Amosando publicacións coa etiqueta TEMPO LIBRE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta TEMPO LIBRE. Amosar todas as publicacións

venres, 9 de outubro de 2026

Galicreques 2026

 

Chegou 2026, chegou outubro a Compostela e con eles a trixésima primeira edición de Galicreques.
Así que, se gustas dos títeres, estás de sorte!
E se aínda non, aínda máis, porque de seguro vas aprender a gozar con eles.
Se fas clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior accederás á web do festival, na que podes consultar a programación (SEGUIR LIGAZÓN), os espazos e entradas, o Premio Galicreques deste ano e demais.
Polo tanto, desde o 10 até o 18 de outubro as rúas de Compostela van encherse de bonecos ben simpáticos, xa era hora!
NESTA NOTICIA de Nós Diario cóntannos que, no marco do festival, o público escolar poderá acceder até a 12 funcións distintas (aínda que o programa oficial indica 21).

xoves, 8 de outubro de 2026

Para ben ou para mal, GaleTikTokers.7

O Concello de Ames convoca a sétima edición de GaleTikTokers, un certame que busca impulsar a creatividade da mocidade e aumentar a presenza da lingua galega en TikTok e Instagram.
A participación está aberta a persoas desde os 13 anos con vídeos propios en lingua galega de entre 15 e 60 segundos.
Podes enviar o teu vídeo en galego ata o 30 de outubro, xunto coa ficha de participación, que podes DESCARGAR NESTA LIGAZÓN, ao enderezo electrónico galetiktokers26@gmail.com.
Haberá seis premios, de 300 euros cada un, que se repartirán nunha gala que terá lugar o sábado 21 novembro de 2026.
Premendo NESTA LIGAZÓN podes consultar o folleto informativo do VII Certame GaleTikTokers.
Tamén podes CONSULTAR AQUÍ a nova na web do Concello de Ames.
A iniciativa complétase con xornadas formativas nos centros de ensino para achegar a creación dixital en lingua galega ao alumnado.


martes, 6 de outubro de 2026

O corvo das Cíes

O coñecido investigador, xornalista e divulgador Manuel Gago publicou O corvo das Cíes, un videoxogo gratuíto inspirado na mitoloxía e na tradición oral galegas que recrea espazos como as Illas Cíes e o Monte Facho.
A obra combina referentes históricos e lendarios arredor do deus Berobreo e está dispoñible en sete linguas (galego, castelán, inglés, francés, galés, gaélico e bretón) co propósito de divulgar o imaxinario da Galiza alén das nosas fronteiras.
Se queres coñecer máis sobre esta novidade consulta ESTA COMPLETA NOTICIA na web de Faro de Vigo.
Se o queres é poñerte xa a voar, digo a xogar, visita gratis A WEB DO DESENVOLVEDOR.

venres, 2 de outubro de 2026

E o Museo de Pontevedra que?

Pois o Museo de Pontevedra tamén presentou a súa programación de outono, na que sobresaen os nomes galegos de José Suárez e Xosé Filgueira Valverde.
Haberá tamén espazo para as mulleres do cinema arxentino e para Federico García Lorca, outra vez en boca de tod@s (e non é para menos!).
Para os vindeiros tres meses o Museo preparou propostas que van desde exposición temporais até concertos, proxeccións cinematográficas ou conferencias.
Se queres coñecer como nolo contan na web de La Voz de Galicia, preme NESTA LIGAZÓN.
Se prefires, tamén a podes consultar AQUÍ A WEB DO PROPIO MUSEO.
E se queres saír xa: ESTE É O LUGAR de destino.


xoves, 1 de outubro de 2026

Uns pasos máis alá...

... chegamos ao Museo do Pobo Galego.
Uns pasos máis alá do CGAC, do que onte che falamos.
O Museo está de aniversario, cincuenta anos fai, e presenta unha programación para este outono con actividades para todos os gustos e todas as idades, que podes consultar NESTA LIGAZÓN.
Dentro desta programación hai unha chea de actividades, itinerarios, xogos ou obradoiros didácticos que poden resultar do teu interese.
Bótalle un ollo hoxe, que se o deixas para mañá igual esqueces!
Como chegar? 
Pero se cho acabo de dicir: un pasos máis alá...

mércores, 30 de setembro de 2026

Outono no CGAC

Non calquera ten a un paso da casa un museo de arte contemporánea cunha programación de bastante nivel.
Nós -lonxe das polémicas- témolo, e por iso convén de cando en vez botarlle unha ollada ás exposicións do momento.
Hoxe queremos falarche de 'llla Ignorada', que podes visitar até o 12 de febreiro.
Trátase dunha exposición colectiva 
con altos obxectivos -comisariada pola artista galega Sara Donoso- cunha predominancia de artistas galeg@s, COMO NOS EXPLICAN NA WEB DO CGAC.
Se non sabes como ir, AQUÍ CHE DEIXAMOS O PUNTO DE CHEGADA.
Se antes prefires botarlle unha ollada ao vídeo de presentación podes facelo desde esta mesma bitácora:



luns, 28 de setembro de 2026

Foto!!! Foto!!!

