sábado, 30 de abril de 2022

POEMA de FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN

Hoxe quero deixarvos un poema de Florencio, para reflexionar.

 

FALAN CASTELÁN

 

           O vello cacique

-     quen mo quer mercar?-

que, dende o seu pazo,

amola ao paisán,

FALA CASTELÁN

 

O repartimento

das utilidás

tamén vén escrito

TODO EN CASTELÁN

 

O crego da aldeia,

do inferno a berrar

pra meterlle medo

ao probe aldeán,

FALA CASTELÁN

 

Dille que condena

se fai tal ou cal

fálalle do demo,

TODO EN CASTELÁN

 

O siñoritiño

da vila de Tal,

con vento na testa,

sen calos na man,

FALA CASTELÁN

 

 

Como é cousa  fina

o alleo falar,

di... cen parvadas,

TODO EN CASTELÁN

 

(....)

 

           Ouh, lingua de Cervantes, de Lope e de Quevedo,

            ouh, fala de Castela, nai de conqueridores*,

            ouh, idioma sublime, ou castelán sonoro!

 

            ( O que é, na nosa Terra, tes bos embaixadores!)

 

*Conquistadores


FLORENCIO DELGADO GURRIARÁN - LETRAS GALEGAS 2022

 O autor homenaxeado no Día das Letras Galegas 2022 é un reflexo da cultura galega no século XX. Militante do Partido Galeguista, exiliado en América, colaborador de Castelao, promotor de iniciativas editoriais e radiofónicas. Como poeta escribiu entre dous mundos: a súa terra de Valdeorras e o país de acollida, México. 

A continuación imos compartir parte da amplia biografía do autor, publicada polo Consello da Cultura Galega, na súa páxina web.   

Florencio Delgado Gurriarán, avogado, milítante galeguista e poeta exiliado en México

O poeta Florencio Delgado Gurriarán exerceu a avogacía no Barco de Valdeorras, onde se afiliou ao Partido Galeguista (PG). En 1939 exiliouse en México, país no que se integrou e no que seguiu loitando polo ideal galeguista como creador das revistas Saudade e Vieiros, fundador do Padroado da Cultura Galega e como representante na delegación de Galeuzca en México. Publicou os poemarios Bebedeira (1934), Galicia infinda (1963), Cantarenas (1981) e O soño do guieiro (1986).
Designado como autor ao que se lle dedica o Día das letras Galegas do ano 2022, Florencio Delgado Gurriarán naceu o 27 de agosto de 1903 en Córgomo (Vilamartín de Valdeorras). Despois, por motivo da profesión de seu pai, perito agrícola e funcionario do Ministerio de Fomento, toda a familia viviu en Ourense, Palencia e Valladolid, onde Florencio estudou a carreira de Dereito entre 1918 e 1924.
Rematada a carreira e cun novo destino do pai na Coruña, a familia instálase en Córgomo e Florencio decide preparar oposicións a rexistrador da propiedade. Abandona o intento de facerse rexistrador e comeza a traballar como avogado no Barco e a colaborar nos xornais El Heraldo de Galicia, de Ourense, e en A Nosa Terra. Acadada unha notable sona como avogado e como poeta, ao instaurarse a República e reorganizarse as forzas políticas clandestinas durante a ditadura de Primo de Rivera (1923-1930), en Delgado Gurriarán aséntanse os seus ideais republicanos e plenamente galeguistas. Comezou a militar no Partido Galeguista (PG), fundando en decembro de 1931, moi comprometido, sobre todo, coa defensa do seu tesouro máis prezado, o idioma que aprendeu a falar coa súa xente da terra de Valdeorras e a escribilo de forma autodidacta lendo os Aires da miña terra de Curros Enríquez. Como militante do PG e socio protector do Seminario de Estudos Galegos, en xaneiro de 1934 asistiu en Ourense á III Asemblea anual do partido en representación do grupo de Córgomo-Portela. Alí coñeceu a Castelao.

