Chegou 2026, chegou outubro a Compostela e con eles a
trixésima primeira edición de Galicreques.
Así que, se gustas dos títeres, estás de sorte!
E se aínda non, aínda máis, porque de seguro vas aprender a gozar con eles.
Se fas clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior accederás á web do festival, na que
podes consultar a programación (SEGUIR LIGAZÓN), os espazos e entradas, o Premio
Galicreques deste ano e demais.
Polo tanto, desde o 10 até o 18 de outubro as rúas de Compostela van
encherse de bonecos ben simpáticos, xa era hora!
NESTA NOTICIA de Nós Diario cóntannos que, no marco do
festival, o público escolar poderá acceder até a 12 funcións distintas (aínda
que o programa oficial indica 21).
venres, 9 de outubro de 2026
Galicreques 2026
mércores, 7 de outubro de 2026
Pontecesures Vivo
E saudable, esperemos, por moitos anos!
Así chamaron á exposición que desde finais do curso pasado está exposta entre o primeiro e o segundo andar do edificio de Primaria e Secundaria, nas escaleiras "orientais".
As instantáneas que a compoñen pretenden reflectir a biodiversidade local, tan maltratada de cando en vez...
As imaxes que nos serven de testemuño gráfico non dan idea completa da beleza das expostas, así que non deixes pasar máis tempo e achégate a desfrutalas.
@s nos@s fotógraf@s xa fixeron a súa parte...
martes, 6 de outubro de 2026
O corvo das Cíes
O coñecido investigador, xornalista e divulgador Manuel Gago
publicou O corvo das Cíes, un videoxogo gratuíto inspirado na mitoloxía e
na tradición oral galegas que recrea espazos como as Illas Cíes e o Monte
Facho.
A obra combina referentes históricos e lendarios arredor do deus Berobreo e
está dispoñible en sete linguas (galego, castelán, inglés, francés, galés,
gaélico e bretón) co propósito de divulgar o imaxinario da Galiza alén das
nosas fronteiras.
Se queres coñecer máis sobre esta novidade consulta ESTA COMPLETA NOTICIA na web de Faro de Vigo.
Se o queres é poñerte xa a voar, digo a xogar, visita gratis
A WEB DO DESENVOLVEDOR.
venres, 2 de outubro de 2026
E o Museo de Pontevedra que?
Pois o Museo de Pontevedra tamén presentou a súa
programación de outono, na que sobresaen os nomes galegos de José Suárez
e Xosé Filgueira Valverde.
Haberá tamén espazo para as mulleres do cinema arxentino e para Federico García
Lorca, outra vez en boca de tod@s (e non é para menos!).
Para os vindeiros tres meses o Museo preparou propostas que van desde
exposición temporais até concertos, proxeccións cinematográficas ou
conferencias.
Se queres coñecer como nolo contan na web de La Voz de Galicia, preme NESTA LIGAZÓN.
Se prefires, tamén a podes consultar AQUÍ A WEB DO PROPIO MUSEO.
E se queres saír xa: ESTE É O LUGAR de destino.
xoves, 1 de outubro de 2026
Uns pasos máis alá...
... chegamos ao Museo do Pobo Galego.
Uns pasos máis alá do CGAC, do que onte che falamos.
O Museo está de aniversario, cincuenta anos fai, e presenta unha programación para este outono con actividades para todos os gustos e todas as idades, que podes consultar NESTA LIGAZÓN.
Dentro desta programación hai unha chea de actividades, itinerarios, xogos ou obradoiros didácticos que poden resultar do teu interese.
Bótalle un ollo hoxe, que se o deixas para mañá igual esqueces!
Como chegar?
Pero se cho acabo de dicir: un pasos máis alá...
mércores, 30 de setembro de 2026
Outono no CGAC
Non calquera ten a un paso da casa un museo de arte contemporánea cunha programación de bastante nivel.
Nós -lonxe das polémicas- témolo, e por iso convén de cando en vez botarlle unha ollada ás exposicións do momento.
