Como sabedes, querid@s trasn@s, a mellor entre as mellores acaba de deixarnos.
Poderíamos escribir milleiros de páxinas e aínda quedarían cousas boas para ser ditas sobre ela, así que imos adxuntar -sen máis- a mensaxe que transmitiu o Equipo Directivo do Centro á comunidade educativa:
"Con profunda tristeza informamos do falecemento da nosa orientadora Mª de la Paz Parajó Gómez, quen foi un pilar fundamental na nosa comunidade educativa. O seu compromiso, cariño e dedicación ao acompañamento dos nosos alumnos e as súas familias foi todo un exemplo de vocación, cariño e calidade humana. Como comunidade educativa unímonos na dor e na despedida dunha gran compañeira que ademais foi un faro de luz e esperanza para Todas e todos nós."
A nosa non é a homenaxe que ela merece -nin de lonxe!-, nin a calidade do vídeo (limitada pola bitácora) é a mellor... pero quixemos rescatar dos arquivos do trasno estes cortes para poder vela rir cantas veces queiramos, como seguro que a ela lle gustaría que a lembrásemos.
Un bico forte, amiga: a túa bondade, xenerosidade e compromiso ficarán para sempre nos nosos corazóns.
Ningún comentario:
Publicar un comentario