Guerra Civil
Dada a súa militancia galeguista e incorporado á Fronte Popular, ao estalar a guerra civil o desasosego amedrentou a Florencio, que nun principio estivo agochado en varios lugares de Valdeorras e en Valladolid. En outubro de 1936, fuxindo por Portugal, logrou embarcar clandestinamente no Porto con destino a Bordeos. Viviu nesa cidade e en París, ata que en xaneiro de 1938 pasou á Barcelona republicana, onde se integrou na Subsecretaría de Armamento e despois no Servizo de Información Periférico do Estado Maior do Exército de Terra.
Entre os refuxiados galeguistas e comunistas establecidos neses anos bélicos en Barcelona, e contando co financiamento das Sociedades Hispanas Confederadas (SHC), creadas en Nova York para axudar á República, Florencio involucrouse no plan de organizar e facilitarlle amparo aos guerrilleiros do maquis galego, e mais a outros que xa estaban refuxiados en Portugal.
En Barcelona, Castelao encargoulle importantes angueiras relacionadas co PG, na Solidariedade Galega Antifeixista, organización unitaria creada para fornecer axuda aos combatentes e refuxiados galegos da zona republicana. Máis tarde, de novo en Francia, tería o cometido de organizar a evacuación dos refuxiados políticos españois confinados nos campos de internamento franceses e, en colaboración coas SHC neoirquinas, e os organismos de axuda creados polo Goberno da República, nomeadamente o SERE (Servicio de Evacuación de Refugiados Españoles), fretar os barcos Sinaia, Ipanema e Mexique, nos que moitos perdedores da guerra se dirixiron en 1939 a México. Tamén colaborou en Nueva Galicia, publicación quincenal (maio 1937-xullo 1938) vencellada aos comunistas galegos, subtitulada Portavoz de los antifascistas gallegos. Nesta revista, e asinando como Florencio, publicou os poemas «Amencer», «Ía a misa de doce», «Levan a Cristo por fóra», «Un vello falanxista», «Home pequeno-fol de veneno» e «Foliada para o día da victoria». Nesa mesma revista Castelao colaboraría coa serie «Verbas de chumbo», onde abordaba diversas cuestións do nacionalismo galego desenvolvidas no libro Sempre en Galiza.
Exilio
Como un refuxiado máis, Florencio chegou a Veracruz no buque Ipanema en xullo de 1939. Logo duns días de estadía en México DF, o cineasta Carlos Velo conseguiu que nomeasen a Delgado Gurriarán delegado en Toluca do SERE. Despois deste primeiro traballo, Florencio instalouse en DF e dedicouse á venda de produtos como fertilizantes, zapatos finos, aceite, pólizas de seguros… En 1949 entrou como visitador médico do Laboratorio Queralt Mír, primeiro como axente na capital e despois en Guadalajara, onde desempeñou cargos de alta responsabilidade ata 1973, ano en que se xubilou.
Como militante do PG, Florencio estivo sempre moi activo nos círculos galeguistas de México. Xunta López Durá redactou a versión mexicana do pacto Galeuzca, fixo parte da delegación do Consello de Galiza de México e participou nas reunións dos exiliados republicanos españois para preparar a sesión parlamentaria no Palacio Municipal da praza do Zócalo de México o 9 de novembro de 1945. A insistencia dos parlamentarios galeguistas, nomeadamente de Castelao, nesa xuntanza propiciouse a constitución da Comisión do Estatuto Galego. Tamén foi un dos promotores do Padroado da Cultura Galega, fundado en 1953, que promoveu a emisión radiofónica Hora da cultura galega, que despois cambiou o título polo de Hora de Galicia. No ano 1959, recollendo as intervencións e colaboracións radiofónicas nas que Florencio participou decotío, o Padroado publicou o libro Presencia de Galicia en México. E o Padroado tamén impulsou a publicación da revista Vieiros.
Obra poética
Os vértices da poesía de Delgado Gurriarán xiran arredor de tres eixes temáticos e estilísticos: a obra lírica e sensual de Valdeorras, compilada no libro Bebedeira; a poesía de loita e defensa da lingua galega e belixerante contra o fascismo, que se publicou sobre todo en Nueva Galicia e se recolleu no libro O soño do guieiro. O terceiro eixe é o da poesía crioula recollida nas revistas Saudade e Vieiros e no libro Galicia infinda, na que o autor mostra a súa admiración pola realidade mexicana e a capacidade da lingua galega para dialogar cun sistema literario tan diferente como o mexicano.
Delgado Gurriarán deuse a coñecer como poeta en xornais e revistas da súa época, pero o seu primeiro libro de poesía foi o titulado Bebedeira, publicado en 1934 como n.º 60 da editorial Nós, dirixida por Ánxel Casal. Trátase dun poemario moi relacionado coa denominada Xeración do 25 e coa escola hilozoísta de Amado Carballo, aínda que a natureza valdeorresa dos versos de Bebedeira son máis esgrevios cós de Proel, máis condicionados pola suavidade da bisbarra do Lérez. En Bebedeira, moi ben aceptado pola crítica coetánea de Fernández del Riego, Carballo Calero, A. Villar Ponte, Xohán Luís Ramos e Otero Pedrayo (Hoxe, como un merlo, pico en troques de cereixas, os acios dos poemas de Bebedeira), reúne moitas das poesías escritas desde 1931 con achegas máis recentes.

Case trinta anos despois de Bebedeira, o poeta valdeorrés publicou como n.º 12 da colección Salnés da editorial Galaxia o libro Galicia infinda (1963), 43 poemas nos que a través de cinco apartados («Cantarenas», «Valdeorras», «Castiñeiros», «Varia» e «Poemas mexicanos») se recollen poemas da posguerra. Os «Poemas mexicanos» son os que, en opinión de Carballo Calero, achegan a este apartado un feitío máis innovador e exótico polo gran número de palabras americanas empregadas acompañadas de termos galegos dialectais, que converten a lingua dos poemas nunha especie de crioulo galego americano.

