Amosando publicacións coa etiqueta NO COLE. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta NO COLE. Amosar todas as publicacións

mércores, 14 de outubro de 2026

Horta conta moito

O pasado xoves, día 8 de outubro, o alumnado de 5º e 6º de E.P. achegouse á Biblioteca Municipal de Pontecesures para asistir a dúas dinámicas presentadas por Biophilia Axencia Ambiental.
'Horta sensitiva', para o alumnado de 5º, consistiu nun obradoiro práctico de horta sostible no que prepararon sementeiras con materiais reciclados, exploraron a fauna do compost e plantaron sementes e plántulas de tempada.
Como resultado, decoraron os seus maceteiros para levar a casa, aprendendo sobre alimentación saudable e autoconsumo.

O alumnado de 6º, pola súa parte, participou en 'Menos mercar, máis crear'.
Neste obradoiro traballaron a reutilización creativa téxtil.
O alumnado aprendeu a darlle unha nova vida a prendas vellas, concienciouse sobre o impacto social, económico e ambiental da moda rápida, coñeceu os principios básicos da economía circular, aprendeu a interpretar etiquetas, a distinguir distintos tipos de tecidos e a coidar da roupa.
Unha mañá ben aproveitada, como dicía o outro.
Ámbalas dúas actividades, que xa non o diciamos, forman parte do programa Ler conta moito, da Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia.

mércores, 7 de outubro de 2026

Pontecesures Vivo

E saudable, esperemos, por moitos anos!
Así chamaron á exposición que desde finais do curso pasado está exposta entre o primeiro e o segundo andar do edificio de Primaria e Secundaria, nas escaleiras "orientais".
As instantáneas que a compoñen pretenden reflectir a biodiversidade local, tan maltratada de cando en vez...
As imaxes que nos serven de testemuño gráfico non dan idea completa da beleza das expostas, así que non deixes pasar máis tempo e achégate a desfrutalas.
@s nos@s fotógraf@s xa fixeron a súa parte... 


luns, 5 de outubro de 2026

Está de medo... V!!!!

 

Xa se sabe que non hai quinto malo, como din en España.
Por iso, un ano máis, para celebrar o Samaín, o EDLG convoca hoxe, día 5, a quinta edición do concurso "Está de medo!!!"
Como de costume, no noso certame de portadas de relatos e libros de terror en lingua galega pode participar o alumnado do noso Centro, nas condicións que indican as bases das imaxes que tes a seguir.
Como podes ler nelas, haberá premios para as propostas preferidas do xurado, pero o maior premio é gozar co debuxo e co medo que pases...
Anímate a participar, que (como xa advertimos o ano pasado) non sabes o molesto que é o trasno cando se pon de morros...
Se queres ver algúns exemplos de portadas de libros podes seguir ESTA LIGAZÓN á bitácora Plásticos e Cesureños. 


xoves, 24 de setembro de 2026

Vemos a vila con outro mural

 

Así dito parece que esteamos a decir con desánimo "outro mural..."
Nin moito menos! Un señor mural!
Por sorpresa colleunos a algúns cando subimos o primeiro dia de setembro desde o Centro de Saúde.
Unha sorpresa ben boa.
O centenario do Concello reflectido nun optimista, colorido e ben lucido mural.
O Trasno que escribe e suscribe puido mesmo dar os parabéns ao seu autor, Doctor Toy, ben merecidos como vemos.
O nome artístico de Doctor Toy corresponde a David Brey Vázquez, artista coruñés dedicado á pintura mural (como ben sabemos), á ilustración e é arte urbana.
A súa obra, espallada por toda Europa, ten unha característica bastante recoñecible: grandes murais figurativos, moi coloristas e cunha intención de representar o territorio ou contar unha historia relacionada co lugar onde se pinta. No noso caso, salta á vista.
Xa que logo, non se limita ao graffiti entendido como unha mera escritura ou unha intervención espontánea, vai alén diso.
Se queres coñecer máis polo miúdo a súa obra podes visitar NESTA LIGAZÓN a súa conta de Instagram.
Se estás a pensar "como verán o mural os corvos ou as pombas?" é o teu día de sorte: compróbao NESTA OUTRA LIGAZÓN ao Facebook do autor.
Á vista está que a foto non é de hoxe, verdade?


mércores, 23 de setembro de 2026

Vuela pluma

Queremos hoxe recordarche unha das saídas das que non tivemos tempo de falarche antes do verán.
A finais do mes de maio, a rapazada de Infantil e 1º de Educación Primaria achegouse ao teatro Afundación de Santiago de Compostela para asistir ao espectáculo "Vuela pluma", da compañía Periferia Teatro.

