martes, 30 de abril de 2024

AXUDAS DA XUNTA PARA A ADQUISICIÓN DE LIBROS DE TEXTO E MATERIAL ESCOLAR

O presidente da Xunta anunciou onte o importe das axudas para o curso escolar 2024-2025 destinadas a a facilitar a adquisición de libros de texto e material escolar. 

O vale para a adquisición de material escolar é de 75€ no caso de familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€ e de 60€ no caso de familias con rendas per cápita superiores aos 6.000€ pero inferiores aos 10.000€. O vale de 75€, con independencia da renda, será concedido tamén ao alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, ao alumnado de Educación especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

As axudas para a compra de libros mantéñese como no último ano, estando destinados aos dous primeiros cursos de Primaria, ao alumnado de Educación Especial e ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que lles dificultan empregar os libros do Fondo solidario.
A axuda para o alumnado de 1º e 2º de Primaria é de 240€ (no caso de familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€) ou de 160€ (no caso de familias con rendas superiores aos 6.000€ pero inferiores aos 10.000€).
Haberá unha axuda de 300€, con independencia da renda, concedida ao alumnado de Educación especial (en centros específicos ou en unidades de Educación especial de centros ordinarios) e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.
No caso do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que non poida usar libros do Fondo solidario haberá axudas para todos os cursos de Primaria (do mesmo importe e nas mesmas condicións cás establecidas para os alumnos de 1º e 2º) e de ESO, que recibirán 270€ (no caso de familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€) ou 180€ (no caso de familias con rendas superiores aos 6.000€ pero inferiores aos 10.000€).
Según indica a información da web da Xunta, "para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o importe da axuda será o maior que lle corresponda con independencia da renda per cápita da unidade familiar".

En todo caso, é preferible consultar a información publicada na web da Xunta (podes seguir esta ligazón) e prestar atención ás novas que saian a seguir.

luns, 29 de abril de 2024

EXPOSICIÓN POLO DÍA DAS LETRAS GALEGAS (INFANTIL E PRIMARIA)

Xa está colocada no corredor da planta baixa do edificio de Primaria e Secundaria a exposición cos cartaces sobre Luísa Villlalta.
Como podes deducir da imaxe, está na esquina do corredor máis próxima á entrada oeste.
As fotografías que seguen non son de grande calidade, malia serviren para facerse unha idea do contido, así que achégate á exposición e óllaos en persoa!!!

venres, 26 de abril de 2024

XII CERTAME DE MICRORRELATOS FEIRACO

A cooperativa láctea Feiraco, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüística, convoca o XII Certame de Microrrelatos Feiraco.
Dentro del establécense dúas categorías: xuvenil (a partir de 12 anos, que é a que máis nos interesa) e adulta (de 18 anos en diante). 
De acordo coas bases da convocatoria os relatos deberán comezar coa frase “Púxenme a escoitar” e non  poderán superar as 500 palabras.  
Para concursar, haberá que subilos antes do 18 de maio á seguinte web https://leiteratura.feiraco.es/  
Se queres consultar as bases completas podes facelo nesta ligazón: https://www.lingua.gal/a-secretaria-xeral/convocatorias/_/Premios/convocatoria_0191/xii-certame-microrrelatos-feiraco-letras-galegas-2024-edicion-leiteratura.

xoves, 25 de abril de 2024

FINALISTAS DO CONCURSO DE MARCAPÁXINAS

O Xurado do Concurso de Marcapáxinas convocado para conmemorar a figura e a obra de Francisco Asorey reuniuse antonte á tarde e escolleu a proposta gañadora.
Como sabes, Francisco Asorey é o escultor cambadés a quen este ano foi dedicado o Día das Artes Galegas, que se celebrou o 1 de abril.
O Xurado salientou a grande participación que se rexistrou no Concurso, así como a dificultade para escoller unha proposta gañadora, especialmente tendo en conta a diversidade de idades entre o alumnado que presentou os traballos e a súa calidade.
Porén, após unha longa deliberación, e sopesando as virtudes das diferentes propostas, conseguiu chegar a un acordo.  
As propostas finalistas pódelas ver sobre estas liñas: entre elas está a proposta gañadora. 

mércores, 24 de abril de 2024

CERTAME INTERCENTROS - XXVI EDICIÓN

Aquí vos traemos o cartel que anuncia o acto de entrega dos premios e as bases da XXVI Edición do Certame Intercentros que organiza este ano a ANPA do noso Centro.
Acaban de saír do forno!!!
Animádevos a participar!!!