Hoxe queremos convocarte a unha actividade que se vai desenvolver este venres, 2 de outubro, de 17:00 a 19:00, no Centro Social de Pontecesures.
Si, vale, pero de que se trata?
Trátase dun OBRADOIRO de Intervención na rúa.
En concreto, dun obradoiro colaborativo e expositivo de fotografía rueira co colectivo Sol&Zap (Sol Kabañas e Felipe Zapico), que forma parte do ciclo de obradoiros ChiscArte.
Neste obradoiro aprenderás sobre colaxes, adhesivos e propostas non invasivas no espazo público.
Banksy comezou así...
A actividade é para persoas de toda condición "a partir de 9 anos" e totalmente gratuíta.
Cada persoa pode levar un máximo de 5 fotografías propias en pequeno ou mediano formato (preferiblemente fotocopias ou impresas de xeito sinxelo) para formar un gran "cardume fotográfico" colectivo.
Anímate, ho!

venres, 18 de setembro de 2026

Fútbol e Música, Música e Fútbol

Contabámosche o martes que a ANPA xa puxo en marcha as súas actividades extraescolares.
Está claro que nesta vila se alguén se aburre é porque quere, porque hoxe traémosche tamén referencia doutras dúas posibilidades: música e fútbol, ou fútbol e música, que tanto monta, monta tanto.
Como podes ver nas imaxes xa podes solicitar a túa inscrición (ou case case) námbalas dúas actividades, que realmente son moitas máis de dúas...

Por se tes algún problema coas imaxes ou o por se o teu teléfono xa che deixa chamar desde este texto, indicámosche unha vez máis os teléfonos de contacto, por se queres inscribirte ou aclarar información:
- Escola de Música Moderna: 645 93 57 20
- Escola Municipal de Fútbol: 629 82 40 09 
Ai, se no Bosque dos Trasnos houbese estas actividades cando era un trasniño que só quería bulir, cantar e dar patadas aos cogomelos...

mércores, 16 de setembro de 2026

As lendas da Galaquia

Hai xa un tempiño o creador galego Leo Espiña Otero presentou As lendas da Galaquia.
Trátase dun videoxogo en lingua galega que combina arte, mitoloxía galega e estética retro nunha experiencia inspirada na Game Boy orixinal.
O xogo, que viu a luz co gallo do seu Traballo de Fin de Grao, transforma figuras como o trasno ou a Santa Compaña en mecánicas narrativas.
A iniciativa súmase ao movemento emerxente do videoxogo galego e reforza a presenza da lingua propia no lecer dixital.
Se queres visitar a web de Leo Otero podes facelo NESTA LIGAZÓN.
Se queres coñecer máis deralles do asunto podes ler ESTA COMPLETA NOTICIA do Faro de Vigo. 

martes, 15 de setembro de 2026

Chegou setembro, solta a Play!!!

Efectivamente, chegou setembro, para o bo e para o malo.
Entre o bo, a chea de actividades programadas pola ANPA para o alumnado do noso Centro.
Como podes ver na imaxe, a partir das 15.45 hai actividades para todos os gustos: patinaxe, ximnasia rítmica, multideporte, manualidades, pintura... e voleibol!
Consulta as condicións na imaxe, que parece baratiño e doado de conseguir.
E, ante calquera dúbida, ponte en contacto coa ANPA.


venres, 19 de xuño de 2026

Fin de festa ou festa de fin ou...?

Ou fin de festa de fin... de curso.
Ata aquí chegou o curso 2025-2026, que foi mellor có anterior; non o tiña difícil.
E para celebralo nada mellor que un festival en condicións, unha festa da escuma á tarde para @s máis cativ@s entre outras propostas...
... e vacacións, que non falten!!!
Dous días nada menos, señora, dous días!!!
Entre onte e hoxe houbo tempo para todo: música, graduacións, deporte do que se debe facer, comida da que non se debe comer...
Non imos dar máis a vara, que teño un cruceiro á Patagonia que me espera... nada malo pode saír dalá, non? E esa rata???
Unha cousa só: lembra que, fagas o que fagas nestes meses... PON CREMA!!!
ATA SETEMBRO!!!
BO VERÁN!!!


martes, 9 de xuño de 2026

Ondas do Ulla... deixádevos navegar!!!

