Amosando publicacións coa etiqueta CONMEMORACIÓNS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta CONMEMORACIÓNS. Amosar todas as publicacións

luns, 5 de outubro de 2026

Está de medo... V!!!!

 

Xa se sabe que non hai quinto malo, como din en España.
Por iso, un ano máis, para celebrar o Samaín, o EDLG convoca hoxe, día 5, a quinta edición do concurso "Está de medo!!!"
Como de costume, no noso certame de portadas de relatos e libros de terror en lingua galega pode participar o alumnado do noso Centro, nas condicións que indican as bases das imaxes que tes a seguir.
Como podes ler nelas, haberá premios para as propostas preferidas do xurado, pero o maior premio é gozar co debuxo e co medo que pases...
Anímate a participar, que (como xa advertimos o ano pasado) non sabes o molesto que é o trasno cando se pon de morros...
Se queres ver algúns exemplos de portadas de libros podes seguir ESTA LIGAZÓN á bitácora Plásticos e Cesureños. 


xoves, 1 de outubro de 2026

Uns pasos máis alá...

... chegamos ao Museo do Pobo Galego.
Uns pasos máis alá do CGAC, do que onte che falamos.
O Museo está de aniversario, cincuenta anos fai, e presenta unha programación para este outono con actividades para todos os gustos e todas as idades, que podes consultar NESTA LIGAZÓN.
Dentro desta programación hai unha chea de actividades, itinerarios, xogos ou obradoiros didácticos que poden resultar do teu interese.
Bótalle un ollo hoxe, que se o deixas para mañá igual esqueces!
Como chegar? 
Pero se cho acabo de dicir: un pasos máis alá...

xoves, 24 de setembro de 2026

Vemos a vila con outro mural

 

Así dito parece que esteamos a decir con desánimo "outro mural..."
Nin moito menos! Un señor mural!
Por sorpresa colleunos a algúns cando subimos o primeiro dia de setembro desde o Centro de Saúde.
Unha sorpresa ben boa.
O centenario do Concello reflectido nun optimista, colorido e ben lucido mural.
O Trasno que escribe e suscribe puido mesmo dar os parabéns ao seu autor, Doctor Toy, ben merecidos como vemos.
O nome artístico de Doctor Toy corresponde a David Brey Vázquez, artista coruñés dedicado á pintura mural (como ben sabemos), á ilustración e é arte urbana.
A súa obra, espallada por toda Europa, ten unha característica bastante recoñecible: grandes murais figurativos, moi coloristas e cunha intención de representar o territorio ou contar unha historia relacionada co lugar onde se pinta. No noso caso, salta á vista.
Xa que logo, non se limita ao graffiti entendido como unha mera escritura ou unha intervención espontánea, vai alén diso.
Se queres coñecer máis polo miúdo a súa obra podes visitar NESTA LIGAZÓN a súa conta de Instagram.
Se estás a pensar "como verán o mural os corvos ou as pombas?" é o teu día de sorte: compróbao NESTA OUTRA LIGAZÓN ao Facebook do autor.
Á vista está que a foto non é de hoxe, verdade?


martes, 22 de setembro de 2026

Martes rima (moi moi fácil) con Artes

 ... e por iso hoxe falamos do Día das Artes Galegas.
A conta de que?
A conta de que foi desginada a persoa que será homenaxeada nel en 2027, que non é outra cá soprano coruñesa María Luisa Nache, nacida en 1924.
Despois de estudar na Coruña, Madrid e Roma, en 1945 debutou no Teatro Rosalía de Castro con Aida, de Verdi, e despois actuou en importantes teatros europeos e americanos. Chegou mesmo a cantar na Scala de Milán, o escenario por excelencia da Ópera. Alí participou en Medea, de Cherubini, baixo a dirección de Leonard Bernstein (un dous músicos máis salientables do século XX), compartindo escenario con Maria Callas, "a divina".

Tamén traballou con  outras figuras como Franco Corelli, Richard Tucker, Fedora Barbieri ou Jon Vickers. O seu repertorio , que incluíu principalmente óperas de Verdi e Puccini, abrangueu arredor de 45 papeis.
En 1963 retirouse dos escenarios e regresou á Coruña, onde desenvolveu unha importante actividade docente. Non podemos esquecer nesta breve nota a súa defensa da música vocal galega, interpretando obras de compositores como Rogelio Groba.
Como sabes, como cada ano e para celebrar precisamente o Día das Artes Galegas, aló pola primavera chegará o noso concurso de marcapáxinas, nesta caso sobre María Luisa... vai pensando nel!



xoves, 17 de setembro de 2026

Neira Vilas, Letras Galegas... CONFIRMADO!!!