martes, 23 de abril de 2024

O MELLOR AMIGO DO LIBRO

No día de hoxe, 23 de abril, celebramos o Día do Libro.
Porén, como ocorre co 8M, todos os días son (deben ser) o Día do Libro.
No entanto, e asociando esta data co Día das Artes Galegas, nós quixemos celebrar o Día do Libro buscándolle un amigo (como naquela publicidade antiga que decía "un libro, un amigo").
E que mellor amigo para un libro que un bo marcapáxinas?
Agora que rematou o prazo de entrega das propostas, xa temos unha chea de marcapáxinas que poden ser a gañadora.
Amosámosvos só unhas poucas: non son as finalistas (ou si); se cadra a gañadora non está entre elas... pero son unha pequena mostra da creatividade da nosa rapazada, que combina nun pequeno anaco de papel o amor aos libros e a lembranza a Francisco Asorey, se cadra o mellor escultor galego do século XX, a quen este ano se dedicou o Día das Artes Galegas.

luns, 22 de abril de 2024

CONCURSO DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2024

O pasado 12 de abril publicouse no DOG a "RESOLUCIÓN pola que se aproban as bases reguladoras e se convoca o concurso de literatura infantil e xuvenil do Día das Letras Galegas 2024".

A través da seguinte ligazón podes acceder ás bases completas:
 https://www.xunta.gal/dog/Publicados/2024/20240412/AnuncioO150-050424-0001_gl.html

Que información é a fundamental?
- Poden participar rapaces e rapazas entre os 9 e os 14 anos (en dúas categorías: de 9 a 11 anos e de 12 a 14).
- Concederanse tres premios en cada categoría de 250, 200 e 150 euros. 
- A temática é libre.
- Deben estar escritos en lingua galega.
- A extensión será de entre 1 e 5 páxinas, nas condicións que establecen as bases.
- A data límite de presentación é o 12 de maio.
Para coñecer as bases con máis exactitude, recomendámosche que consultes as bases completas na ligazón anterior.

venres, 19 de abril de 2024

PREMIO CIRCOM PARA "A CERO.5"

O audiovisual galego volve estar de noraboa.
Como nos conta esta noticia da web da CRTVG, a longametraxe documental 'A Cero.5', dirixida por Gonzalo Suárez Garayo, gañou o Premio CIRCOM.
Este galardón premia programas de televisión producidos e emitidos por canles rexionais públicas de toda Europa.
A longametraxe autobiográfica describe as vivencias do director após ficar parapléxico por causa dun accidente.
Se queres velo, podes facer click NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.

xoves, 18 de abril de 2024

CERTAME DE RELATO CURTO PARA ALUMNADO DA ESO

Aínda que só onte tivemos coñecemento del, o Concello de Pontecesures publicou  o día 13 de marzo na súa web a convocatoria do 'Certame Literario de Relato Curto para Alumnos da ESO polo Día das Letras Galegas'. 
As bases completas podes consultalas nesta ligazón.
A información máis importante é que poden participar alumnos e alumnas de ESO, só un traballo por persoa, con pseudónimo, temática libre, relatos orixinais inéditos e non premiados, escritos en lingua galega e cunha extensión máxima de 1000 palabras (o título non contará dentro destas mil palabras).
O prazo de amisión de orixinais finaliza o 26 de abril ás 14:00, podendo presentarse por vía telemática ou no Rexistro Xeral do Concello nas condicións que indican as bases
Os premios para os mellores relatos son de 120, 90 e 50 euros, podendo -no seu caso- quedar desertos.

mércores, 17 de abril de 2024

XA PODES SOLICITAR PRAZA NOS CAMPAMENTOS DE VERÁN!!!

Desde hoxe está aberto o prazo para solicitar prazas dentro do programa Acción de verán 2024, da Xunta de Galicia.
A través da web do Concello de Rianxo (non é o noso, pero é o que ofrece a información estruturada da mellor maneira) podes consultar a oferta de actividades e descargar os materiais que máis che interesen.
Se prefires consultar directamente a web da Xunta, podes facelo aquí.
Como podemos ver na imaxe, os campamentos de verán forman parte deste programa.
Hai oferta para nen@s e moz@s dos 9 aos 30 anos, así que a idade non é unha desculpa para non apuntarse...

martes, 16 de abril de 2024

VISITA A SANTIAGO: AFUNDACIÓN E CIDADE DA CULTURA

O alumnado de 1º e 3º de E.S.O. achegouse na mañá de hoxe a Santiago para cumprir unha misión dobre: visitar unha exposición na cidade vella e coñecer a Cidade da Cultura.
Na sé de Afundación na rúa do Vilar visitaron a exposición de Tim Flach 'Emocións en perigo', da cal temos información dabondo na web de Afundación, así como acceso a moitas das imaxes expostas.
Nesta mesma actividade, o alumnado realizou unha dinámica de programación relativa ao comportamento dos predadores.
Na Cidade da Cultura o alumnado de 3º visitou a exposición 'Tesouros Reais', que achega a Compostela parte dos fondos do Terra Sancta Museum de Xerusalén.
A través desta ligazón podemos coñecer o seu contido.
Namentres, o alumnado de 1º coñecía nas Torres Hejduk o bosque atlántico e o mediterráneo, así como a exposición 'Da semente á árbore', da que aquí podemos coñecer máis.
Como vemos, foi unha mañá moi ben aproveitada.