Esta función recibiu o Premio Titirijai no Festival Internacional de Marionetas de Tolosa no ano 2015, nada menos.
"Vuela pluma" cóntanos a historia dun paxaro que vivía «feliz» na súa gaiola, ata que un día tivo un soño… a gaiola abriuse e as súas ás levárono á procura doutros paxaros coma el.
Trátase dun conto sobre a liberdade, a amizade, a procura dos nosos soños e o respecto pola verdadeira natureza dos seres vivos.
A moralexa a tirar é que axudándonos uns aos outros -mira ti que sorpresa- conseguiremos chegar moito máis alto.


martes, 22 de setembro de 2026

Martes rima (moi moi fácil) con Artes

 ... e por iso hoxe falamos do Día das Artes Galegas.
A conta de que?
A conta de que foi desginada a persoa que será homenaxeada nel en 2027, que non é outra cá soprano coruñesa María Luisa Nache, nacida en 1924.
Despois de estudar na Coruña, Madrid e Roma, en 1945 debutou no Teatro Rosalía de Castro con Aida, de Verdi, e despois actuou en importantes teatros europeos e americanos. Chegou mesmo a cantar na Scala de Milán, o escenario por excelencia da Ópera. Alí participou en Medea, de Cherubini, baixo a dirección de Leonard Bernstein (un dous músicos máis salientables do século XX), compartindo escenario con Maria Callas, "a divina".

Tamén traballou con  outras figuras como Franco Corelli, Richard Tucker, Fedora Barbieri ou Jon Vickers. O seu repertorio , que incluíu principalmente óperas de Verdi e Puccini, abrangueu arredor de 45 papeis.
En 1963 retirouse dos escenarios e regresou á Coruña, onde desenvolveu unha importante actividade docente. Non podemos esquecer nesta breve nota a súa defensa da música vocal galega, interpretando obras de compositores como Rogelio Groba.
Como sabes, como cada ano e para celebrar precisamente o Día das Artes Galegas, aló pola primavera chegará o noso concurso de marcapáxinas, nesta caso sobre María Luisa... vai pensando nel!



martes, 15 de setembro de 2026

Chegou setembro, solta a Play!!!

Efectivamente, chegou setembro, para o bo e para o malo.
Entre o bo, a chea de actividades programadas pola ANPA para o alumnado do noso Centro.
Como podes ver na imaxe, a partir das 15.45 hai actividades para todos os gustos: patinaxe, ximnasia rítmica, multideporte, manualidades, pintura... e voleibol!
Consulta as condicións na imaxe, que parece baratiño e doado de conseguir.
E, ante calquera dúbida, ponte en contacto coa ANPA.


venres, 11 de setembro de 2026

O Capitán Tarteras en Ondas do Ulla

Iniciamos esta nova xeira de entregas do pódcast...

Dicía Cesária Évora, a grande matriarca da canción caboverdiana, que "é doce morrer no mar..."
Nós non queremos entrar agora a debatelo, pero se cadra Daniel Ferreiro, tamén coñecido como "Capitán Tarteras", pode aclararnos se é doce cociñar no mar ou se, polo menos, a comida cociñada no mar sabe máis doce, aínda que só sexa polo contraste...

xoves, 10 de setembro de 2026

Cé Orquestra Pantasma

Existe mellor maneira de comezar o ano que cunha actuación dun home orquestra?
Vale, si, con vacacións, pero non pode ser.
Así que, dentro do posible, tivemos onte o mellor comezo de curso posible.
César Freiria, máis coñecido nas festas como Cé Orquestra Pantasma, achegouse ata o noso Centro para divertir a nenas e nenos de todos os cursos con dúas divertidísimas actuacións.
No noso patio, ao aire libre, á sombra da nosa benquerida árbore, como debe ser!!!
Agora que Blogger xa solucionou a súa incidencia mundial que o impedía, aquí mesmo tedes testemuño gráfico destas dúas actuacións.


mércores, 9 de setembro de 2026

As axendas do trasno

Xa estamos de volta!!!
As vacacións nunca son suficientes, é ben sabido.
Pero é o momento de regresar.
Para facervos máis doada a organización dos vosos traballos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega repartiu, como cada ano, as axendas escolares en galego.
E, como cada ano –porque as tradicións constrúense día a día-, contamos coa colaboración do grupo de 6º para amosarnos a axenda e o seu entusiasmo o día do comezo das clases.

Na portada e contraportada podemos ver imaxes dalgunhas actividades desenvolvidas no noso centro no ano anterior.
Pero non só iso: tamén tedes un convite para seguirdes a Canle en WhatsApp do Trasno Paroleiro; en realidade é un xeito máis doado de acceder aos contidos desta bitácora directamente desde o apartado 'Novedades' de WhatsApp.
Coma no ano anterior, na contraportada da axenda figura un código QR para acceder a esta bitácora, do mesmo xeito que na marxe dereita da túa pantalla (se consultas a bitácora desde un computador ou activaches "Ver versión web" no teu móbil ou tableta).
Xusto enriba del (do código QR), na bitácora, tes tamén un acceso directo á Canle de WhatsApp da que che acabamos de falar; se segues a ligazón e lle dás a "Seguir" xa o tes todo feito. 
Ou, se prefires, pódelo facer desde a imaxe de abaixo.
En todo caso, decidas seguir a nosa canle ou non, desde O Trasno Paroleiro trasmitímosche os nosos mellores ánimos para que o novo curso sexa produtivo e todo o feliz que se poida.