Hoxe queremos falarche de 'llla Ignorada', que podes visitar até o 12 de febreiro.
Trátase dunha exposición colectiva con altos obxectivos -comisariada pola artista galega Sara Donoso- cunha predominancia de artistas galeg@s, COMO NOS EXPLICAN NA WEB DO CGAC.
Se non sabes como ir, AQUÍ CHE DEIXAMOS O PUNTO DE CHEGADA.
Se antes prefires botarlle unha ollada ao vídeo de presentación podes facelo desde esta mesma bitácora:
martes, 29 de setembro de 2026
Ei, vidiveira!
Xa dixemos moitas veces que a presenza da lingua galega no eido dixital testemuña a súa importancia e axuda a garantir o seu futuro.
Nesta ocasión, traémosche a noticia de que unha empresa do Porriño desenvolveu o primeiro axente de voz con intelixencia artificial que funciona integramente en galego.
A ferramenta permite interactuar oralmente e recoñecer as variantes fonéticas propias das distintas zonas do país (seseo, gheada...), a diferenza dos asistentes das multinacionais.
O proxecto está orientado a dar servizo a empresas e entidades que desexan ofrecer atención personalizada a persoas galegofalantes e contribúe -como é evidente- a reforzar a presenza da lingua galega nos servizos dixitais cotiáns.
Se queres coñecer máis sobre esta novidade podes ler ou ver e escoitar ESTA NOTICIA DA GALEGA.
Se queres acceder ao asistente intelixente de fala en lingua galega podes probar a través dun clic na seguinte imaxe:
xoves, 24 de setembro de 2026
Vemos a vila con outro mural
Así dito parece que esteamos a decir con desánimo "outro mural..."
Nin moito menos! Un señor mural!
Por sorpresa colleunos a algúns cando subimos o primeiro dia de setembro desde o Centro de Saúde.
Unha sorpresa ben boa.
O centenario do Concello reflectido nun optimista, colorido e ben lucido mural.
O Trasno que escribe e suscribe puido mesmo dar os parabéns ao seu autor, Doctor Toy, ben merecidos como vemos.
O nome artístico de Doctor Toy corresponde a David Brey Vázquez, artista coruñés dedicado á pintura mural (como ben sabemos), á ilustración e é arte urbana.
A súa obra, espallada por toda Europa, ten unha característica bastante recoñecible: grandes murais figurativos, moi coloristas e cunha intención de representar o territorio ou contar unha historia relacionada co lugar onde se pinta. No noso caso, salta á vista.
Xa que logo, non se limita ao graffiti entendido como unha mera escritura ou unha intervención espontánea, vai alén diso.
Se queres coñecer máis polo miúdo a súa obra podes visitar NESTA LIGAZÓN a súa conta de Instagram.
Se estás a pensar "como verán o mural os corvos ou as pombas?" é o teu día de sorte: compróbao NESTA OUTRA LIGAZÓN ao Facebook do autor.
Á vista está que a foto non é de hoxe, verdade?
martes, 22 de setembro de 2026
Martes rima (moi moi fácil) con Artes
... e por iso hoxe falamos do Día das Artes Galegas.
A conta de que?
A conta de que foi desginada a persoa que será homenaxeada nel en 2027, que non é outra cá soprano coruñesa María Luisa Nache, nacida en 1924.
Despois de estudar na Coruña, Madrid e Roma, en 1945 debutou no Teatro Rosalía de Castro con Aida, de Verdi, e despois actuou en importantes teatros europeos e americanos. Chegou mesmo a cantar na Scala de Milán, o escenario por excelencia da Ópera. Alí participou en Medea, de Cherubini, baixo a dirección de Leonard Bernstein (un dous músicos máis salientables do século XX), compartindo escenario con Maria Callas, "a divina".
En 1963 retirouse dos escenarios e regresou á Coruña, onde desenvolveu unha importante actividade docente. Non podemos esquecer nesta breve nota a súa defensa da música vocal galega, interpretando obras de compositores como Rogelio Groba.