luns, 15 de abril de 2024

Luísa Villalta: a rebelión da palabra

Xa está dispoñible na Canle de Youtube da Real Academia Galega a serie documental 'Luísa Villalta: a rebelión da palabra'.
Se o prefires, podes reproducir xa aquí o seu primeiro capítulo, e logo continuar cos seguintes:
Tamén podes reproducila desde a propia web da Real Academia Galega.
Se prefires acceder á información sobre esta serie, na web anterior, fai click NESTA LIGAZÓN.

venres, 12 de abril de 2024

FAI VIRAL A POESÍA!!! FIN DO RECONTO

Hoxe, ás 12:00, rematou o reconto das visitas realizadas aos vídeos participantes no concurso Fai viral a poesía!!! 
Proximamente faremos público o resultado do reconto e felicitaremos á proposta gañadora. 

xoves, 11 de abril de 2024

Espazo Luísa Villalta no Portal da Lingua Galega

 

No Portal da lingua galega xa está dispoñible un novo espazo dedicado a Luísa Villalta, que é -como sabemos- escritora que será homenaxeada o Día das Letras Galegas este ano. 
Alén da súa biografía, NESTA LIGAZÓN poderás atopar diversos recursos que están a elaborar en diferentes centros educativos, entre eles os do Seminario Galán. 

mércores, 10 de abril de 2024

LORQUIANA

Na mañá de onte, martes 9 de abril, o alumnado de 3º e 4º de E.S.O. viaxou a Santiago de Compostela para asistir á representación de La casa de Bernarda Alba, escrita por Federico García Lorca, no Colexio La Salle.
Os rapaces e as rapazas, polo que contan, gostaron moito da obra e salientan que fosen só catro persoas as que actuaban.
Xa que logo, podemos decir que a compañía que representou o texto, Teatro de los Caminos (Transeduca), realizou ben o seu traballo.  
Ficou tamén abraiada a rapazada co feito de que o reparto tivese tan pouco tempo para aprender o papel.


martes, 9 de abril de 2024

O ALUMNADO DE 3º DE E.P. VAI Á COMPRA!!!

O venres 22 de marzo (último día antes das vacacións) o alumnado de 3º de E.P. fixemos unha saída ao Supermercado Froiz de Pontecesures.
Nel puidemos coñecer todas as seccións do establecemento e as diferentes funcións que desenvolve cada unha das persoas que traballan nel.
Ao rematar, os nenos e as nenas tivemos a ocasión de formular numerosas preguntas, e aínda houbo tempo para que nos contasen mesmo anécdotas de roubos...
Na seguinte ligazón podemos ver as mellores imaxes da visita:
https://drive.google.com/file/d/1REc74pyVLY-EmDMV9lKKewYSyvsnKWoz/view?usp=drivesdk
Seguro que agora, cada vez que voltemos, vemos o supermercado con outros ollos.

luns, 8 de abril de 2024

INTERCAMBIO CO COLEXIO SAINT JOSEPH DE MARINGUES

Entre os días 15 e 22 do mes pasado unha delegación do noso Centro (xunto co CPI Alfonso VII de Caldas de Reis) viaxou a Maringues, no rural francés preto de Lyon, para devolverlles a visita que os seus compañeiros e as súas compañeiros do Ensemble Scolaire Saint-Joseph à Maringues lles fixeran o curso pasado. Aquí temos a publicación do seu Facebook na que fan un breve resumo das actividades desenvolvidas.    

Agora, ademais, temos o testemuño gráfico que nos fai ver que a convivencia pacífica entre españois e franceses é posible, por máis que a Historia se empeñe en soster o contrario...


NESTE ÁLBUM DE FLICKR tés acceso a moitas máis imaxes da súa viaxe.

venres, 5 de abril de 2024

FAI VIRAL A POESÍA!!! INICIO DO RECONTO

Desde hoxe xa podes visualizar os traballos presentados conforme as bases ao concurso Fai Viral a Poesía!!! e ata o próximo 12 de abril ás 12:00 faremos o reconto das visitas recibidas.
Podes acceder a eles a través da Canle de YouTube do EDLG do noso Centro (http://www.youtube.com/@edlgcpipontecesures1513) ou a través desta bitácora, poucas liñas máis abaixo. Para teres a garantía de que a túa visita é contabilizada, mellor reproduce o vídeo en Youtube.
Se es un/ha d@s participantes, é o teu momento de facer viral o teu vídeo... copia o enderezo do teu traballo e pégao nas túas redes para que a xente o coñeza e sexas @ autor/a do vídeo con máis visitas. Trátase de facer bo o nome do concurso...

Fai Viral a Poesía!!!

xoves, 4 de abril de 2024