mércores, 28 de febreiro de 2024

Andrea Maceiras visita o noso Club de Lectura

O pasado mércores, 7 de febreiro, Andrea Maceiras achegouse á Biblioteca do noso Centro para coñecer o alumnado do Club de Lectura, ás súas compañeiras e aos seus compañeiros de 5º e 6º de E.P.
Con que motivo? Porque querían falar do seu libro "Burbullas de calma serena" (editado por Cuarto de inverno, o impresionante proxecto editorial emprendido por Andrea Jamardo Seijo, antiga alumna do noso Centro), escrito por Andrea Maceiras e ilustrado por Irene Sanjuán (que importantes son as ilustracións nos libros infantís, verdade?).
Non sempre temos a ocasión de coñecer alguén que escribiu un libro do que tanto gozamos, e non só de coñcer, senón tamén de falar e comentar con ela os aspectos que máis nos chamaron a atención da obra.
E abofé que desfrutaron das Burbullas, porque non lles abondaron, e Andrea marchou coa encarga de preparar unha segunda parte...

martes, 27 de febreiro de 2024

Contacontos familiar

Ben está que nos conten contos, pero se é alguén da casa, aínda mellor.
Por iso Paula, antiga alumna do noso Centro e irmá dun alumno de E.P., achegouse o pasado xoves, 1 de febreiro, para contar un conto ao alumnado do primeiro ciclo de E.P.

As rapazas e os rapaces gozaron tanto que Paula prometeu voltar para lerlles outro conto.
Moitas grazas, Paula! Volve sempre que queiras!

luns, 26 de febreiro de 2024

Lola anima @s máis cativ@s a ler

O pasado venres, 19 de xaneiro, a biblioteca do noso Centro recibiu a visita de Lola, da libraría Aenea de Compostela.
O alumnado de 1º, 2º e 3º de E.P. tivo a ocasión de coñecer o kamishibai (se cadra estás a pensar: e iso que é?), xa que Lola lles contou un conto utilizando esta antiga técnica xaponesa.

Despois presentou ao alumnado de 1º e 2º de E.S.O. unha chea de interesantísimas novidades editoriais, das cales falaron dabondo.

Tarde, porque o Trasno andou por aí a trasnear, pero por fin vos contamos estas interesantes actividades.

venres, 23 de febreiro de 2024

Día de Rosalía

Tal día coma hoxe,
hai 187 anos,
nacía en Compostela
Rosalía de Castro.

Todo o que poidamos decir dela é pouco, 
así que preferimos lembrar a súa vida e a súa obra 
mediante unhas modestas homenaxes 
e non con ampulosas palabras.

O Concurso de Creación Plástica Imaxina Rosalía, convocado para o alumnado de E.S.O., xa ten gañador: Tomás Melón Rodríguez, ao que se lle fixo entrega do Diploma que o acredita como tal.
Na súa obra combina fragmentos de poemas de Rosalía cunha evocación das súas vivencias (a marcha, a dor...).

O alumnado de Primaria desenvolveu a actividade Ilustramos Poemas, compoñendo ilustracións a partir do poema que leron na aula.
Xa podemos ver os seus traballos ornamentando as paredes dos nosos corredores.

Nesta presentación (SEGUIR LIGAZÓN) podémolos ver tamén recitando algúns poemas de Rosalía.

O alumnado de Infantil elaborou un fermoso mural coa axuda das súas profes e dos seus profes.
Como se concentran na tarefa!

E finalmente, como vemos, o xardín de Rosalía ten novas flores ("Nasín cando as prantas nasen, no mes das froles nasín..."), grazas á iniciativa do profesorado e á colaboración do alumnado do Centro.

