xoves, 12 de novembro de 2026

Proxecto Nós, toma dous

 

- O Proxecto Nós busca persoas voluntarias para un estudo sobre a fala sintetizada en galego.
- Para que?
- Paraguaio!!!

Agora en serio: o Proxecto Nós solicita a colaboración cidadá para avaliar como interpretan as persoas a entoación de oracións creadas mediante sistemas de síntese de voz.
A túa participación consistiría nunha proba auditiva duns dez minutos, na que deberás identificar distintos tipos de enunciados e valorar a súa naturalidade.
Os resultados contribuirán a perfeccionar as tecnoloxías da fala en galego e a desenvolver ferramentas máis precisas e próximas á expresión humana.
Xa temos dito veces e veces que a presenza da lingua galega no eido dixital testemuña a súa relevancia e axuda a garantir o seu futuro, así que imos botar unha man... ou un ouvido...
Se queres colaborar ou coñecer máis sobre este asunto preme NESTA LIGAZÓN ou na imaxe do inicio.

mércores, 11 de novembro de 2026

A palabra do ano? Propón a túa!

A Real Academia Galega e a Fundación Barrié abriron a campaña para elixir a Palabra do Ano 2026.
Esta iniciativa permite á cidadanía propoñer e votar a palabra que mellor represente o ano, para ben ou para mal, vaso a medio encher ou baleirar.
Se queres máis información sobre a iniciativa podes consultar ESTA NOTICIA na web da RAG.
Como podes ler nela, a primeira fase, establecida para recoller as suxestións da cidadanía, estará aberta ata o 20 de novembro.
Posteriormente, a votación final entre as palabras escollidas estenderase até o 16 de decembro.
A palabra gañadora, coma cada ano, darase a coñecer nas vésperas do Nadal.
Non é cuestión de botarnos flores a nós mesmos, pero na pasada edición a palabra que propuxemos resultou gañadora...
Cal é a túa proposta para este ano?
Para comunicala, PREME NESTA LIGAZÓN ou na imaxe do inicio.

martes, 10 de novembro de 2026

A cabra tira ao monte; Proxector, tamén

Xa che falamos noutras ocasións de “Proxector”, a iniciativa de divulgación científica en lingua galega.
Nesta ocasión, dedica a súa nova entrega á xestión forestal como ferramenta para previr incendios e favorecer un uso sustentable do noso territorio.
Baixo o título “Xestión forestal. A ciencia que evita o desastre”, este especial reúne doce pezas audiovisuais (todas en lingua galega) que tratan da ciencia do lume, de silvicultura, sistemas agroforestais, certificación e innovación vinculada ao monte.
Se queres coñecer máis sobre esta nova entrega, CONSULTA AQUÍ a web do Consello da Cultura Galega.
Para acceder ao contido, fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe do inicio.

luns, 9 de novembro de 2026

A pulso!!!

 

Do mesmo xeito có ano pasado, desde o EDLG queremos propoñerche unha actividade que consideramos interesante no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller:
En cada grupo debatide para redactardes un lema, ou uns poucos, de poucas palabras, que sirvan para concienciar da necesidade de combater a violencia contra as mulleres.
De entre eses lemas cada rapaz/a escollerá un para elaborar a súa propia pulseira a partir do patrón da imaxe, aínda que o idóneo sería que toda a clase compartise un mesmo lema para visibilizar a unidade na loita contra esta clase de violencia.
Como ves na imaxe, predeseñamos tres tallas, pero se ningunha delas se adapta convenientemente ao pulso do teu alumnado podes modificar o tamaño da imaxe no arquivo que che remitimos ao correo electrónico para personalizala.
A nosa proposta invítache a que o propio mércores 25 de novembro, no recreo (no segundo recreo no caso da E.S.O.), o alumnado saia coas súas pulseiras preparadas e postas como unha forma de manifestar o noso rexeitamento de cara á violencia contra as mulleres e, de paso, o talento artístico de cada un/ha.
A pulseira pódela imprimir en papel ou en cartolina se prefires. 
 

 

Unha vez decorada, tamén, podes plastificala se o desexas.
Para que manteña ben a forma podes colocarlle unha pequena tira de celo detrás do corazón, onde se une coa pulseira, ou no corazón pola parte de fóra, ou na parte interior da pulseira, como prefiras.
NESTA ENTRADA podes ver como resultou a experiencia na súa primeira edición.
Deixámosche tamén unha ligazón á web da ONU relativa a esta loita.

venres, 6 de novembro de 2026

Elena Vidal en Ondas do Ulla

Non pasa un ano que non vos falemos nesta bitácora sobre o marabilloso Belén de Porto.
Agora que temos unha radio escolar, e que o nadal xa comeza a asomar os fuciños, que mellores historias cás que nos poida contar Elena Vidal, unha das súas fundadoras?
Se cadra nos aclara se, como din, ao caer a noite as figuras do Belén cobran vida e argallan todo tipo de falcatruadas???


xoves, 5 de novembro de 2026

Está de medo V: entrega de premios

Na mañá de onte, mércores, fixemos entrega dos premios ás propostas gañadoras na quinta edición do concurso de portadas de libros e relatos de terror 'Está de medo!!!'.
As propostas gañadoras foron as presentadas por Claudia (de 2º de Primaria), Darío (de 3º de Primaria), Jeshua (de 5º de Primaria), Irina (de 1º de E.S.O.) e Emily (de 4º de E.S.O.).   
O xurado subliñou a dificultade de escoller os premiados, xa que se encontrou en todas as categorías con traballos de grande calidade.
Na imaxe podemos ver os gañadores e as gañadoras posando para a foto co seu premio e un diploma acreditativo.

A entrega dos premios despertou a atención entre parte do alumnado, que chegou a aplaudir aos gañadores e ás gañadoras, como podemos ver na imaxe.
Parabéns aos gañadores, ás gañadoras e a todo o alumnado participante que, como dicimos, presentou traballos de moita calidade (e arrepiantes!!!) 

mércores, 4 de novembro de 2026

VIII edición do Concurso Escolar de Poesía Rosalía de Castro

 

A Xunta de Galicia, en colaboración coa Fundación Rosalía de Castro e El Corte Inglés, convoca a oitava edición (como che dicimos no titular) deste concurso para “fomentar a creación poética en lingua galega á vez que achega ás xeracións máis novas unha figura clave das nosas letras como é Rosalía”.

O concurso está aberto ao alumnado do curso 2026-2027 e divídese en tres categorías:
- o terceiro ciclo de Primaria (5º e 6º curso),
- o primeiro ciclo de Secundaria (1º e 2º curso)
- e o segundo ciclo de Secundaria (3º e 4ºcurso ).
Os traballos, que deberán ser orixinais e escritos en lingua galega, poden remitirse ata o 15 de xaneiro de 2027 aos departamentos de Comunicación de calquera dos centros de El Corte Inglés en Galicia, e tamén poderán entregarse persoalmente nas súas librarías.
As bases completas da convocatoria, que establece un primeiro premio e dous accésits por cada categoría a través de tarxetas agasallos (de ata 250 euros), están dispoñibles nas páxinas web da Fundación Rosalía de Castro.
Porén, nós dámosche a posibilidade de consultalas xa desde a nosa bitácora a través DESTA LIGAZÓN.
Se queres máis información sobre a convocatoria, podes consultar NESTA LIGAZÓN a noticia sobre a presentación desta oitava edición do concurso nO Portal da Lingua Galega.