venres, 22 de marzo de 2024

Cerimonia de entrega dos Premios Mestre Mateo

Na noite de mañá sábado farase entrega na Coruña dos Premios Mestre Mateo, na súa XXII edición, concedidos pola Academia Galega do Audiovisual.
As longametraxes 'O Corno' e 'Matria' e a serie 'Rapa' parten como favoritas, ao totalizar 42 candidaturas entre as tres, como nos contan NESTA NOTICIA da web da tvg.
A Televisión de Galicia, precisamente, retransimitirá en directo a entrega dos galardóns.
Os finalistas xa foron dados a coñecer a principios do mes pasado, como podemos comprobar NESTA NOTICIA de EXTRADIGITAL.
Se prefires acceder á web oficial dos premios para consultar todos os datos velaquí tés A LIGAZÓN.
Boa sorte a tod@s @s candidat@s!!!

Actualización (2 de abril de 2024)

Finalmente, a longametraxe O Corno foi a produción que obtivo o maior número de premios. Así nolo conta La Voz; desta maneira El Progreso.
Entre os seus sete premios queremos destacar o concedido a Melania Freire Vázquez, que gañou o Mestre Mateo á mellor dirección de arte e é filla de Carme Vázquez, noutro tempo directora do noso Centro.

xoves, 21 de marzo de 2024

DÍA DA POESÍA

Para celebrar o Día da Poesía nun ano como este parece obrigado facer referencia á obra poética de Luísa Villalta.
Por iso deixamos aquí dúas ligazóns a algúns poemas da autora homenaxeada este ano no Día das Letras Galegas:
- ESTA PRIMEIRA, que nos leva á bitácora Galego da Estación e
- ESTA SEGUNDA, á web da Agrupación Cultural Alexandre Bóveda.
Como recomendación, suxerimos o título "Pensar é escuro", que recolle boa parte da obra poética da Villalta, como nos indican NA WEB DE GALAXIA.
E, como epílogo, recordar (que para Ortega era volver pasar polo noso corazón) o seu poema "As damas que antano cantaron":


Para celebrar este día, na Biblioteca do centro realizouse un recital de poesía d@s alumn@s do Club de Lectura de 5º e 6º e co alumnado de infantil.
@s alumn@s de 5º recitaron 'La Caracola' (de Federico García Lorca), 
'Platero' (de Juan Ramón Jiménez) 
e 'Mi caballo bayo' (de Carlos Murciano). 
Pola súa parte, @s alumn@s de 6º recitaron 'La Canción del Pirata' (de José de Espronceda). 
Aínda que non fosen poemas en lingua galega, ben está reflectir na nosa bitácora esta actividade realizada a prol da poesía. 
Como vemos nas imaxes, foi unha actividade moi ben acollida pola rapazada.

mércores, 20 de marzo de 2024

Calameo sobre Asorey e o Día das Artes Galegas

Hai oito centros educativos dA Coruña e a súa contorna (CEIP Ramón de la Sagra, CEIP J. Fernández Latorre, CEIP Plurilingüe Bragade, CEIP Emilia Pardo Bazán, CEIP Plurilingüe Manuel Murguía, CEIP Salgado Torres, CEIP Ramón Otero Pedrayo e  CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma) que, claramente, toman moi en serio a celebración do Día das Artes Galegas e a tarefa de achegar información sobre el.
Agora poñen ao noso dispor ESTE RECURSO en formato Calameo arredor de Francisco Asorey e da celebración do Día das Artes Galegas.
Máis doado non nolo poden poñer!!!

martes, 19 de marzo de 2024

Xogade... agora en Pontecesures!

Se o 29 de febreiro foi o alumnado do noso Centro o que se desprazou a Catoira para participar en diversos deportes de equipo cos seus compañeiros de alá, no día de hoxe foron os de Catoira os que se achegaron a Pontecesures para botar uns partidiños co alumnado local.
Como sabemos, o obxectivo que se persegue é promocionar a saúde, a convivencia, o esforzo e o divertimento con independencia do nivel e práctica da rapazada.
Vendo unhas poucas imaxes podemos asegurar que eses obxectivos foron, unha vez máis, sobradamente alcanzados.

luns, 18 de marzo de 2024

Fai viral a poesía!!! Últimos días!!!