Como sabes, como cada ano e para celebrar precisamente o Día das Artes Galegas, aló pola primavera chegará o noso concurso de marcapáxinas, nesta caso sobre María Luisa... vai pensando nel!
luns, 21 de setembro de 2026
Psi ou pnon?
A Universidade de Santiago de Compostela presentou o 'Dicionario esencial de Psicoloxía' (dePS).
Esta ferramenta dixital gratuíta recolle arredor de 1500 conceptos básicos vinculados a este ámbito.
A publicación ofrece as correspondentes denominacións en galego, castelán e inglés, co propósito de facilitar tanto a consulta como a aprendizaxe e a precisión terminolóxica.
Ademais de servir de apoio ao estudantado, a ferramenta nace tamén como recurso útil para profesionais da psicoloxía en distintos campos de exercicio e para a cidadanía en xeral.
Se queres máis información sobre o dePS podes consultar ESTA NOTA do Consello da Cultura Galega.
Tamén podes acceder a el desde ESTA LIGAZÓN ou facendo clic na imaxe do inicio.
mércores, 16 de setembro de 2026
As lendas da Galaquia
Hai xa un tempiño o creador galego Leo Espiña Otero presentou As lendas da Galaquia.
Trátase dun videoxogo en lingua galega que combina arte, mitoloxía galega e estética retro nunha experiencia inspirada na Game Boy orixinal.
O xogo, que viu a luz co gallo do seu Traballo de Fin de Grao, transforma figuras como o trasno ou a Santa Compaña en mecánicas narrativas.
A iniciativa súmase ao movemento emerxente do videoxogo galego e reforza a presenza da lingua propia no lecer dixital.
Se queres visitar a web de Leo Otero podes facelo NESTA LIGAZÓN.
Se queres coñecer máis deralles do asunto podes ler ESTA COMPLETA NOTICIA do Faro de Vigo.
luns, 14 de setembro de 2026
Rinodicionarios... de balde!!!
- Rino que?
- Rinodicionarios!, unha aplicación móbil gratuíta que acolle nunha soa interface catro ferramentas lexicográficas para o galego.
- Ai, si? Cales son?
- Toma nota: dicionarios español-galego, latín-galego, etimolóxico e complementario.
- Non soa mal.
- Esta app, dispoñible para Android e iOS, incorpora máis de 27.000 entradas, locucións, topónimos, buscas recentes, favoritos e palabra do día, ademais de garantir a túa privacidade.
- Si, claro... E canto custa?
- Nada!!!
- Quero saber máis!
- Pois bota un ollo a ESTA NOTICIA DE CÓDIGO CERO.
- E para descargala?
- Fai clic NESTA LIGAZÓN.
venres, 11 de setembro de 2026
O Capitán Tarteras en Ondas do Ulla
Iniciamos esta nova xeira de entregas do pódcast...
Dicía Cesária Évora, a grande matriarca da canción caboverdiana, que "é doce morrer no mar..."
Nós non queremos entrar agora a debatelo, pero se cadra Daniel Ferreiro, tamén coñecido como "Capitán Tarteras", pode aclararnos se é doce cociñar no mar ou se, polo menos, a comida cociñada no mar sabe máis doce, aínda que só sexa polo contraste...
mércores, 9 de setembro de 2026
As axendas do trasno
Xa estamos de volta!!!
As vacacións nunca son suficientes, é ben sabido.
Pero é o momento de regresar.
Para facervos máis doada a organización dos vosos traballos, o Equipo de
Dinamización da Lingua Galega repartiu, como cada ano, as axendas escolares en
galego.
E, como cada ano –porque as tradicións constrúense día a día-, contamos coa
colaboración do grupo de 6º para amosarnos a axenda e o seu entusiasmo o día do comezo das clases.
Na portada e contraportada podemos ver imaxes dalgunhas
actividades desenvolvidas no noso centro no ano anterior.