Conta o calendario (e por días o tempo confirma) que o verán chegou.
En parte por iso, pero non só, o pasado xoves o alumnado de 5º e 6º deixou as aulas e baixou ao río para se iniciar no fermoso e divertidísimo mundo do piragüismo.
Das imaxes podemos deducir que moi mal, o que se di moi mal, non o pasaron.
Había @s que xa tiñan calo de tanto navegar, pero tamén @s que debutaron subid@s á seguridade dos -por outro lado pesados- autobaleirables.
Despois do ben que o pasaron esta primeira vez, xa estarán contando as horas... porque o martes 16 volven coller a pá.
E se quedan con gañas de máis, están de noraboa, porque agora que xa saben de que falamos cando falamos de piragüismo poden apuntarse á Escola de Verán e, ¿por que non?, continuar navegando toda a vida.


xoves, 16 de abril de 2026

Hai vida despois da Pascuilla

Como é que podemos afirmalo con tanta rotundidade?
Porque nuns días a música urbana en lingua galega será a protagonista do Cruceiro Fest, en Santiago, o 30 de abril.
Trátase da primeira edición do Cruceiro Fest, un novo evento centrado na música urbana en lingua galega que reunirá en Salgueiriños (preto da Xunta, para que te sitúes) dez propostas artísticas e nove horas de concertos, nada menos!
Impulsado pola Comisión de Festas do Cruceiro da Coruña 2026, o festival preséntase como unha nova plataforma para visibilizar a creación musical en lingua galega.
Xunto co Galegote de Pontevedra, é ademais un dos poucos festivais da Galiza concibidos expresamente arredor da música na nosa lingua.
Se queres saber máis, podes SEGUIR ESTA LIGAZÓN DE CULTURA GALEGA.
Ten un pero, iso si: hai que pagar.


xoves, 26 de febreiro de 2026

Tamén no 26, Lingua de Namorar!

Neste 2026 volve convocarse o clásico 'Lingua de Namorar' (chega xa á súa 15ª edición), do que xa vos falamos en anos anteriores.
Este concurso en liña promove o uso da lingua galega entre a mocidade nas redes sociais para enviar mensaxes de amor.
Trátase dun certame -como sabemos- impulsado pola Xunta e conta con tres categorías: dúas para a web (unha para moz@s de 14 a 19 anos e outra para @s de 20 a 35) e unha exclusiva para a rede social Instagram (dos 14 aos 35 anos).
A mocidade poderá achegar as súas mensaxes ata o 16 de marzo.
Evidentemente, estas mensaxes deberán estar escritas en lingua galega, en prosa ou en verso, á túa escolla, xa que non hai límites cando se trata de persuadir amorosamente.
Se queres máis datos sobre a edición de 2026 deste concurso podes consultar ESTA NOTICIA do Portal da Lingua Galega.
Achegámosche tres ligazóns máis para que vexas o fácil que é participar:
- Web do certame
- Bases do certame
- Formulario de inscrición


martes, 10 de febreiro de 2026

Entroideir@s de Cesures!!!

Facemos saber que ata o venres, 13 de febreiro, ás 14:00, podedes inscribirvos para participar no desfile de Entroido que partirá da rúa Portarraxoi ás 17:00 horas do domingo, día 15 de febreiro.
As asociacións, clubs e centros educativos do Concello de Pontecesures que participen no desfile como comparsa (con máis de 10 membros) percibirán unha gratificiación de 100 euros só por participar!!!
Se queres inscribirte XA, a ficha de inscrición tela NESTA LIGAZÓN.
Se queres consultar o anuncio e as bases (publicados no BOP) podes CONSULTALOS AQUÍ.