Lembrade que o xoves 21, Día da Poesía, ás 21:00 péchase a admisión dos traballos para participar no concurso Fai viral a poesía!!!
Se queredes lembrar as bases aí vos van.
Ánimo con esa creatividade poética!!!

venres, 15 de marzo de 2024

Aprendendo sobre o Día das Artes Galegas

Para ir situándonos de cara ao Día das Artes Galegas, oito centros educativos dA Coruña e a súa contorna (CEIP Ramón de la Sagra, CEIP J. Fernández Latorre, CEIP Plurilingüe Bragade, CEIP Emilia Pardo Bazán, CEIP Plurilingüe Manuel Murguía, CEIP Salgado Torres, CEIP Ramón Otero Pedrayo e  CEIP Plurilingüe San Pedro de Visma) elaboraron ESTE INTERESANTE RECURSO EDUCATIVO.

Ábreo, disfruta e aprende.
Todo de balde!!!

xoves, 14 de marzo de 2024

Arte + Muller + Galicia

Esta noite, no contexto do mes das Artes Galegas (cuxo día celebramos o 1 de abril) e apenas unha semana despois do 8M (aínda que todos os días son 8M), a TVG volve pasar o documental dirixido por Rosario Sarmiento "Arte + Muller + Galicia", cuxo tráiler promocional podes reproducir sobre estas liñas e será emitido ás 23:10 na G2.
Hai xa un tempo que o documental íntegro está dispoñible NESTE APARTADO da web da Galega.
Se o prefires, podes consultar NA WEB DA UNIVERSIDADE DA CORUÑA algúns pormenores deste interesantísimo traballo.

mércores, 13 de marzo de 2024

aRi(t)mar!!!

Ata o 27 de marzo está aberto o prazo para que poidades votar en liña a mellor canción galega e portuguesa do ano 2023 NESTA LIGAZÓN
Este concurso forma parte do INTERESANTÍSIMO PROXECTO aRi[t]mar, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, co apoio da Secretaría Xeral de Politica Lingüística.
Como podes ler na anterior ligazón, esta iniciativa busca divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous territorios.

martes, 12 de marzo de 2024

Primavera Xove (3ª edición)

 

Conforme nos comunica a ANPA do Centro, a Xunta de Galicia vén de por en marcha a terceira edición de Primavera Xove, un programa de educación non formal con actividades formativas e de lecer para a mocidade galega (de 14 a 30 anos), así como un recurso de coidado para as familias galegas durante a Semana Santa e diversas fins de semana nos meses de marzo e abril en instalacións da Xunta de Galicia. 
Ofértanse 580 prazas en 29 quendas nos 6 programas que conforman a actividade, cun máximo de 20 prazas en cada unha das opcións.
A cota de participación é de 25 euros para as actividades de fin de semana e de 75 euros para as quendas de Semana Santa. Porén, no caso de ser membro de familia numerosa ou monoparental e por ser titular do Carné xove (sempre e cando a tarxeta estea debidamente activada), aplicarase un desconto do 25% sobre o prezo anteriormente indicado. As persoas participantes aboarán, nestes casos, 18'75 euros ou 56'25 euros, respectivamente.
A inscrición faise unicamente en liña, mediante os formularios dispoñibles na páxina web de Xuventude (se fas click AQUÍ aceederás ao correspondente ás persoas entre 14 e 17 anos). 
O prazo de inscrición está aberto desde o día 22 de febreiro.
Se queres consultar toda a información do programa podes facelo a través DESTA LIGAZÓN


luns, 11 de marzo de 2024

Padriños e piratas

Padriños:
Dentro da proposta "Padriños Lectores", Eira e Cayetana, de 3º de E.P. foron o pasado venres á aula de 1º de E.P. para contar aos seus compañeiros e ás súas compañeiras dous contos titulados "Frida Kahlo" e "A caca Cuca".

Piratas:
Por outra banda, o mesmo venres o Centro foi sacudido por unha auténtica manifestación pirata dos nenos e das nenas de Infantil, ao grito de "Eu tamén son Daniela", reclamando así a igualdade de xénero.
E é que durante a pasada semana a etapa de Infantil estivo traballando arredor dun conto titulado "Daniela Pirata".
Nel, Daniela é unha nena que quere ser pirata e que ten que pasar unha serie de probas para conseguilo, unhas probas especialmente duras porque como é unha nena o capitán do barco non ten demasiadas gañas de que as supere.
Porén, con esforzo consegue alcanzar, finalmente, o seu soño de ser unha grande pirata.

venres, 8 de marzo de 2024

8M: A poesía de Luísa Villalta e as cuestións de xénero

A  docente de Lingua e literatura galega Marta Dacosta elaborou a Unidade Didáctica que podes consultar NESTA LIGAZÓN e cuxo contido está directamente relacionado coas cuestións de xénero que desenvolveu Luísa Villalta na súa obra.
A Unidade Didáctiva leva por título "Luísa Villalta. Un poema para o 8M".
Máis en concreto, a proposta é traballar na aula arredor do poema "As damas que antano cantaron" (que podes ler na imaxe superior), unha obra publicada en 2001 no número 16 da publicación "Festa da palabra silenciada" e que é unha boa mostra da escrita feminista que caracteriza a Luísa Villalta.

