sábado, 31 de outubro de 2020

LETRAS GALEGAS 2020

 Neste ano tan complicado, tamén as nosas Letras se viron afectadas, a RAG atrasou a celebración do Día das Letras Galegas ao 31 de outubro.

Da igual que sexa 17 de maio que 31 de outubro, en Galicia, todos os días deberían ser o día da nosa LINGUA, das nosas LETRAS.

Na seguinte ligazón podedes ver unha morea de recursos sobre Carballo Calero:  https://www.lingua.gal/o-galego/promovelo/dia-das-letras-galegas.

Desde o noso centro queremos compartir un fermoso videopoema, cargado de tradición, añoranzas, lembranzas e moito amor polo noso, polos costumes e pola lingua. A nosa benquerida BANDA DA LOBA, amosa este video xusto neste día, DÍA DAS LETRAS.

ADONDAR A LINGUA

https://www.youtube.com/watch?v=NR-SUNtyFvQ 

'Adondar a lingua' é un dos temas recollidos no segundo traballo d'A banda da Loba, Fábrica de luz. É unha homenaxe á lingua como nai, unha reflexión sobre o importante que é o noso papel como falantes no coidado do idioma. 
A letra da canción está baseada no videopoema de Celia Parra 'Adondar a lingua', gañador de varios recoñecementos a nivel internacional. Nel a autora fai un paralelismo entre a elaboración do pan ou dos tecidos e a aprendizaxe e a transmisión da lingua. Así, achéganos a idea de como esa herdanza recibida pode levedar en nós para alimentarnos ou abrigarnos para protexernos do frío (aludindo aos malos tempos que vive a nosa lingua). 

O tema d'A banda da Loba foi gravado cun cuarteto de corda e agora chéganos novamente transformado en videoclip de man da propia Celia Parra. 

Desfrutade desta explosión de sensacións e adondade a lingua!! 

A BANDA TAMÉN MUSICOU A CARBALLO CALERO, podedes escoitar a cantiga do poema "o sonho da Catarina" na seguinte ligazón ou na páxina do concurso

https://carvalho2020.gal/musicando2020/

“Musicando Carvalho Calero” é um concurso musical desenhado pola AGAL (Associaçom Galega da Língua) em colaboraçom com a CRTVG.

Aquí vos deixamos o poema

SONHO DE CATARINA
Jardineira, coida as tuas flores.
Os lobos baixam da montanha.
Jardineira, coida as tuas flores.

Os lobos saem dos seus tobos.
Os debulhadores de flores.
Coida as tuas flores, jardineira.

É a hora em que congrega o galo
na trave, cansas, as galinhas.
Cansas de pôr ovos de neve
e debulhar vermes de esmeralda.

Os lobos baixam da montanha.
Os cans ouveiam à lua
e nom vem que baixam os lobos.

Som lobos escuros e raudos,
cujos olhos abrem na noite
corredoiras de lume roxo.

Amam as flores, e, ao ceá-las,
bêbedos, dançam nos jardins,
baixo a olhada leda da lua.

Catarina, a tua fiestra
abre-se ao jardim, Catarina.
Catarina, cobre as façulas.

Que lobos mais originais!
Deixam espidas as roseiras.
Que lobos mais originais!

Estás sonhando, Catarina?
Diamantes que rachem os vidros?
Ou serám os olhos dos lobos?

Catarina, quem fosse lobo,
para debulhar-che as façulas…

O abrente adianta no horizonte
um anaquinho de presença.
Os lobos, cantando e rindo,
rubem aos tobos da montanha.
Ao passar junta os cans dormidos,
acenam-lhes sem que se decatem.

Umha rejeirinha de sol,
como umha aguilhada de ouro,
fere no lombo dos lobos.

Os lobos botam a correr.

Luz. Catarina despertou

Carvalho Calero, R. (1980) Pretérito imperfeito.

Desde o EDLG queremos felicitar á nosa Banda, polos éxitos obtidos, a pesar da Covid, e animalas  a que sigan traballando pola música, pola lingua e pola nosa cultura.

"O padroado dos premios San Martiño de Normalización Lingüística vén de resolver por maioría a concesión dos recoñecementos correspondentes á edición deste ano á Asociación Cultural Vagalumes e á agrupación musical A Banda da Loba.

A Banda da Loba é recoñecida co premio San Martiño á difusión lingüística no ámbito galego. A Banda da Loba, que ten entre as súas integrantes dúas estradenses -as irmás Andrea e Marcela Porto-, é unha das voces máis frescas e renovadoras do panorama musical galego. A banda ten publicados dous traballos discográficos: Bailando as rúas (2017) e A fábrica da luz (2019). Caracterizada no aspecto creativo polo eclecticismo, aunando a tradición con ritmos como o pop, o reggae ou o ska, a súa identidade como banda aséntase nunha defensa firme da muller, a terra e a lingua. Neste senso, a banda ten musicado poemas de autores coma Celso Emilio Ferreiro, Manuel María ou Rosalía de Castro."

