O presidente da Xunta anunciou onte o importe das axudas para o curso escolar 2024-2025 destinadas a a facilitar a adquisición de libros de texto e material escolar.
O vale para a adquisición de material escolar é de 75€ no caso de familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€ e de 60€ no caso de familias con rendas per cápita superiores aos 6.000€ pero inferiores aos 10.000€. O vale de 75€, con independencia da renda, será concedido tamén ao alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, ao alumnado de Educación especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.
As axudas para a compra de libros mantéñese como no último ano, estando destinados aos dous primeiros cursos de Primaria, ao alumnado de Educación Especial e ao alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que lles dificultan empregar os libros do Fondo solidario.
A axuda para o alumnado de 1º e 2º de Primaria é de 240€ (no caso de familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€) ou de 160€ (no caso de familias con rendas superiores aos 6.000€ pero inferiores aos 10.000€).
Haberá unha axuda de 300€, con independencia da renda, concedida ao alumnado de Educación especial (en centros específicos ou en unidades de Educación especial de centros ordinarios) e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.
No caso do alumnado con necesidades específicas de apoio educativo que non poida usar libros do Fondo solidario haberá axudas para todos os cursos de Primaria (do mesmo importe e nas mesmas condicións cás establecidas para os alumnos de 1º e 2º) e de ESO, que recibirán 270€ (no caso de familias con rendas per cápita iguais ou inferiores a 6.000€) ou 180€ (no caso de familias con rendas superiores aos 6.000€ pero inferiores aos 10.000€).
Según indica a información da web da Xunta, "para o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta, o importe da axuda será o maior que lle corresponda con independencia da renda per cápita da unidade familiar".
En todo caso, é preferible consultar a información publicada na web da Xunta (podes seguir esta ligazón) e prestar atención ás novas que saian a seguir.
Ningún comentario:
Publicar un comentario