En Ediciós do Castro publicou en 1981 o poemario Cantarenas no que aos poemas de Bebedeira, engádelle outros que o autor denomina «Valdeorresas» e «Dionisias». Finalmente, como n.º 3 da colección Opúsculos de Poesía de Ediciós do Castro, en 1986 publicou O soño do guieiro, libro que toma o título dun poema publicado na revista Galicia do Centro Galego de Bos Aires para conmemorar o vintecinco cabodano de Castelao. E no que se recollen algúns poemas da guerra, moitos deles xa publicados no Cancioneiro da Loita Galega, e poemas do exilio.

Saudade
A primeira empresa sociocultural creada polos galeguistas de México foi a revista Saudade, por iniciativa dos militantes galeguistas establecidos no país. Subtitulábase Verba galega das Américas, redactada integramente en galego e editada pola Irmandade Galeguista e o Grupo Saudade, que publicou o seu primeiro número o 25 de xullo de 1942. A dirección dos dous primeiros números (1942 e 1943) correu a cargo de Xosé Caridad Mateo, responsabilidade que recaeu en Ramiro Illa Couto no terceiro número (maio de 1943) e en Ramón Cabanillas Álvarez no número catro (xullo de 1943). Ademais dos citados compoñían a redacción Florencio Delgado Gurriarán e Carlos Velo.

Saudade non volveu aparecer ata 1952 e mantívose ata agosto de 1953. Nesta segunda etapa da revista amplíase o consello de redacción coa incorporación de Roxelio Rodríguez de Bretaña, Manuel Porteiro Viñas, o socialista Marcial Fernández e o comunista achegado ao galeguismo Luís Soto. Na nova xeira só se publicaron os números extraordinarios do 25 de xullo de 1952 e de 1953 nos que incorpora colaboracións de galeguistas do interior: Otero Pedrayo, Cuevillas, Pura Vázquez, Álvaro Cunqueiro e Ben-Cho-Shey.

ENCONTRO CON PERE TOBARUELA

 O alumnado de 4º, 5º e 6º de Primaria, nos últimos días estiveron lendo o libro FORMIG4S. MISIÓN ROSALÍA  de Pere Tobaruela. O 27 de abril producíuse o encontro deste alumnado có autor, resultou emocionante coñecer a quen escribíu a historia que os mantivera espectantes durante días, descubrir como se poden crear as historias, onde se cocen as ideas,... Foi un comezo de xornada moi creativo. Grazas a edicións Xerais por traerlles a este gran escritor.



mércores, 27 de abril de 2022

EXPOSICIÓN" PEREGRINOS ILUSTRES E LITERATURA no CAMIÑO a COMPOSTELA"

 


O corredor da planta baixa do noso centro e o panel expositor do noso equipo, amosa unha morea de carteis sobre a historia e historias do Camiño de Santiago, así como sobre persoeiros ilustres que nalgún momento da historia peregrinaron a Santiago e libros importantes que teñen que ver co Camiño, como por exemplo, o Códice Calixtino.
Esta exposición chegou ao noso centro da man do Departamento de Xeografía e Historia e grazas á Asociación de Amigos do Camiño de Conxo.

 A exposición estará no centro durante todo o mes de maio, aproveitade para ler e valorar a importancia do Camiño ao longo do tempo, na historia de Galicia e tamén no noso Concello. Por Pontecesures  discurre o Camiño Portugués e a ruta marítima, denominada como Mar de Santiago, tal como nos contan as lendas do Camiño, por aquí foi por onde entrou a barca que traía o corpo do Apóstolo. Ata que chegou a Padrón, onde ataron a barca ao Pedrón, que hoxe se atopa na igrexa de Santiago.


Para o alumnado de 1º de Primaria foi un recurso máis para completar o seu proxecto sobre o Camiño dentro do Proxecto da Biblioteca " Historias da Historia".


O alumnado da ESO colaborou na colocación dos carteis.





martes, 5 de abril de 2022

Espectáculo Cómico SAAABOR!!!

 O Equipo de Actividades ComplementariaseExtraescolares tróuxonos unha actividade coa colaboración de  Afundación
 Abanca, para todo o alumnado de educación infantil e
 primaria.
 O espectáculo celebrouse o luns 4 de abril. A representación
 correu a cargo de CulturaActiva.

Saaabor! é un espectáculo cómico que mestura música, maxia, humor, ritmo e participación do público, co mundo da gastronomía de fondo. Os nosos protagonistas convértense en dous recoñecidos chefs que nos ofrecen pratos para todos os gustos.

Deixamos unhas imaxes do evento, que resultou moi entretido e divertido.


E a festa rematou así