luns, 1 de xuño de 2026

Ondas do Ulla... falade!!!

Con enorme ledicia queremos compartir hoxe contigo o nacemento de Ondas do Ulla, a canle de YouTube da radio escolar do noso centro.
Grazas á dedicación de profes e alumn@s (e ao progreso e abaratamento das tecnoloxías tamén, por que non decilo) a radio escolar do CPI de Pontecesures é por fin unha realidade.
E non vaiades pensar que é antollo dun día... cando o trasno que escribe estas liñas chegou a este bendito lugar en setembro de 2002 unha das ideas que traia nos miolos era precisamente esa: crear unha radio escolar, e coincidiu que a orientadora daquel tempo... á que non nos cansaremos de lembrar... tiña ese mesmo devezo.
Pero o mundo daquela non era este, internet case nin existía, por dicilo así; hoxe o mundo cambiou pero o gusto pola radio segue intacto.
Iremos traéndoche a esta bitácora os pódcast conforme vaian saíndo; polo momento imos poñernos ao día comezando polo primeiro: a entrevista con Noa García, antiga alumna do Centro e xogadora das Celtas.
Por certo, vaia cabeceira e sintonía máis chulas argallaron, menud@s artistas!!!