Amosando publicacións coa etiqueta FESTIVAIS. Amosar todas as publicacións
Amosando publicacións coa etiqueta FESTIVAIS. Amosar todas as publicacións

venres, 13 de febreiro de 2026

Cen anos nunha mañá

Andamos de centenario (no Concello, non o Trasno, que nos faltan cinco ou seis anos aínda) e quixemos que o noso Entroido reflectise esa celebración.
Por iso, esta mañá o Centro encheuse de valeir@s, remeir@s, peregrin@s, praceir@s, futbolistas, festeir@s e demais fauna distintiva de Pontecesures (incluída unha lucida comitiva da famosa Casa Castaño, emérit@s incluíd@s).
Alguén dixo unha vez que 'unha vila non a fan os políticos, senón a súa xente', e se non o dixo ninguén dicímolo agora nós.
Do mesmo xeito, logo, o Entroido fano as persoas que nel participan.
Aquí vos traemos un breve testemuño gráfico (primeiro nas aulas, logo nos dous pases do festival) da celebración dunha mañá de Entroido con algunha desa xente de todos os tamaños e cores, que pretende conmemorar nada menos que cen anos na vida dun Concello.
E a alegría de vivir, de paso, porque "no hay que llorar, que la vida es un Carnaval..."
Se tivemos que resgardarnos no ximnasio para celebralo en vez de baixar á vila coma outras veces non é algo que debese estrañar neste inverno tan... como diríamos... galego, aínda que xusto para o festival decidise tamén disfrazarse. Iso si, cando terminou o festival volveu chover.

E para representar o noso Centro na celebración destes cen anos quen mellor có noso Meco, que -como escoitamos alguén dicir- "ficou mooñeeeeeco".

Pero se alguén levou o premio ao disfraz máis espectacular e inesperado hai que recoñecer que os Pepes, Turnes e Rivas -antigos mestres do noso Centro-, están case irrecoñecibles con ese conseguidísimo disfraz de helicóptero. Aínda non termino de crer que fosen eles! Ademais, cal é cal?

E se non puideches vir... agora tes unha segunda oportunidade!


venres, 19 de decembro de 2025

Vémonos en xaneiro!!!

Chegou o día!!!
Por fin acaban as clases e, o que é máis importante, por fin coñecemos os grupos que gañaron o concurso de decoración de portas polo Nadal convocado polo Equipo de Biblioteca.
Seguro que xa sabes cales son, non sabemos se coinciden coas túas preferidas, pero en todo caso o Xurado elixiu:

Efectivamente, as portas de 4 anos (Infantil), 5º (Primaria) e 1º (E.S.O.).
Parabéns ás gañadoras!!!
Nas seguintes imaxes podemos ver os grupos gañadores recibindo os seus premios...

Nunha mañá tan chea de emocións non podían faltar os dos camelos, os dos regalos, os viaxeiros infatigables... os magos de Oriente!!! 
Como cada ano as Súas Maxestades fan un oco en tan apertadas axendas para comprobar en primeira persoa como de bos e de boas foron os nenos e as nenas do Centro, pensando, claro, nos regalos...

E se falamos de regalos, que mellor regalo para os oídos que as actuacións musicais que puxeron fin, por fin, ás clases deste 2025 tan cheo de sorpresas, non sempre agradables.

Esperemos que o novo ano sexa clemente con tod@s...
En todo caso, desexámosche que pases unhas boas festas.