Pero non só iso: tamén tedes un convite para seguirdes a Canle en WhatsApp do
Trasno Paroleiro; en realidade é un xeito máis doado de acceder aos contidos
desta bitácora directamente desde o apartado 'Novedades' de WhatsApp.
Coma no ano anterior, na contraportada da axenda figura un código QR para
acceder a esta bitácora, do mesmo xeito que na marxe dereita da túa pantalla
(se consultas a bitácora desde un computador ou activaches "Ver versión
web" no teu móbil ou tableta).
Xusto enriba del (do código QR), na bitácora, tes tamén un acceso directo á
Canle de WhatsApp da que che acabamos de falar; se segues a ligazón e lle dás a
"Seguir" xa o tes todo feito.
Ou, se prefires, pódelo facer desde a imaxe de abaixo.
En todo caso, decidas seguir a nosa canle ou non, desde O Trasno Paroleiro
trasmitímosche os nosos mellores ánimos para que o novo curso sexa
produtivo e todo o feliz que se poida.
xoves, 18 de xuño de 2026
Fran Vieites en Ondas do Ulla
Se nos preguntasen que queremos ser de maiores, se cadra a maioría diríamos que o noso soño é... ser futbolista profesional!!!
Pois Fran Vieites, antigo alumno do noso centro, alcanzou ese soño e pasou polos micros de Ondas do Ulla para contárnolo.
E se ademais podes xogar no Celta, o teu equipo, que máis se pode pedir.
Polo momento, goza do clima inglés no Leicester City, pero calquera día volvemos velo en Balaídos.
E con este pódcast, querid@s trasn@s, pechamos as entregas de Ondas do Ulla deste curso na nosa bitácora, pero xa tes máis na súa Canle de YouTube se non es capaz de esperar até setembro.
Alá che esperan Mine, Elena e o Capitán Tarteras, de momento...
martes, 16 de xuño de 2026
Nós, os papagaios...!!!
Como vén sendo habitual nos últimos anos, a Biblioteca do noso centro contou cunha subscripción anual ao xornal Nós diario e á publicación "para xente miúda", como eles din, O Papagaio.
Outr@s teñen que pagar por lelos, ti que podes achégate á Biblioteca e leos de balde!!!
xoves, 11 de xuño de 2026
これがオンライン翻訳者の目的です
Bueno, bedé, BD, banda deseñada, cómic, historieta... como queiras chamalo...
Por qué?
Porque acabou de nacer Yisus Editorial.
E que?
Yisus Editorial é un novo selo dedicado a publicar manga en galego, co propósito de conectar a nosa lingua coa cultura pop, internet e as novas xeracións lectoras.
A súa estrea é hoxe, 11 de xuño, con 'Algún día volverémonos ver', da autora chinesa Smalltung.
Trátase dunha obra de xénero yuri ambientada no Hong Kong de 2019.
A editora busca crear un espazo estable para o manga en lingua galega e responder a unha demanda cultural xuvenil que, até agora, apenas contaba con oferta na lingua propia.
Se queres coñecer máis, le ESTA NOTICIA DE CULTURA GALEGA.
Sayonara, baby!!!
mércores, 10 de xuño de 2026
Vemos a vila con outra mirada: a exposición
Despois de todo un ano de traballo do alumnado de 1º, 2º e 4º de Primaria por fin temos exposta "Vemos a vila con outra mirada" nos corredores do primeiro andar do edificio de Primaria e Secundaria.
Como sabes, estamos celebrando o centenario do noso Concello e, con el, o tema do proxecto de Biblioteca para este ano foi precisamente o desta exposición do que hoxe che traemos noticia.
As fotos nunca son un reflexo fiel, senón unha interpretación ou testemuño, así que para sacarlle todo o partido non deixes pasar o tempo e bótalle "outra mirada": a túa!!!






