Longa vida a estas flores, longa vida a Rosalía!!!

xoves, 22 de febreiro de 2024

Lembrando a Rosalía, facéndoa viral

Mañá é o día de Rosalía, e o Trasno pensou que un bo xeito de recordala é lembrar algúns dos vídeos que remitistes en anos anteriores ao concurso Fai viral a Rosalía.
Este ano a proposta terá como nome Fai viral a poesía, e poderedes elaborar as vosas pezas a partir de calquera poema en lingua galega, fose ou non escrito por Rosalía de Castro; pero diso xa falaremos máis adiante: hoxe é día de recordar...

 

mércores, 21 de febreiro de 2024

Imaxina Rosalía: traballos finalistas

O xurado encargado de escoller o traballo gañador do concurso de creación plástica Imaxina Rosalía xa puxo as mans á obra.
O Trasno puido saber que as obras finalistas son as seguintes:

Cal será a gañadora?

martes, 20 de febreiro de 2024

Luísa Villalta na nosa Biblioteca

O Departamento de Lingua Galega adquiriu os catro libros da imaxe, dos que xa vos falamos NESTA ENTRADA ANTERIOR deste Trasno Paroleiro.
Os volumes están na Biblioteca do noso Centro, á disposición do profesorado e do alumnado que os quixer empregar.
Na ligazón anterior tedes acceso a información sobre cada unha das obras.

venres, 16 de febreiro de 2024

Janet Novás e a curta 'To bird or not to bird', as galegoyas

Finalmente, nin Álvaro Gago nin María Vázquez acadaron o Goya polo seu traballo en Matria, rodada en parte no noso Concello. Así que Pontecesures quedou sen Goya; desta vez...!!!
Porén, si houbo presenza galega entre as actrices e as curtas galardoadas, en concreto Janet Novás (NESTA LIGAZÓN podes ver que emocionada estaba ao recoller o premio, paga a pena) e 'To bird or not to bird', producida por Chelo Loureiro.
Se queres ampliar información sobre a cerimonia podes seguir ESTA LIGAZÓN de Galici@PRESS (poñen mal o título da curta, pero logo o corrixen).

xoves, 15 de febreiro de 2024

Imaxina Rosalía: últimos días!!!!

Bo día, rapazada!!!
Lembrade que o último día para entregar os vosos traballos de creación plástica para participar no concurso Imaxina Rosalía é o luns 19 de febreiro, xa que a decisión do xurado será publicada o venres 23, día de Rosalía, e o xurado ten que reunirse antes. Se queres consultar as BASES do Concurso podes facelo AQUÍ.
Por se aínda non tedes ideas sobre como compor o voso traballo achegámosvos algúns recursos que, se cadra, vos axudan a inspirarvos:

- Uns poucos poemas de Rosalía en dous pdf:



- Catro cancións a partir de poemas seus:





- Unha procura en Google sobre imaxes relacionadas con Rosalía:


venres, 9 de febreiro de 2024

Ambiente de Entroido

Este ano o tema escollido para realizarmos os disfraces foi o Medio Ambiente.
O Trasno pensa que é un tema moi acaído, porque o tempo anda tolo e o pouco coidado que temos tido co medio ambiente é responsable, en boa parte, diso. Así que non está de máis concienciármonos un pouco da necesidade de coidalo (ben sabemos que o Entroido é tempo de crítica -e, polo tanto, de reflexión-).
Xa desde media mañá o alumnado e o profesorado puxo as súas mellores galas carnavalescas para participar no desfile.









Porén, o Entroido non se ocupa só do noso aspecto exterior, senón que tamén presta atención ao interior; en concreto ao bandullo, e non faltaron as delicias típicas deste tempo para darlle gusto ao padal.
O difícil é non pasarse, pero quen dixo que fose fácil...

Así, recargadas coa enerxía de filloas, orellas e demais doces (e salgados), as comparsas compareceron ante o seu público en dous pases para que todas as familias puidesen velas: o primeiro para as familias do alumnado de E.I., 1º, 2º e 3º de E.P. e o segundo para o alumnado de 4º, 5º, 6º de E.P. e E.S.O.















Abondarán cinco días de descanso para recuperarse de tantas emocións? E de tanto azucre?