martes, 22 de setembro de 2026

Martes rima (moi moi fácil) con Artes

 ... e por iso hoxe falamos do Día das Artes Galegas.
A conta de que?
A conta de que foi desginada a persoa que será homenaxeada nel en 2027, que non é outra cá soprano coruñesa María Luisa Nache, nacida en 1924.
Despois de estudar na Coruña, Madrid e Roma, en 1945 debutou no Teatro Rosalía de Castro con Aida, de Verdi, e despois actuou en importantes teatros europeos e americanos. Chegou mesmo a cantar na Scala de Milán, o escenario por excelencia da Ópera. Alí participou en Medea, de Cherubini, baixo a dirección de Leonard Bernstein (un dous músicos máis salientables do século XX), compartindo escenario con Maria Callas, "a divina".

Tamén traballou con  outras figuras como Franco Corelli, Richard Tucker, Fedora Barbieri ou Jon Vickers. O seu repertorio , que incluíu principalmente óperas de Verdi e Puccini, abrangueu arredor de 45 papeis.
En 1963 retirouse dos escenarios e regresou á Coruña, onde desenvolveu unha importante actividade docente. Non podemos esquecer nesta breve nota a súa defensa da música vocal galega, interpretando obras de compositores como Rogelio Groba.
Como sabes, como cada ano e para celebrar precisamente o Día das Artes Galegas, aló pola primavera chegará o noso concurso de marcapáxinas, nesta caso sobre María Luisa... vai pensando nel!



Ningún comentario:

Publicar un comentario