Este ano o tema escollido para realizarmos os disfraces foi o Medio Ambiente.
O Trasno pensa que é un tema moi acaído, porque o tempo anda tolo e o pouco coidado que temos tido co medio ambiente é responsable, en boa parte, diso. Así que non está de máis concienciármonos un pouco da necesidade de coidalo (ben sabemos que o Entroido é tempo de crítica -e, polo tanto, de reflexión-).
Xa desde media mañá o alumnado e o profesorado puxo as súas mellores galas carnavalescas para participar no desfile.
Porén, o Entroido non se ocupa só do noso aspecto exterior, senón que tamén presta atención ao interior; en concreto ao bandullo, e non faltaron as delicias típicas deste tempo para darlle gusto ao padal.
O difícil é non pasarse, pero quen dixo que fose fácil...
Así, recargadas coa enerxía de filloas, orellas e demais doces (e salgados), as comparsas compareceron ante o seu público en dous pases para que todas as familias puidesen velas: o primeiro para as familias do alumnado de E.I., 1º, 2º e 3º de E.P. e o segundo para o alumnado de 4º, 5º, 6º de E.P. e E.S.O.
Abondarán cinco días de descanso para recuperarse de tantas emocións? E de tanto azucre?
Ningún comentario:
Publicar un comentario