lus, qué colorido
nos espasos se dilata!
Luce o sol descolorido
i arco de iris xa nacido,
longa sinta se desata.

Cómo chove miudiño,
cómo miudiño chove;
cómo chove miudiño
pola banda de Laíño,
pola banda de Lestrove.

 

2. Quíxente tanto, meniña

"Quíxente tanto, meniña,
tívenche tan grande amor
que para min eras lúa,
braca aurora e craro sol;
auga limpa en fresca fonte,
rosa do xardin de Dios,
alentiño do meu peito,
vida do meu corazón."
Así che falín un día
camiñiño de San Lois,
todo oprimido de angustia,
todo ardente de pasión,
mentras que ti me escoitabas
depinicando unha frol
porque eu non vise os teus ollos
que refrexaban traiciós.
Dempóis que sí me dixeches,
en proba de teu amor,
décheme un caraveliño
que gardín no corazón.
¡Negro caravel maldito,
que me firéu de dolor!
Mais, a pasar polo río,
¡o caravel afondóu...!
Tan bo camiño ti leves
como o caravel levou.

 

POEMAS DE FOLLAS NOVAS DE ROSALÍA DE CASTRO

 

1. Dende aquí vexo un camiño

 

Dende aquí vexo un camiño
que non sei adónde vai;
polo mismo que n'o sei,
quixera o poder andar.
Istreitiño sarpentea
antre prados e nabals,
i anda ó feito, aquí escondido,
relumbrando máis alá.
Mais sempre, sempre tentándome
co seu lindo crarear,
que eu penso, non sei por qué,
nas vilas que correrá,
nos carballos que o sombrean,
nas fontes que o regarán.
Camiño, camiño branco,
non sei para dónde vas;
mais cada vez que te vexo,
quixera poderte andar.
Xa collas para Santiago,
xa collas para o Portal,
xa en San Andrés te deteñas,
xa chegues a San Cidrán,
xa, en fin, te perdas... ¿quén sabe
en dónde?, ¡qué máis me dá!
Que ojallá en ti me perdera
pra nunc amáis me atopar...
Mais ti vas indo, vas indo,
sempre para donde vas,
i eu quedo encravada en onde
arraigo ten o meu mal.
Nin fuxo, non, que anque fuxa
dun lugar a outro lugar,
de min mesma, naide, naide,
naide me libertará.

 

2. Miña casiña, meu lar

Miña casiña, meu lar,

¡cántas onciñas
de ouro me vals!


Vin de Santiago a Padrón
cun chover que era arroiar,
descalciña de pe e perna,
sin comer nin almorzar.
Polo camiño atopaba
ricas cousas que mercar,
i anque ganas tiña delas,
non tiña para as pagar.
Nos mesóns arrecendía
a cousas de bon gustar,
mais o que non ten diñeiro
sin elas ten que pasar.
Fun chegando á miña casa
toda rendida de andar,
non tiña nela frangulla
con que poidera cear.
A vista se me barría,
que era aquél moito aunar.
Fun á porta dun veciño
que tiña todo a fartar;
pedinlle unha pouca broa
e non ma quixo emprestar.
As bagullas me caían,
que me fora a avergonzar.
Volvínme á miña casiña
alumada do luar;
rexistréi cada burato
para ver de algo atopar;
atopéi fariña munda,
un puñiño a todo dar.
Vino no fondo da artesa.
Púxenme a Dios alabar.
Quixen alcendé-lo lume;
non tiña pau que queimar;
funllo a pedir a unha vella;
tampouco mo quixo dar,
si non era un toxo verde
para me facer rabiar.
Volvín triste como a noite
a chorar que te chorar;
collín un feixe de palla,
do meu leito o fun pillar;
rexistréi polo cortello
mentras me puña a rezar
e vin uns garabulliños
e fieitos a Dios Dar.
¡Meu San Antón milagroso,
xa tiven fogo no lar!
Arriméi o pote ó lume
con augua para quentar.
Mentras escarabellaba
na cinza, vin relumbar
un ichavo da fertuna...
¡Miña Virxe do Pilar!
Correndiño, correndiño
o fun en sal a empregar;
máis contenta que unhas páscoas
volvín a porta a pechar,
e na miña horta pequena
unhas coles fun catar.
Con un pouco de unto vello
que o ben soupen aforrar,
e ca fariñiña munda,
xa tiña para cear.
Fixen un caldo de groria
que me soupo que la mar;
fixen un bolo do pote
que era cousa de envidiar;
despóis que o tiven comido,
volvín de novo a rezar;
e despóis que houben rezado,
puxen a roupa a secar,
que non tiña fío enxoito
de haber tanto me mollar.
Nantramentras me secaba,
púxenme logo a catar
para que me oíran
en todo o lugar:

Meu lar, meu fogar,
¡cántas onciñas
de ouro me vals!

 

 

3.Chirrar dos carros da Ponte

 

Chirrar dos carros da Ponte,
tristes campanas de Herbón:
cando vos oio partídesme
as cordas do corazón.

Ceboleiras que is e vindes
de Adina polos camiños,
á beira do camposanto
pasá leve e paseniño.

Que anque din que os mortos n'oien,
cando ós meus lles vou falar,
penso que anque estén calados
ben oien o meu penar.

 

 

4. ¡Padrón…!  ¡Padrón…!

¡Padrón...! ¡Padrón...!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!

I
Aquelas risas sin fin,
aquel brincar sin dolor,
aquela louca alegría,
¿Por qué se acabou?

Aqueles doces cantares,
aquelas falas de amor,
aquelas noites serenas,
¿por qué non son?

Aquel vibrar sonoro
das cordas da arpa i os sons
da guitarra malencólica,
¿quén os levóu?

Todo é silensio mudo,
soidá, delor,
onde outro tempo a dicha
sola reinóu...

¡Padrón...! ¡Padrón...!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!

 

II

O simiterio da Adina
n'hai duda que é encantador,
cos seus olivos escuros
de vella recordazón;
co seu chan de herbas e frores
lindas, cal no'outras dou Dios;
cos seus canónegos vellos
que nel se sentan ó sol;
cos meniños que alí xogan
contentos e rebuldós;
cas lousas brancas que o cruben,
e cos húmedos montóns
de terra, onde algunha probe
ó amañecer se enterróu.

Moito te quixen un tempo,
simiterio encantador,
cos teus olivos escuros,
máis vellos que os meus abós;
cos teu cregos venerables,
que se iban sentar ó sol,
mentras cantaban os páxaros
as matutinas cancións,
e co teu osario humilde
que tanto respecto impón
cando da luz que nel arde
ve un de noite o resprandor.
Moito te quixen e quérote,
eso ben o sabe Dios;
mas hoxe, ó pensar en ti
núbraseme o corazón:
que a terra está removida,
negra e sin frols...

¡Padrón...! ¡Padrón...!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!

III

Fun un día en busca deles,
palpitante o corazón,
funos chamando un a un
e ningún me contestóu.

Petéi nunha i outra porta,
non sentín fala nin voz,
cal nunha tomba baldeira
o meu petar resonóu.

Miréi pola pechadura,
¡que silensio...!, ¡qué pavor...!
Vin nomáis sombras errantes
que iban e viñan sin son,
cal voan os lixos leves
nun raio do craro sol.

Erguéronseme os cabelos
de estrañeza e de delor.
¡Nin un soio...!, ¡nin un soio...!
¿Dónde están?, ¿qué deles foi?

O triste son da campana,
vagoroso a min chegóu...
¡Tocaba a morto por eles...!

¡Padrón...! ¡Padrón...!
Santa María... Lestrove...
¡Adiós! ¡Adiós!