sábado, 8 de maio de 2021

A BANDA DA LOBA CANTA POEMAS DE XELA

 A banda da Loba tennos xa acostumados/as ás musicalizacións de poemas das figuras máis representativas da nosa cultura. Con Xela Arias, á que afirman ter como “unha das súas grandes referentes”, non podía ser diferente. No seu último disco, Fábrica de Luz, xa se aproximaran á súa obra coa canción Tigres coma cabalos, un bolero que tamén aparecerá no novo traballo, esta vez coa incorporación da voz de Xacobe Varela, cantante do grupo Os d'Abaixo. Hasme oír será polo tanto unha homenaxe máis coidada e precisa á “gran poeta e muller transgresora que foi Xela Arias”. Conterá catro cancións, unha por cada poemario: IntempériomeDarío a diarioDenuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos, así como uns interludios musicais recitados entre cada un deles.

A peza "Intempériome" preséntase nas vésperas do 8M e poucos días despois do aniversario da homenaxeada, dúas datas clave na vida de Xela. Trátase do videoclip dunha canción que fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, con liberdade e respaldada pola rede dos afectos. Unha idea que quixeron representar neste vídeo a través da evolución dunha muller que, co que vai aprendendo co paso dos anos, adquire as ferramentas necesarias para avanzar e coidarse a medida que se fai máis vella.




Ningún comentario:

Publicar un comentario