Podedes ver a noticia aquí: https://www.lavozdegalicia.es/noticia/deza/2020/10/29/span-langglvagalumes-banda-da-loba-acadan-os-premios-san-martino-uso-do-galegospan/0003_202010D29C6998.htm





sábado, 24 de outubro de 2020

CAMPAÑA " LER CONTA MOITO"

 Ao longo deste mes, o alumnado de Primaria puido desfrutar dunha sesión de contacontos na Biblioteca municipal, aquí deixamos o programa previsto e algunhas fotos das distintas sesións.

BIBLIOTECA DO CONCELLO PONTECESURES

LER CONTA MOITO

 

OBRADOIRO DE CREACONTOS – (Ramón Torrente)

CATEGORÍA: Obradoiros creativos

Un obradoiro creativo no que descubriremos as mil e unha variables que ten un mesmo conto. Xogar, recortar, pegar, debuxar, escribir, escoitar, compartir, falar, descubrir, colorear, construír… serán actividades a desempeñar para sacarlle todo o partido aos contos contados e entendidos de maneira tradicional.

DÍA: 8 OUTUBRO 2020

CURSO: 3º EP

HORARIO: 12:00 h – 13:00 h aprox.

 

 

EXPERIMENTOS CIENTÍFICO – ARTÍSTICOS  (Fátima Rodríguez)

CATEGORÍA: Divulgación do coñecemento

Conxunto de experimentos científicos onde os participantes poderán visualizar e facer a súa propia pila con 3 limóns, obter un perfume a través da extracción dos aceites esenciais de plantas aromáticas cun alambique e comprender o significado da tensión superficial dos líquidos a través da pintura, dos globos e da arte de crear e experimentar.

DÍA: 9 OUTUBRO 2020

CURSO: 5º EP

HORARIO: 12:00 h – 13:15 h aprox.

 

RESCATE NA BIBLIOTECA  - ( Antía Yáñez)

CATEGORÍA: Dinamización con música, teatro e danza

Xogo de pistas no que os rapaces e rapazas aprenderán como funciona a súa biblioteca: onde atopar os diferentes xéneros, que facer se non se sabe onde está un libro, para que serve unha bibliotecaria ou bibliotecario... Porque as bibliotecas están sempre aí, pero... coñecémolas realmente?

DÍA: 13 OUTUBRO 2020

CURSO: 4º EP

HORARIO: 12:00 h – 13:00 h aprox.

 

CONTABA A MIÑA AVOA QUE...  ( Fátima Fernández)

CATEGORÍA: Igualdade e violencia de xénero

Contos da nosa tradición oral nas que as mulleres somos as protagonistas, relatos cotiáns que foron o xerme da nosa cultura. Historias contadas por avoas para nenas e nenos, nos que se demostra como debemos superar as desigualdades.

DÍA: 16 OUTUBRO 2020

CURSO: 6º A e 6º B

HORARIO: 12:00 h – 13:00 h aprox.

 

CONTACONTOS DADA O DUENDE –  (Patricia Martínez)

CATEGORÍA: Narración oral

O Duende Dada, deleitaranos cun repertorio de contos marabillosos nos que se traballarán diferentes valores como convivencia e a igualdade, o respecto polo medio ambiente e o traballo en equipo. Unha divertida forma de fomentar o hábito lector entre os máis pequenos a través destes contos máxicos.

DÍA: 22 OUTUBRO 2020

CURSO: 2º EP

HORARIO: 12:00 h – 13:00 h aprox.

 

PITUSIÑA  ( Lisístrata)

CATEGORÍA: Narración oral

Pitusiña é unha nena arrichada que sinte o galego, pensa, fala e xoga en galego. "Fala ben, así non se di…" está farta de que sempre lle digan cousas que non entende e decide facer unha viaxe no tempo pola nosa historia onde descubrirá personaxes moi interesantes que lle farán comprender o porqué de moitas cousas. Unha viaxe á que vos convida, queredes acompañala?

DÍA: 23 OUTUBRO 2020

CURSO: 1º EP

HORARIO: 12:00 h – 13:00 h aprox.





Nesta sesión tamén puidemos aprender unha canción de BURKINA FASO.



E despois de despedirnos de Dada, fomos ata o centro Xuvenil, delado da Biblioteca, e contemplamos a pintura mural sobre " o tren de Varela" e Teresa a bibliotecaria contounos un chisco da historia representada no cadro: 
- é a primeira liña de ferrocarril de Galicia que cubría o traxecto de Cornes (Santiago) a Carril
 ( Vilagarcía) ao seu paso sobre o río Ulla, pola ponte de ferro. Esta vía foi inaugurada no ano 1873.

