Pasan os días
e a túa lembranza
non esmorece.
Escoito o teu riso,
un eco agarimoso que chega,
non importa de cando.
Un ano detrás de outro
o teimudo tempo pasa,
pero o teu recordo fica.
Seguen vivas as persoas mentres perduran nos nosos recordos, as súas ensinanzas nos acompañan e lembramos o tempo compartido.
Paz segue viva, por iso, na nosa memoria e nos nosos corazóns, e vivirá con nós para sempre.
A Paz non lle gostaría ser obxecto de homenaxes, e por iso esta homenaxe ten aínda máis sentido.
Unha homenaxe fermosa, un recuncho de Paz, aberto e acolledor, a resgardo da chuvia, con flores e aire fresco, unha acertadísima metáfora.
Un lugar de Paz onde poder sentarnos e ser felices; máis felices, polo menos: o que ela sempre quixo.
Paz marchou e día a día a lembramos, pero non podemos por iso quedar con tristura no corazón, Paz non o permitiría: toda conversa terminaba cunha sonora gargallada.
O seu riso, a súa marca.
Só por iso, neste momento, ¡so por iso!, atrévome a invocar... a Chiquito de la Calzada!!!
Unha vez preguntáronlle: Chiquito, cres que hai vida despois da morte?
Chiquito pensou un anaco, e respondeu con semblante serio: Vida non sei se hai, pero o que si que hai seguro é Fanta e Coca-Cola.
Seguro que a resposta a faría rir.
Xa oio a súa risa.
Para sempre nos nosos corazóns e na nosa memoria, Paz e o seu riso eterno.
Vou lembrar, para terminar, tres palabras das últimas que me dixo: "Síntome moi querida".
Agora penso que son as mellores palabras que puido dicir.



Ningún comentario:
Publicar un comentario