luns, 31 de maio de 2021

MAIO MES DAS NOSAS LETRAS: XELA ARIAS NA NOSA ESCOLA


 

"AGORA SEI QUE NON POSEO MÁIS SILENCIO CA MIN MESMA"

" A TEMERIDADE SÁLVAME DE SENTI-LA COVARDÍA"

" NÓS DECIDIMOS QUE FACEMOS COAS NOSAS VIDAS AÍNDA QUE MOITAS VECES PENSEMOS QUE NON"

Expresións da escritora que se homenaxea este ano no Día das Letras Galegas. Ao longo deste mes de maio no noso centro desenvolvéronse distintas tarefas nas que se salientaba a vida, feitos e obras de Xela Arias.

Na área de Plástica, alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria confecionaron un fermoso mural coa imaxe de Xela, con distintas técnicas de pintura.




O día 27 asistiu ao centro o  monologuista e humorista Pedro Brandariz co seu espectáculo  " Senlleiras. As mulleres das Letras". O alumnado de Primaria, puido gozar dunhas sesións expositivas en clave de humor, sobre vida e obra das cinco mulleres ás que lle adicaron ata o día de hoxe As Letras. Un número notablemente inferior aos homes ( uns 60)

ROSALÍA DE CASTRO

FRANCISCA HERRERA

MARÍA MARIÑO

MARÍA VICTORIA MORENO

XELA ARIAS

Pedro, no rol do detective Castelao, reproduciu as escenas e os feitos que fan que o galego esté en perigo e acadou a nosa complicidade para mellorar a situación da lingua galega e das mulleres, en xeral. Facéndonos ver que estas cinco mulleres e outras moitas, coas súas obras salvaron o galego e AGORA TÓCANOS A NÓS.








sábado, 8 de maio de 2021

DÍA DA NAI coa colaboración de Xela

 O primeiro contacto do alumnado de 2º coa figura de Xela Arias producíuse a finais do mes de abril, cando prepararon unha tarxeta para ás súas nais, que incluía un poema do libro Darío a diario.









A BANDA DA LOBA CANTA POEMAS DE XELA

 A banda da Loba tennos xa acostumados/as ás musicalizacións de poemas das figuras máis representativas da nosa cultura. Con Xela Arias, á que afirman ter como “unha das súas grandes referentes”, non podía ser diferente. No seu último disco, Fábrica de Luz, xa se aproximaran á súa obra coa canción Tigres coma cabalos, un bolero que tamén aparecerá no novo traballo, esta vez coa incorporación da voz de Xacobe Varela, cantante do grupo Os d'Abaixo. Hasme oír será polo tanto unha homenaxe máis coidada e precisa á “gran poeta e muller transgresora que foi Xela Arias”. Conterá catro cancións, unha por cada poemario: IntempériomeDarío a diarioDenuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos, así como uns interludios musicais recitados entre cada un deles.

A peza "Intempériome" preséntase nas vésperas do 8M e poucos días despois do aniversario da homenaxeada, dúas datas clave na vida de Xela. Trátase do videoclip dunha canción que fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, con liberdade e respaldada pola rede dos afectos. Unha idea que quixeron representar neste vídeo a través da evolución dunha muller que, co que vai aprendendo co paso dos anos, adquire as ferramentas necesarias para avanzar e coidarse a medida que se fai máis vella.




LETRAS GALEGAS 2021- XELA ARIAS


Xela Arias Castaño naceu en Sarria en 1962. Filla do escritor Valentín Arias, foi unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea e sobresaíu tamén como editora e tradutora.

Os seus primeiros anos transcorren na contorna da Granxa de Barreiros, un dos proxectos pedagóxicos de Antonio Fernández López que buscaba integrar a natureza e a cultura galegas na aprendizaxe, na aldea de Ortoá.

En 1965, a familia mudouse a Lugo e ela iniciou os estudos no Colexio Fingoi. Por mor dos compromisos laborais do pai trasladouse máis tarde á parroquia de Sárdoma, en Vigo, onde rematou a ensinanza primaria. Para daquela xa gañara o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho.

De 1976 a 1980, cursou o bacharelato e o COU no Instituto Castelao. Neste ano abandonou as aulas e comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, onde desempeñou primeiro labores de administración e logo de corrección de estilo e de edición.

Desde 1982, deu a coñecer os seus poemas en recitais, festivais e xornais, revistas e fanzines (Dorna, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada etc.).

En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, asinado coa súa parella, o fotógrafo e matemático Xulio Gil, e, en 1996, o poemario Darío a diario, dedicado ao seu fillo. De 2003 é a súa derradeira obra, Intempériome.

Exerceu un labor pioneiro no mundo da tradución, ao verter ao galego os textos de Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá), W. Fernández Flórez (O bosque animado), Roald Dahl (As bruxas) ou Bram Stoker (Drácula); tamén participou na tradución de O Quixote de Cervantes ou Dublineses de Joyce. O seu traballo como tradutora fíxoa merecente de varios premios: o da Sociedade da Língua Portuguesa (1987) por Amor de perdición, de Camilo Castelo Branco; o Ramón Cabanillas (1994) por O derradeiro dos mohicanos, de Fenimore Cooper, e, postumamente, o Plácido Castro (2004) por O Spleen de París, de Baudelaire. Foi membro da Asociación de Tradutores Galegos e formou parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de tradución.

Sen abandonar as anteriores ocupacións, en 1991 retomou os estudos para cursar Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo e, posteriormente, Galego-Portugués. Desde 1999, exerceu a docencia en distintos institutos da xeografía galega. Foron anos de intensa actividade cultural e implicación cívica, nos que participou nas mobilizacións contra a Guerra de Iraq e a catástrofe do Prestige, na Festa da Muller ou nas Noites Solidarias de Implicadas no Desenvolvemento.

A súa morte en 2003, cando preparaba con Fernando Abreu o proxecto poético e musical Vencerse é cousa de se tratar, ocasionou unha fonda conmoción no mundo cultural, que lle tributou numerosas lembranzas e homenaxes, como a organizada en Vigo en 2004 pola Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación de Tradutores Galegos (ATG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).

Xela Arias anticipou nos anos oitenta moitos temas e características formais da lírica galega da década seguinte. Atreveuse a explorar o diálogo entre a poesía e a fotografía ou a música e procurou novos espazos para ela en recitais, festivais e outras intervencións. A súa é unha poesía urbana, que rompe formalmente co código poético, cunha dimensión social e precursora da escritura de xénero.

Se queredes saber máis e gozar da poesía desta extraordinaria escritora, de traballos feitos sobre ela,... pasádevos por O PORTAL DA LINGUA.