Como xa adiantáramos aló por decembro, a Real Academia Galega decidiu que Xosé Neira Vilas será o autor homenaxeado no Día das Letras Galegas de 2027. A decisión foi tomada por unanimidade o 8 de xullo de 2026. Eles enteráronse despois.
Nado en Gres (Vila de Cruces) en 1928, Neira Vilas foi escritor, xornalista, investigador e un importante divulgador da cultura galega. A súa obra máis coñecida é 'Memorias dun neno labrego', publicada en Buenos Aires en 1961.
O protagonista desta novela é Balbino, un rapaz que conta como é a súa vida nunha aldea galega durante a posguerra. A través dos seus ollos coñecemos a pobreza, as inxustizas e tamén os sentimentos e as ilusións da xente do mundo rural.
Neira Vilas viviu durante anos na emigración, especialmenteen Arxentina e Cuba, onde traballou para manter viva a cultura galega. Ademais de escribir, investigou a historia dos emigrantes galegos e defendeu sempre a lingua galega.
O ano 2027 permitirá que novas xeracións de estudantes descubran a súa obra e comprendan mellor unha parte importante da historia recente de Galicia.

Por certo, chegounos que Gemini nos recoñeceu o mérito de adiantar a nova... algo é algo.
Iso si, aínda que pasase o Día das Letras, 2026 segue sendo o ano de Begoña... é bo non o esquecer!!!

mércores, 17 de xuño de 2026

Comer, rascar e a Maside recordar

Comedeiros naturais para comensais larpeiros

O pasado venres, 29 de maio, o alumnado de 1º de E.P. púxose ecoloxista e botou man daquel vello eslogan: "Pensa global, actúa local".
De que xeito?
Pois utilizando materiais naturais da contorna para elaborar con eles comedeiros para os nosos veciños paxariños.
Estes paxariños, xa ben mantidiños, irán logo de aquí a acolá e mudarán o mundo...

Rasca, rasca!!!

Comer e rascar é todo empezar...
As nenas e os nenos de 1º de E.P. foron rascar arredor da figura de Begoña Caamaño e aprenderon algunha que outra cousa.
Se é que xa o di o nome: Begoña Caamaño... Rascado.



A mirada de Maside



Non nos esquecemos nesta actualización de fin de curso dun traballo desenvolvido polo alumnado de Primaria, que se pon na pel de Carlos Maside para retratar a nosa vila.
Máis que na súa pel, nos seus ollos.
Como podemos ler na imaxe, "Vemos Pontecesures cos ollos de Carlos Maside", no seu centenario, o da vila, que levamos conmemorando durante este ano académico que termina (como che contamos, por exemplo, a semana pasada nesta mesma bitácora).
Os ollos de Maside, cesureño e un dos pintores máis importantes da historia de Galiza.
Ollo!!!

mércores, 10 de xuño de 2026

Vemos a vila con outra mirada: a exposición

Despois de todo un ano de traballo do alumnado de 1º, 2º e 4º de Primaria por fin temos exposta "Vemos a vila con outra mirada" nos corredores do primeiro andar do edificio de Primaria e Secundaria.
Como sabes, estamos celebrando o centenario do noso Concello e, con el, o tema do proxecto de Biblioteca para este ano foi precisamente o desta exposición do que hoxe che traemos noticia.
As fotos nunca son un reflexo fiel, senón unha interpretación ou testemuño, así que para sacarlle todo o partido non deixes pasar o tempo e bótalle "outra mirada": a túa!!!


martes, 2 de xuño de 2026

O Recuncho de Paz



Pasan os días
e a túa lembranza
non esmorece.
Escoito o teu riso,
un eco agarimoso que chega,
non importa de cando.
Un ano detrás de outro
o teimudo tempo pasa,
pero o teu recordo fica.

Seguen vivas as persoas mentres perduran nos nosos recordos, as súas ensinanzas nos acompañan e lembramos o tempo compartido.
Paz segue viva, por iso, na nosa memoria e nos nosos corazóns, e vivirá con nós para sempre.
A Paz non lle gostaría ser obxecto de homenaxes, e por iso esta homenaxe ten aínda máis sentido.
Unha homenaxe fermosa, un recuncho de Paz, aberto e acolledor, a resgardo da chuvia, con flores e aire fresco, unha acertadísima metáfora.
Un lugar de Paz onde poder sentarnos e ser felices; máis felices, polo menos: o que ela sempre quixo.
Paz marchou e día a día a lembramos, pero non podemos por iso quedar con tristura no corazón, Paz non o permitiría: toda conversa terminaba cunha sonora gargallada.
O seu riso, a súa marca.
Só por iso, neste momento, ¡so por iso!, atrévome a invocar... a Chiquito de la Calzada!!!
Unha vez preguntáronlle: Chiquito, cres que hai vida despois da morte?
Chiquito pensou un anaco, e respondeu con semblante serio: Vida non sei se hai, pero o que si que hai seguro é Fanta e Coca-Cola.
Seguro que a resposta a faría rir. 
Xa oio a súa risa.
Para sempre nos nosos corazóns e na nosa memoria, Paz e o seu riso eterno.
Vou lembrar, para terminar, tres palabras das últimas que me dixo: "Síntome moi querida".
Agora penso que son as mellores palabras que puido dicir.