martes, 27 de xaneiro de 2026

Calendario Escolar Galego 2026

O pasado venres foi difundido o Calendario Escolar Galego, en cuxa elaboración colabora por oitavo ano a Universidade da Coruña.
Esta versión galega do Calendario Científico Escolar é un recurso educativo dirixido ao ensino obrigatorio.
O proxecto reflicte efemérides científicas ao longo do ano e complétase cunha guía didáctica accesible e inclusiva.
A iniciativa procura promover a cultura científica, a igualdade e o uso normalizado da lingua galega nas aulas.
O material será distribuído nos centros educativos e xa pode descargarse libremente.
Para coñecer máis sobre esta iniciativa podes consultar NESTA LIGAZÓN a web da Universidade da Coruña.
Se queres descargar directamente o Calendario Científico Escolar en Galego de 2026 fai clic NESTA LIGAZÓN.
Se queres descargar unha carperta comprimida co calendario e outros materiais (como por exemplo o xogo da Oca da Ciencia ou a guía didáctica que antes mencionamos) fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe do inicio.



mércores, 21 de xaneiro de 2026

O vello dos podcasts

Acabou de abrirse o prazo para participar na oitava edición dos Premios Internacionais de Pódcast Xosé Mosquera Pérez.
Destacado intelectual e comunicador, Mosquera era coñecido na rúa como 'O Vello dos Contos'.
Estes premios están destinados a alumnado de diferentes niveis educativos de Galicia e Portugal, incluído o ámbito universitario.
Decide pronto se che interesa participar, porque o prazo de inscrición remata o 13 de febreiro de 2026.
Os traballos deberán entregarse antes do 1 de maio de 2026.
As persoas participantes elaborarán un pódcast propio e inédito, en lingua galega ou portuguesa, cunha duración máxima de cinco minutos.
Os traballos deberán abordar cuestións vinculadas á figura homenaxeada, á historia da radio en Galicia, á cultura galega e portuguesa ou a contidos curriculares oficiais. 
Se queres consultar máis información sobre estes premios tela NA WEB DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA.
Para consultar directamente as bases dos premios preme AQUÍ.
Para inscribires o teu traballo tes que incluír obrigatoriamente:
1.Breve sinopse de cada pódcast (un parágrafo).
2.Material gráfico (1, 2 ou 3 imaxes en formato .jpg ou .png) sobre o momento da gravación do pódcast ou do seu proceso de elaboración.
3.O formulario adxunto dispoñible na web do certame na seguinte ligazón:
http://www.arraianos.com/OVDC/Formulario_OVDC.pdf
4.Arquivo ou enlace de descarga do pódcast (o enlace debe ser accesible durante todo o proceso de selección e valoración)


luns, 19 de xaneiro de 2026

Enreghéifate, ho!!!

 

Xa está aí o Entroido asomando os fociños (fusiños) e nada mellor para irse preparando que unha boa dose de regueifa (regheifa).
E se podemos montar outra festa ou gañar algún premio con iso, pois aínda mellor.
Así que che alegrará saber que xa podes enviar as túas pezas para participar na edición de 2026 do certame audiovisual do Enreguéifate.
Esta iniciativa, como podes imaxinar, procura promover a improvisación oral en verso como ferramenta de dinamización da lingua galega. 
Nesta novena edición mantén dúas categorías (a xeral e a escolar), cunha ampla variedade de premios que recoñecen a creatividade e a diversidade expresiva.
En concreto, concederanse oito regueipremios, que recoñecerán a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada, a mellor falada, a máis inclusiva e a máis entroideira.
A entrega destes premios terá lugar na gala do xoves, 16 de abril, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra.
Para enviar as túas pezas tes aberto o prazo até o 6 de marzo.
Se queres máis información, podes consultar ESTA NOTA na web do Concello de Santiago de Compostela.
Para realizar a inscrición, sigue ESTA LIGAZÓN.
Para consultar as bases completas, TELAS AQUÍ nun pdf e, con menos resolución, na seguinte imaxe:


venres, 16 de xaneiro de 2026

Versos desde Begoña

 

O IES San Clemente de Santiago de Compostela convoca un ano máis o seu concurso de poesía escurecida.
Se o ano pasado estivo dedicado a Castelao, nesta ocasión toma como punto de partida a obra de Begoña Caamaño, que -como sabes- é a autora protagonista do Día das Letras Galegas neste 2026.
Pode participar no concurso calquera persoa do mundo pero ten en conta que as obras poderán presentarse até o 29 de xaneiro de 2026.
Para facelo, debes enviar o teu traballo por correo electrónico a: edlg@iessanclemente.net, con indicación:
- do nome da autora ou do autor,
- da categoría en que participa,
- no caso de que sexa estudante cal é o seu curso e centro de ensino e
- da obra de Begoña Caamaño á que pertence a páxina seleccionada para a súa creación.
Se queres coñecer en que consiste a técnica da poesía escurecida ou consultar as bases completas do concurso visita NESTA LIGAZÓN a web do IES San Clemente.