xoves, 21 de decembro de 2023

Por fin chegan as vacacións!!!

Celebrando a chegada das ben merecidas vacacións de Nadal hoxe contamos coa visita máis agardada do ano: a dos Reis Magos que repartiron agasallos e ilusión a esgalla entre @s máis pequen@s.


Puidemos gozar tamén cos concertos didácticos de Suso Vaamonde e Xián Herrera, tamén no ximnasio.






E finalmente, aínda que fose o primeiro que ocorreu, a comisión de Biblioteca fixo a entrega dos premios ás portas mellor decoradas.

Estas son as gañadoras; parabéns a tod@s @s que participastes!

Deste xeito, pechamos a porta do primeiro trimestre e abrimos a das vacacións.

Bo Nadal a tod@s e moi feliz 2024!!!

mércores, 20 de decembro de 2023

Máis portas candidatas

Terminamos o noso percorrido no edificio de Infantil e no de Primaria e E.S.O.
Sabemos de boa tinta que a comisión está xa deliberando...
Mañá coñeceremos a súa decisión!!!





martes, 19 de decembro de 2023

Algunhas portas candidatas

Demos unha volta polo edificio de Primaria e E.S.O. e "inmortalizamos" algunhas das portas decoradas para o Nadal; algunhas outras estaban algo deterioradas ou estaban abertas e preferimos non molestar... (e por iso non aparecen a continuación)
Unhas optaron polo minimalismo, outras polo 3D... a comisión de Biblioteca será quen teña a última palabra...












venres, 15 de decembro de 2023

Celebrando o Nadal con música

Como parte da celebración pola chegada do Nadal este xoves poderemos desfrutar de dous concertos didácticos de Suso Vaamonde e Xián Herrera no ximnasio do noso Centro: o primeiro a partir das 12:05 para Infantil e Primaria e a partir das 13:30 para a E.S.O. o segundo.

Agardámolos con impaciencia!!   

 

mércores, 13 de decembro de 2023

Chegou decembro, armouse o belén!

@s fanátic@s do Nadal estamos de noraboa.
Xa está aberto ás visitas o nacemento de Porto!
Nesta noticia de La Voz de Galicia cóntannolo máis polo miúdo: SEGUIR LIGAZÓN 

Está tan ben feito que custa distinguir onde termina o belén e empeza o resto do mundo!!!

E de belén en belén... caemos en Valga!!!
@s nos@s veciñ@s do sur tamén teñen o seu nacemento a pleno rendemento.
Así nolo conta o Diario de Pontevedra: SEGUIR LIGAZÓN

Non deixedes pasar a oportunidade: outras cousas poden facerse todo o ano pero se queredes ver os beléns o momento é... AGORA!!!

martes, 12 de decembro de 2023

A vida a pequena escala

Durante o mes de decembro a Biblioteca do noso Centro recolle unha exposición das maquetas que o alumnado de 2º de E.S.O. realizou para a materia de Historia.
Aquí, e na bitácora da Biblioteca, tedes algunhas imaxes, pero o mellor xeito de coñecelas en detalle é irdes velas alá.




martes, 5 de decembro de 2023

Eu deixo a pegada, e ti?


Para conmemorar o Día Internacional das Persoas con Discapacidade, que nós chamamos Día das Persoas con Capacidades Diferentes, o Equipo de Orientación do noso centro convida a todas as persoas que formamos parte da comunidade educativa a que deixemos a nosa pegada no mural que está na parede esquerda de entrada ao pavillón.

Aprendamos dos pequenos!

luns, 4 de decembro de 2023

Poñer portas ao Nadal

 


Con decembro en marcha, o Rei Melchor quenta na banda.
Para celebrar a chegada das vacacións máis desexadas do ano, o Equipo de Biblioteca pon en marcha un concurso de decoración das portas das aulas polo Nadal.
Para decidir que aulas son merecedoras do agasallo que recibirán as gañadoras o xurado terá en conta a creatividade das propostas, os materiais utilizados (que deben ser reutilizados ou reciclados), a orixinalidade e a participación do conxunto do alumnado do grupo. 
Para terdes máis información contactade co Equipo de Biblioteca.

venres, 1 de decembro de 2023

Esta fin de semana, Culturgal

Desde hoxe até o domingo, na cidade de Pontevedra, celébrase a feira Culturgal, con numerosas actividades e actuacións que nos ofrece unha panorámica (sempre incompleta) da actividade cultural galega actual.

