martes, 31 de outubro de 2023

Entrega de premios ao/as gañador/as da 2ª edición de "Está de Medo!!"

Hoxe realizamos a entrega dos premios ao gañador e ás gañadoras na 2ª edición do concurso de portadas de libros e relatos de terror "Está de Medo!!"
Como xa indicamos, foi moi difícil escoller @s premiad@s, xa que entre @s moit@s participantes había traballos de grande calidade.
Aquí temos o gañador e as gañadoras posando para a foto co seu premio e un diploma acreditativo:


Á parte destes premios concedidos a cada traballo individual, cada aula de Infantil e a de 1º de E.P. recibirá un agasallo polo traballo conxunto que desenvolveron.
Parabéns ao gañador e ás gañadoras e a todo o alumnado participante, que foi moito e presentando traballos de moita calidade!!!

luns, 30 de outubro de 2023

... e o/as gañador/as son... !!!

 



Xabi (2º E.P.), na categoría de 1º e 2º de E.P.

Mariña (3º E.P.), na categoría de 3º e 4º de E.P.

Matilda (5º E.P.), na categoría de 5º e 6º de E.P.

Martina (1º E.S.O.), na categoría de 1º e 2º de E.S.O.

Geraldine (4º E.S.O.), na categoría de 3º e 4º de E.S.O.

xoves, 26 de outubro de 2023

Premios da 2ª edición do concurso de portadas Está de Medo!!!

O Xurado, composto polas profesoras e o coordinador do EDLG, xa escolleu entre os traballos presentados os premiados na 2ª edición do concurso "Está de Medo!!!"

En todas as categorías resultou moi complicado escoller o traballo gañador, así que non só as alumnas e o alumno que elaboraron os traballos elexidos deben sentirse recoñecidos polo seu traballo, senón moitos e moitas máis.

En moi pouco tempo publicaremos a relación dos traballos premiados.

Xa podedes ver expostos nos corredores algúns dos traballos presentados. Entre eles están os gañadores; cales serán? 























mércores, 25 de outubro de 2023

Convocado o Premio Youtubeiras 2023

 


Se es maior de 14 anos e tés unha canle de YouTube podes participar.
Na seguinte ligazón podes consultar toda a información de interese:

https://youtubeiras.gal/Bases/

Youtubeiras é unha iniciativa de dinamización lingüística organizada polos servizos de normalización lingüística dos concellos de Carballo, Ames, Moaña, Pontevedra, Ribadeo, Rois, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.

xoves, 19 de outubro de 2023

Para debuxar, debes pechar os ollos e cantar

O pasado martes 17 os nenos e as nenas de 3º de E.P. tivemos unha saída á Biblioteca do Concello, onde nos esperaba  Andrea Jamardo Seijo, da Editorial Cuarto de Inverno (e antiga alumna do noso Centro), que nos explicou todo o proceso de maquetado dos libros, ademais dunha pequena historia do transcurso da imprenta, rematando cun taller moi creativo dun pequeno libro, traballando a arte da imaxinación en cada unha de nós: "Para debuxar, debes pechar os ollos e cantar"
Agradecémoslle moito a Andrea todo o cariño recibido, porque, ademais, nos divertimos moito, moito, moito.

Na seguinte ligazón estamos todos e todas aprendendo sobre os libros con Andrea e as nosas profes Cris e Marta:
https://drive.google.com/file/d/1F9bnOfmY8eD0qOz2QS-cqef_TJyp9L_M/view?usp=sharing

luns, 16 de outubro de 2023

Concedidos os Premios da Cultura Galega 2023

 

Após a reunión celebrada esta mañá, xa se coñecen as persoas e organizacións ás que lle foron concedidos os Premios da Cultura Galega 2023 nas súas distintas modalidades: Yolanda Castaño (na categoría de Letras), PistaCatro (na de Artes Escénicas), Portocabo (na de Audiovisual), Ponte...nas Ondas! (na de Lingua) ou a Banda de Música Unión de Guláns (na de Música) son só algúns dos premiados.
Se queres coñecer a relación completa dos Premios ou consultar un "Dossier sobre as persoas premiadas" accede á seguinte ligazón da web da Xunta:

https://www.xunta.gal/notas-de-prensa/-/nova/84060/premios-cultura-galega-2023-recaen-yolanda-castano-museo-gravado-estampa-dixital#

Se só che interesa o dossier, podes consultalo a través da seguinte ligazón:

https://www.xunta.gal/c/document_library/get_file?folderId=31605&name=DLFE-51264.pdf

venres, 13 de outubro de 2023

COMBATER A VIOLENCIA CONTRA AS MULLERES É LABOR DE TOD@S

Desde o EDLG propoñémosvos a seguinte actividade:
En cada grupo elaborade e escollede uns poucos lemas (2, 3, 4...), de poucas palabras, que sirvan para concienciar da necesidade de combater a violencia contra as mulleres.
De entre eses lemas escolleremos algúns para elaborar unhas pulseiras que repartiremos o día 25 de novembro.
Como as pulseiras hai que encargalas con tempo, o último día para entregar os vosos lemas será o 27 de outubro.
Deixámosvos unha ligazón coa web da ONU relativa a esta loita:
https://www.un.org/es/observances/ending-violence-against-women-day

xoves, 5 de outubro de 2023

2ª EDICIÓN DO CONCURSO "ESTÁ DE MEDO!!"

 Aquí tedes as bases da convocatoria para Infantil e Primaria.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!

Estas son as bases da convocatoria para E.S.O.

ANIMÁDEVOS A PARTICIPAR!!!!


Se queres podes botar unha ollada aos traballos gañadores na 1ª edición do concurso na seguinte ligazón:

mércores, 4 de outubro de 2023

LER CONTA MOITO: CONTACONTOS MUSICAL

Onte, martes, 3 de outubro de 2023, as nenas e os nenos do 1º curso de Primaria baixaron á Biblioteca Municipal para escoitar o escritor R. J. Peralta e a ilustradora Blanca Millán contando e cantando os seus contos "As filloas de Manora" e "Acouba Babau".

Velaquí tedes unhas imaxes que amosan o ben que o pasaron!


martes, 3 de outubro de 2023

FESTIVAL CURTOCIRCUÍTO 2023

Desde hoxe ata o domingo celébrase en Santiago a vixésima edición do Festival Curtocircuíto.
Trátase dun festival internacional de cinema centrado nas curtametraxes.
Dentro do seu programa encontraredes actividades enfocadas para a rapazada e unha sección centrada en producións galegas, Planeta GZ: https://www.curtocircuito.org/sesiones/planeta-gz-1.
Se estades interesad@s no audiovisual tédelo a un paso, animádevos!!!
Nesta web tés acceso a todo o programa, venda de entradas e demais: https://www.curtocircuito.org/

Como se trata dun festival internacional, é posible que por defecto a páxina che apareza en español ou en inglés. 
Se queres que o navegador che mostre a páxina en galego, fai click en "GL", como se ve na imaxe superior.
O filme inaugural é un "novo vello" coñecido noso, O Corno, de Jaione Camborda, de quen xa vos falamos onte:

luns, 2 de outubro de 2023

O Corno, de Jaione Camborda, gaña a Cuncha de Ouro no Festival de San Sebastián.

A directora donostiarra e galega de adopción Jaione Camborda gañou este sábado a Cuncha de Ouro no Festival Internacional de Cinema de San Sebastián co seu filme O Corno, rodado en galego, en Galicia e con grande parte do equipo, tanto técnico como artístico, tamén galego.
Hai que salientar que se trata do festival cinematográfico máis importante que se celebra en España e un dos dez máis importantes do mundo.
Péchase así unha semana de éxito para as Artes e as Letras Galegas.

Se queredes ampliar información, velaquí unha ligazón á noticia en Nós Diario: 

https://www.nosdiario.gal/articulo/cultura/jaione-camborda-concha-oro-corno/20231001095230178870.html