O mural é impresionante, tal e como se pode observar na fotografía, comprende unha parte importante da historia desta vila, e mesmo de Galicia, pero probablemente o lugar no que o pintaron non sexa o máis apropiado. 
Debería formar parte dun museo da historia da vila, xunto a outros tantos cadros, fotos, libros, xornais e obxectos que formaron parte da vida deste pobo.
 A estas novas xeracións de rapaces altamente tecnolóxicos non lles chegarán estes anacos da historia dos seus antepasados, alguén debería pensalo seriamente.


xoves, 15 de outubro de 2020

112 - EMERXENCIAS, non trolas

 O venres 9 de outubro viñeron os Bolechas a explicarlle ao grupo de 2º de Primaria, que é unha emerxencia, a onde chamar e o que hai que facer e saber cando chamamos ao 112.

Manter a calma

Identificarse

Saber onde estou ( enderezo,...)

Explicar o que aconteceu





sábado, 3 de outubro de 2020

VIII CONCURSO DE SAMAÍN

 

                VIII  CERTAME DO SAMAÍN

Un ano máis, o EDLG e a Biblioteca do CPI de Pontecesures anímanvos a que compartades as historias máis fascinantes que se vos ocorran a través da participación neste concurso arredor da celebración do Samaín, unha antiga tradición que conmemora a visita dos mortos ao mundo dos vivos na noite do 31 de outubro, data de comezo do aninovo celta.

As bases que rexerán o concurso son as seguintes:

1.      Os relatos orais ou escritos, cómics e debuxos , serán orixinais e inéditos, estarán en lingua galega.

2.      Temática: “O Samaín é o fío condutor e o límite a túa imaxinación.”

3.      Haberá premios por categorías:

- Arte: Debuxo e cómic.

- Lingua: Relato oral e/ou escrito.

4.      Os traballos serán individuais, deberán levar nome e curso do autor.

5.      Os relatos e cómics terán unha extensión máxima de catro folios por unha cara, manuscritos ou mecanografados.

Na modalidade de relato oral, a gravación terá unha duración mínima de 2 minutos e un máximo 3.

Os debuxos deben levar o lema “ Samaín medo sen fin”

6.      Cada titor/a de infantil e primaria e o profesorado de Lingua Galega e de Plástica da ESO seleccionará o mellor traballo de cada aula e entregarallos á coordinadora do EDLG antes do venres 23 de outubro.

7.      O xurado do certame estará integrado por profesorado colaborador do EDLG e da Biblioteca.

8.      O fallo do xurado farase público a traves do blog de Dinamización da Lingua Galega e da Biblioteca. O venres 30 de outubro, os membros do equipo farán entrega dos premios  aos gañadores.

9.      A participación neste concurso implica o consentimento do/a autor/a para a divulgación da obra presentada nos blogs do EDLG, https://trasnoparoleiro.blogspot.com  e da biblioteca  http://bibliocesures.blogspot.com.

10.  A participación neste certame implica a aceptación de todas e cada unha das normas contidas nas presentes bases.

 

 

 

 AGARDAMOS POLAS CREACIÓNS DE TODO O ALUMNADO DO NOSO CENTRO.

SABEMOS QUE SODES UNS FANTÁSTICXS ARTISTAS E FABULOSXS CONTADORXS DE HISTORIAS!


 

 

 

 

 

 

 

 

 

venres, 2 de outubro de 2020

ESTAMOS DE VOLTA- BENVIDXS

Estamos de volta por fin!
Con moitas novidades comeza de novo a escola. 
Desexamos que con todas as modificacións e protocolos, este curso nos dure e que o poidamos desfrutar xuntos, aínda que respectando as distancias.
 Agardamos e confiamos na responsabilidade de todxs para comezar e superar un curso cheo de saúde, emocións, creatividade, aprendizaxes,... Todo está nas nosas MANS.
Debemos lembrar sempre as 3M:
MASCARILLA- sempre tapando boca e naris.
MANS- sempre lavar con auga e xabón ou botar hidroxel.
METRO- sempre manter distancia, sen amorearse.

Para que ninguén se esqueza destas normas fundamentais, o alumnado de 2º e a mestra de música, compuxeron esta divertida ladaíña.



Todxs os días estes cativxs bótanse o chiriflú ( nome que lle puxemos ao xel das mans) e que lle da título a esta cantiga.



O alumnado de 4º de E. Primaria inventou este rap na materia de música para lembrarnos as normas que debemos seguir para non contaxiarnos.
Son fenomenais!