Amosando publicacións coa etiqueta SAÍDAS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta SAÍDAS. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de outubro de 2026

Horta conta moito

O pasado xoves, día 8 de outubro, o alumnado de 5º e 6º de E.P. achegouse á Biblioteca Municipal de Pontecesures para asistir a dúas dinámicas presentadas por Biophilia Axencia Ambiental.
'Horta sensitiva', para o alumnado de 5º, consistiu nun obradoiro práctico de horta sostible no que prepararon sementeiras con materiais reciclados, exploraron a fauna do compost e plantaron sementes e plántulas de tempada.
Como resultado, decoraron os seus maceteiros para levar a casa, aprendendo sobre alimentación saudable e autoconsumo.

O alumnado de 6º, pola súa parte, participou en 'Menos mercar, máis crear'.
Neste obradoiro traballaron a reutilización creativa téxtil.
O alumnado aprendeu a darlle unha nova vida a prendas vellas, concienciouse sobre o impacto social, económico e ambiental da moda rápida, coñeceu os principios básicos da economía circular, aprendeu a interpretar etiquetas, a distinguir distintos tipos de tecidos e a coidar da roupa.
Unha mañá ben aproveitada, como dicía o outro.
Ámbalas dúas actividades, que xa non o diciamos, forman parte do programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

mércores, 23 de setembro de 2026

Vuela pluma

Queremos hoxe recordarche unha das saídas das que non tivemos tempo de falarche antes do verán.
A finais do mes de maio, a rapazada de Infantil e 1º de Educación Primaria achegouse ao teatro Afundación de Santiago de Compostela para asistir ao espectáculo "Vuela pluma", da compañía Periferia Teatro.

Esta función recibiu o Premio Titirijai no Festival Internacional de Marionetas de Tolosa no ano 2015, nada menos.
"Vuela pluma" cóntanos a historia dun paxaro que vivía «feliz» na súa gaiola, ata que un día tivo un soño… a gaiola abriuse e as súas ás levárono á procura doutros paxaros coma el.
Trátase dun conto sobre a liberdade, a amizade, a procura dos nosos soños e o respecto pola verdadeira natureza dos seres vivos.
A moralexa a tirar é que axudándonos uns aos outros -mira ti que sorpresa- conseguiremos chegar moito máis alto.


luns, 15 de xuño de 2026

Vento en popa a toda vela!!!

 

O verán xa está aquí, o climático; o astronómico chegará nunha semana.
Anticipándose a el, o alumnado de 5º e 6º de Primaria achegouse o pasado mércores a Vilagarcía de Arousa para dar os seus primeiros pasos no mundo da vela.
Ou, máis que os seus primeiros pasos, as súas primeiras viradas, que é do que se trata.
Os rumbos e o resto da terminoloxía náutica quedan para as seguintes leccións.
E xa que estamos a falar de vela, traémosche tamén noticias da nosa, da vela tradicional galega, que acabou de celebrar este sábado en Portonovo o comezo dunha nova edición da Copa Mörling.
Bótalle unha ollada a esta noticia do Diario de Arousa que nolo conta, ou a esta de Xornal 21, máis actualizada.





martes, 9 de xuño de 2026

Ondas do Ulla... deixádevos navegar!!!

Conta o calendario (e por días o tempo confirma) que o verán chegou.
En parte por iso, pero non só, o pasado xoves o alumnado de 5º e 6º deixou as aulas e baixou ao río para se iniciar no fermoso e divertidísimo mundo do piragüismo.
Das imaxes podemos deducir que moi mal, o que se di moi mal, non o pasaron.
Había @s que xa tiñan calo de tanto navegar, pero tamén @s que debutaron subid@s á seguridade dos -por outro lado pesados- autobaleirables.
Despois do ben que o pasaron esta primeira vez, xa estarán contando as horas... porque o martes 16 volven coller a pá.
E se quedan con gañas de máis, están de noraboa, porque agora que xa saben de que falamos cando falamos de piragüismo poden apuntarse á Escola de Verán e, ¿por que non?, continuar navegando toda a vida.


luns, 8 de xuño de 2026

Dentro do labirinto

A semana pasada o alumnado de 1º, 2º, 3º e 4º de Primaria realizou unha saída de fin de curso do máis interesante, divertida e instrutiva.
Onde foron? Ao Parque Rupestre de Campo Lameiro.
Aló, ademais de percorrer o parque para coñecer os petróglifos -que tantos séculos viron pasar ata hoxe-, fixeron obradoiros de arqueoloxía imitando as figuras rupestres e elaborando pezas de barro.
Algún mesmo estivo a piques de se perder no labirinto...





xoves, 4 de xuño de 2026

Que ghalo é!

Hai xa unhas semanas @s nos@s compañeir@s de 1º e 2º cursos de Primaria foron plantar árbores ao miradoiro do Galiñeiro.
Non foi mal plan para un día de primavera, sobre todo se non chove!
Ademais de ser unha actividade superestupenda para calquera grupo escolar, calla moi ben co Plan Proxecta de Paisaxe e Sostibilidade, que volveu activar no presente curso o noso Centro, e co tema da biblioteca para este ano, Vemos a vila con outra mirada.
Iso ninguén o negará: desde o Galiñeiro vese a vila... con outra mirada.


venres, 5 de decembro de 2025

Contos Azuis e Teatros Composteláns

Estes días o alumnado dos primeiros cursos de primaria (1º, 2º e 3º) adentrouse no universo dun clásico da literatura galega contemporánea: A galiña azul, de Carlos Casares.
Nas fotos podemos ver parte do resultado do seu traballo.

Leron o conto, fixeron actividades relacionadas coa historia da famosa galiña azul de Lorenzo e, por fin onte, foron ver a obra de teatro a Santiago de Compostela.
No teatro Afundación as nenas e os nenos de 1º, 2º e 3º disfrutaron da peza, pero tamén fóra, nas rúas da cidade, xa que aproveitaron para pasear pola praza do Obradoiro e ver a aldea de Nadal alí exposta e, por suposto, os emblemáticos edificios que a rodean.