Na seguinte ligazón tés acceso á web oficial de Culturgal, onde poderás encontrar toda a información sobre esta feira:

https://cultur.gal/

Veña a correr!!!

Onte, xoves 30 de novembro, fomos até Portas para participar na fase final provincial de Campo a través dentro do programa Xogade. Non faltou a lama pola chuvia de todos estes días atrás, pero a rapazada pasouno xenial, gozando da experiencia e de compartila cos seus compañeiros e coas súas compañeiras.

Este campionato provincial contou coa participación de alumn@s de 61 aulas de 43 centros escolares, procedentes de 25 concellos da provincia de Pontevedra.

Na seguinte ligazón podedes ver unha montaxe cos mellores momentos do día:

https://drive.google.com/file/d/1It2oEqNjoncZqMOUAWUSkIPQo7VQISNh/view?usp=sharing

xoves, 30 de novembro de 2023

Vaia ritmo que ten Santiago!!!

O pasado luns, 27 de novembro, fixemos unha saída a Santiago de Compostela, onde estivemos paseando pola zona vella como auténticos peregrinos, para logo coñecer un pouco mellor a Catedral de Santiago, deleitándonos coas marabillosas obras que hai dentro dela; alí puidemos ver tamén o enorme botafumeiro ("como o moven??" preguntaba toda a rapazada).

Tomamos a merenda da mañá  nos soportais das rúas antigas porque, como non!, chovía un pouquiño... pero gozamos un MONTÓN.

Tamén aproveitamos  para coñecer o Mercado de Abastos de Santiago e ás doce do mediodía estabamos xa preparad@s para desfrutar do humor do teatro musical, no auditorio ABANCA, asistindo a un espectáculo titulado VAIA RITMO! Un día completiño...

Na seguinte ligazón podedes ver unha montaxe que recolle o noso percorrido:

https://drive.google.com/file/d/1I3-33hIfVWRkOTrElB83DQY1rqKnPCNr/view

martes, 28 de novembro de 2023

Ximcana pola Igualdade, 3º e 4º de E.P.

Como vos contamos o xoves, o alumnado de 3º e 4º participou no Ximnasio nunha Ximcana pola Igualdade, organizada polo Concello e a Deputación, para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller.
Esta actividade serviu á rapaza para comprobar a verdade dos seus dous lemas:

Hai que saber facer de todo.

O que supera os seus medos será verdadeiramente libre.


Na seguinte ligazón tedes unha montaxe fotográfica cun resumo da actividade:

https://drive.google.com/file/d/1HncY1MhrtXnUymTo1LRdWV2Tr-fk8aBf/view?usp=sharing

venres, 24 de novembro de 2023

Entrega das pulseiras contra a violencia

Hoxe repartimos entre o alumnado de Infantil, Primaria e Secundaria as pulseiras contra a violencia cos lemas que eles e elas mesm@s redactaron. Os lemas escollidos foron "Son unha persoa, non o teu xoguete", "Eu son libre, e ti?" e "Dentro do arco da vella collemos todos". Como vedes nas imaxes, á pulseira se lle pode dar máis dun uso...







Que estas pulseiras sirvan para alimentar o espírito de grupo e integración de tod@s!!!

xoves, 23 de novembro de 2023

Contacontos e ximcana pola igualdade

Dentro das actividades organizadas polo Concello e a Deputación no noso centro e para conmemorar o Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller, hoxe chegou o día do contacontos para o alumnado de Infantil e 1º e 2º de Primaria e da ximcana corresponsable para o resto do alumnado de Primaria, da cal temos algunhas imaxes que nos dan conta do ben que se desenvolven todas elas e todos eles nalgúns traballos propios do fogar, como fregar, facer a cama, cravar uns cravos, vestir un bebé, dobrar roupa... 











Nas seguintes imaxes podemos ver tamén parte do alumnado durante a actividade do contacontos: