sábado, 29 de outubro de 2022

LECTURAS COMPARTIDAS

 Alumnado da ESO colaborador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega, baixou a Infantil e ós primeiros cursos de Primaria a ler libros, esta experiencia que xa levamos varios cursos realizando está resultando moi gratificante e enriquecedora para tod@s.


SAMAÍN 22

 

Unha semana  arrepiante, emocionante, de pel de galiña e moi  moi divertida.  

"Vale máis unha imaxe que mil palabras" así pois aí vos deixamos algunhas imaxes.








ESTÁ DE MEDO!! PREMIAD@S da 1ª edición



Este venres, con motivo da celebración do SAMAÍN,  procedemos a publicar os premiados na 1ª edición " ESTÁ DE MEDO!!"

EDUCACIÓN INFANTIL

Recibirán un vale para todas as clases polos traballos tan terroríficos que realizaron.

EDUCACIÓN PRIMARIA

Os corredores de Primaria, apareceron cheíños de ilustracións terroríficas moi elaboradas e con moita creatividade, o xurado composto por alumnado da ESO, tivo bastante difícil a elección pero finalmente decidiron que os merecentes de agasallo serían:

  • Xián de 2º ( Entre os de 1º e 2º)

  • Helena de 3º ( Entre os de 3º e 4º)

  • Emily de 6º ( Entre os de 5º e 6º)

                  Recibiron un vale por valor de 20€.

EDUCACIÓN SECUNDARIA

Os traballos presentados polo alumnado da ESO foron de gran calidade, con moita técnica, imaxinación e creatividade. O xurado composto por profesorado do centro tivo complicado elixir ós 2 premiados.

Os traballos que acadan agasallo-sorpresa (bono para 1 carreira nos Karts de Valga) foron:

      • Brais B. R. de 2º A (entre 1º e 2º )

      • Mara F. L. de 4º (entre 3º e 4º)

                                                                                         NORABOA A TOD@S!!


E aquí as súas obras:







Algúns dos traballos que promoveron o terror polos corredores, pero sobre todo, encheron as clases e a imaxinación da rapazada con relatos de medo, tales como " Joni pés fríos" " O aprendiz de home do saco" " Mortiña" " O misterio do cemiterio vello" e moitos máis.







 

sábado, 15 de outubro de 2022

SAMAÍN: ESTÁ DE MEDO! 1ª edición

Desde o EDLG queremos propoñervos as seguintes

 actividades para este mes.

    PARA INFANTIL E PRIMARIA

ESTÁ DE MEDO!!

1ª EDICIÓN

 

Achégase o tempo do Samaín, unha antiga tradición que conmemora a visita dos mortos ao mundo dos vivos na noite do 31 de outubro, data de comezo do aninovo celta. Desde o Equipo de Dinamización de Lingua Galega do CPI de Pontecesures queremos propoñervos unha fascinante aventura:

 

Ø  Realiza unha portada ilustrada do libro de medo que lestes na aula, bótalle imaxinación.

Ø  Na portada debes incluir  o título, o autor e o lema “Está de medo!!”.

Ø  Por detrás da portada debes poñer o teu nome, os apelidos e o curso.

Ø  A ilustración máis arrepiante e creativa podería obter unha “sorpresa terrorífica”.

Ø  O tamaño do papel terá que ser A - 3  pero o resto do material e a técnica que empregues para facer a portada é de libre elección.

Ø  Os traballos serán expostos no corredor do centro durante a semana do 24 ao 28 de outubro.


                                              PARA SECUNDARIA

 

ESTÁ DE MEDO!!

1ª EDICIÓN

 

Achégase o tempo do Samaín, unha antiga tradición que conmemora a visita dos mortos ao mundo dos vivos na noite do 31 de outubro, data de comezo do aninovo celta. Desde o Equipo de Dinamización de Lingua Galega do CPI de Pontecesures queremos propoñervos unha fascinante aventura:

 

Ø  Elixe un título da lista de libros ou relatos.

Ø  Realiza unha portada ilustrada do libro ou relato que escolliches, pon o título e o autor. Bótalle imaxinación.

Ø  Na portada debes incluir o lema “Está de medo!!”.

Ø  Por detrás da portada debes poñer o teu nome, os apelidos e o curso.

Ø  A ilustración máis arrepiante e creativa podería obter unha “sorpresa terrorífica”.

Ø  O material e a técnica que empregues para facer a portada é de libre elección. Sigue as recomendacións do/a  profesor/a  de plástica.

Ø  Os traballos serán expostos no corredor do centro durante a semana do 24 ao 28 de outubro.

** Calquera dúbida falar co profesorado de Dinamización da Lingua Galega.

 

LISTADO DE LIBROS/RELATOS A ESCOLLER

 

1.  Dos arquivos do trasno, Rafael Dieste

Vai da morte, de espíritos, de sucesos estraños...

(Un trasno ou trasgo é unha criatura imaxinaria, unha especie de demo invisíbel, propia da tradición popular galega e do norte de Portugal. Denomínase tamén diaño, entendido como ente distinto do demo e nunca tan maligno como este.

Adoita ser de hábitos nocturnos e serve para explicar sucesos de causa aparente descoñecida, sobre todo sucesos accidentais que comportan un dano non grave. Así, o trasno argalla para facer que rompa a louza, que se perdan as chaves, que caia un valado, que se leen os novelos que estea fiando unha moza etc. Pero o trasno tamén pode andar detrás dunha persoa e seguila a todas partes. Ás veces toma forma animal (coma un cabalo, un can abandonado etc.)

 

2.  Cando petan na porta pola noite, Xabier P. DoCampo

 

Lémbranos os nosos medos que criamos especiais: aquela carballeira chea de sombras, o vento que abanea os salgueiros, a neve que nos chamaba a andar e ía borrando as nosas pisadas co risco de perdernos, a brétema que non nos deixa enxergar que seres se ocultan...

 

3.  Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete, Castelao

 

A vida de ultratumba... Para que lle servirá un ollo de vidro a un esquelete no outro mundo?

 

4.  Cartas de inverno, Agustín Fernández Paz

 

Adrián escribiu unhas cartas contando as cousas que lle sucederon mentres viviu nunha casa embruxada... O seu amigo está a lelas agora...

 

5.  Aire negro, Agustín Fernández Paz

 

Unha muller coa memoria borrada que está nun psiquiátrico... 

 

6.  Á lus do candil, Ánxel Fole

 

Historias de misterio xurdidas da vida cotiá...

 

7.  A pantasma de Canterville, Oscar Wilde

 

Unha pantasma aparéceselle a unha familia americana, pero eles non parecen asustarse moito...

 

8.  As mans do medo, Xosé Miranda

 

Desde o primeiro día que puxo os pés na casa da praia comezaron a sucederlle dúas cousas que, aparentemente, parecían non estar relacionadas: empezou a proerlle, arderlle a man esquerda e comezou a pensar compulsivamente en cambiar de lugar o pozo negro. Máis tarde, notou que os dedos perderan sensibilidade e foi quedando abraiado pola súa torpeza cando cavaba un foso no Cemiterio das Pedras Brancas, onde atopará unha caixa dourada que atesoura unha man. Unha man humana, enteira, perfecta. Viva.

 

9.  Os arquivos secretos de Escarlatina, Ledicia Costas

A que xogan os defuntos os xoves pola noite no mausoleo de Escarlatina? Lograría a cociñeira montar o seu propio restaurante? Quen goberna no Alén na actualidade? Quen foi o verdadeiro asasino de Amanito? Son moitas as preguntas que flotan no ar, entre as tumbas dos defuntos. Afonda no universo de Escarlatina, a cociñeira defunta.

 

10. Mortiña. Unha historia para esmendrellarse de risa, Barbara Cantini

Mortiña é unha nena, pero non é coma as demais: é unha nena zombi. Vive en Vila Decadente coa súa tía Defuntiña e o seu inseparable Tristeiro, un can que non se sabe se está vivo ou morto. A Mortiña encantaríalle ter amigos da súa idade cos que xogar e divertirse, pero a súa tía prohibiulle deixarse ver: podería asustar a xente. Un día preséntaselle unha oportunidade única: a festa de Samaín! Mortiña nin sequera ten que disfrazarse... Pero que pasará cando os demais nenos descubran que non leva máscara?

 

NOVAS PARA COMPARTIR

 

Desde o Consello da Cultura Galega

OS XXIV ENCONTROS PARA A NORMALIZACIÓN LINGÜÍSTICA ANALIZAN AS ARTES COMO ELEMENTOS NORMALIZADORES





DESDE A REAL ACADEMIA GALEGA

A orixe da nosa lingua guapa

Unha meiga, unha profesora e un grupo de nenas e nenos ben espelidos protagonizan do CPI Santa Lucía de Moraña a primeira película de ficción da Real Academia Galega, baseada en feitos abraiantes pero reais como a vida mesma. Non perdades a fascinante historia do nacemento dun idioma especial coma ningún outro, porque sodes vós as persoas que tendes o superpoder de seguir a darlle mil primaveras máis de vida! Só tendes que berrar e practicar este retrouso máxico: Nós, en galego! A nosa lingua guapa!

A orixe da nosa lingua guapa é un filme producido pola Real Academia Galega a partir dunha idea orixinal da académica Fina Casalderrey, autora dunha morea de historias que levan cativado a varias xeracións de nenas e nenos. Damián Varela foi o director da orquestra a partir do guión asinado por Casalderrey e Fátima R. Ruibal, que é ademais a meiga-mestra que protagoniza esta película xunto ás verdadeiras estrelas: os nenos e as nenas do CPI Santa Lucía de Moraña que se converteron en actores e actrices para a ocasión.

A produción contou co apoio económico da Deputación da Coruña, institución que patrocina todas as iniciativas do proxecto Primavera das Letras.



luns, 10 de outubro de 2022

LER CONTA MOITO: DA ÁRBORE AO LIBRO ( CUARTO DE INVERNO)

7 de outubro: O alumnado de 3º de Primaria asistiu a un obradoiro, na Biblioteca Municipal, impartido por Andrea Jamardo, editora de Cuarto de Inverno. Nesta actividade os nenos e nenas puideron descubrir como se prepara todo o material para a elaboración dun libro, desde que se corta a árbore ata que o libro chega ás librerías e bibliotecas, e os ávidos lectores e lectoras poden gozar coa súa lectura. As rapazas e rapaces tamén puideron confeccionar o seu propio libro.


Tamén puideron ver algúns libros desta editorial " Cuarto de inverno"


 

domingo, 2 de outubro de 2022

COMEZAMOS CON ACTIVIDADES VARIADAS

 Mércores 28 de setembro: Encontro interxeracional, entre  persoas con Alzheimer, que viñan en compaña de persoal da  Asociación Galega de Axuda ós Enfermos con Alzheimer - AGADEA- e o alumnado de 6º de Primaria. Esta Asociación está a realizar a ruta Marítima do Mar de Arousa cara Santiago, e van visitando os distintos Concellos desta ruta e compartindo experiencias. Hoxe, foi o alumnado do noso centro o afortunado de coñecer e compartir con eles, varias actividades:

- Unha clase de pintura, da man do mestre, da Asociación " A Barcarola", ao tempo que lles ensinaron obras do pintor máis famoso do noso Concello, Carlos Maside.

- Xogos interactivos: O paracaídas,...




Xoves 29 de setembro: Por un día, a Biblioteca do centro convertíuse nun Museo. Baixo o lema " O MUSEO EN CAMIÑO" grazas ó Museo Provincial de Pontevedra, o noso centro resultou agasallado con esta proposta cultural, para darlle a coñecer aos máis pequenos, de 1º e 2º de Primaria, algunhas das obras que se atopan no Museo, vinculadas a distintos Concellos polos que percorre o Camiño Portugués, como por exemplo, o tesouro de Caldas de Reis, o Deus Xano, un Miliario, cadros de Castelao, Seoane,...



De regreso na aula seguimos investigando e ampliando a información sobre as obras vistas e outras, consultando os folletos que nos deixaron, e os nenos e nenas puideron plasmar a súa visión das mesmas no block de debuxo.




Venres 30 de setembro: contacontos na Biblioteca Municipal, dentro da campaña "Ler conta moito" o alumnado de 1º e 2º gozou coa historia musicalizada de " A orquestra de camarote"