xoves, 22 de maio de 2025

A festa das Letras

Por fin recuperada a nosa gorxa de tanto canto do sábado, desde as 12:30 celebramos -no día de hoxe- o festival polo Día das Letras Galegas.
Os labores de presentación correron a cargo do alumnado da ESO.
Nunha primeira parte da festa, o alumnado de Primaria interpretou cancións do Cancioneiro Popular de Galicia.

A continuación Lois Janeiro Castroagudín, de 5º, leu o seu fermoso poema 'O son das mulleres', que foi o vencedor no Certame Intercentros deste ano na categoría de poesía.

Pero as rapazas e os rapaces da ESO non ían só presentar, senón que tamén tiveron o seu momento para ler e cantar cantigas.

O alumnado de 5º e 6º de EP puxo a nota deportiva cunha exhibición de acrosport.

Cando xa empezabamos a terminar, fíxose entrega a Enma do seu diploma como gañadora do concurso de Marcapáxinas.
E o concurso 'Fai Viral a Poesía' -non sen tempo- fixo público o nome dos seus gañadores: o Premio do Alumnado, o premio grande, foi para Cayetana e Carmen, que nos deleitaron co poema 'Falade galego' de Eduardo Pondal, con voz e música propias; dos premios do Xurado, o 1º Premio gañouno Yago, o 2º Alma e o 3º Ana.

Coas actuacións musicais do alumnado da ESO -que levaron a toda a rapazada a una conga multitudinaria, contaxiada pola música- púxose punto final ao evento.

Ningún comentario:

Publicar un comentario