xoves, 7 de marzo de 2024

Materiais didácticos para conmemorar o 8 de marzo

A CIG-Ensino e a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) poñen ao noso dispor diversos recursos didácticos relacionados coa coeducación e a igualdade para que poidamos empregalos nas aulas na conmemoración do día 8 de marzo ou en calquera momento do curso (porque todos os días son 8 de marzo!!!).
Entre eles figuran unha serie de propostas didácticas dirixidas a distintos niveis educativos que podes atopar na web do sindicato, na sección “mulleres”, ou seguindo ESTA LIGAZÓN.
Así mesmo, PREMENDO AQUÍ, podes consultar outros materiais didácticos relacionados con esta temática, algúns dos cales foron extraídos das “XXI Xornadas das mulleres” levadas a cabo o 2 de marzo, como por exemplo:
- a serie documental “Generación porno” da directora de cine Oiane Sagasti,
- a presentación "Falar de sexualidade co alumnado" da sexóloga e xornalista Laura Veiga,
- a presentación "Perpetuando. Proxecto de reinvención da historia da fotografía en clave de igualdade", de Olaia Sendón e Ana Monteagudo.
- o Glosario Violeta elaborado por alumnado e profesorado do IES Félix Muriel de Rianxo.
Por falta de recursos non será!!!

mércores, 6 de marzo de 2024

Lingua de namorar 2024

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convocan unha nova edición de Lingua de Namorar.
Este certame de declaracións de amor busca dinamizar a lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e en Internet e está destinado a persoas con idades de
14 a 35 anos.
Dentro do concurso establécense tres categorías, unha das cales é exclusiva para Instagram.
A recepción das mensaxes está aberta até o 
1 de abril.
Se te queres rexistrar para participar no concurso podes acceder a través DESTA LIGAZÓN.
Para consultar as bases de Lingua de Namorar podes facer click AQUÍ

martes, 5 de marzo de 2024

Retrospectiva de Antón Lamazares no CGAC

Poucas veces na vida teremos a ocasión de realizar un percorrido tan completo pola obra dun artista tan senlleiro como Antón Lamazares tan preto da nosa casa.
No mes das Artes Galegas (e un pouco máis, até o 5 de maio) o CGAC de Santiago entrégase por completo a 'Lamazares. Inda é día': a exposición de parte da obra que o pintor lalinense realizou durante 50 anos de entrega á súa paixón.
Como el mesmo di "era moi difícil vivir da pintura, pero decidín que... vivir da pintura ou morrer".
A retrospectiva (AQUÍ podedes acceder á web do CGAC, onde figuran os horarios, calendario e demais) ofrece unha visión do seu percorrido artístico, ao longo do cal experimentou con diferentes estéticas e técnicas, desde os seus inicios nos anos 70. 
NESTA NOTICIA da web da CRTVG tedes máis información e tamén unha pequena reportaxe sobre a exposición.

luns, 4 de marzo de 2024

Os vieiros de Asorey

Como sabemos, 2024 é o ano Villalta, pero tamén o ano Asorey, xa que se a Luísa se lle adica o Día das Letras Galegas o 17 de maio, o 1 de abril -Día das Artes Galegas- conmemórase a vida e a obra de Francisco.
No día de hoxe, coincidindo coa data de nacemento do escultor, inaugúrase en Cambados (a súa vila natal) a exposición 'Os vieiros de Asorey'.
Dita exposición, como nos contan NESTA NOTICIA de La Voz de Galicia, "reflicte a través de fotografías e textos a obra do artista que está en diversas cidades galegas, establecendo así un Roteiro Asorey que permite coñecer a obra do escultor cun formato adaptado a todos os públicos".
A exposición pódese visitar no paseo dA Calzada da vila cambadesa; unha interesante excursión para a próxima fin de semana.

venres, 1 de marzo de 2024

Xogade en Catoira!!!

Onte, xoves 29 de febreiro, o alumnado de 6º de E.P. achegouse ao CPI de Catoira para practicar varios deportes colectivos xunto ao alumnado local, como parte do programa XOGADE da Consellería de Deportes da Xunta de Galicia, que ten como finalidade principal a organización de actividades físico-deportivas entre distintos centros.
O obxectivo último do programa é a promoción da saúde, a convivencia, o esforzo e o divertimento, con independencia do nivel e práctica de cada un dos rapaces ou de cada unha das rapazas.

Botando unha ollada ás imaxes parece claro que acadaron os obxectivos... sobradamente!