venres, 10 de abril de 2026

As mouras

Se cadra hai uns días viches na nosa canle de WhatsApp que un mural galego foi escollido, unha vez máis, como o mellor do mundo. 
Nesta ocasión está en Fene, e retrata As mouras, como podes ver na imaxe superior (recorte dunha fermosísima instantánea de Elia Hermida).
Se non o cres, porque é que ti es así, podes comprobalo NESTA LIGAZÓN á web do Concello de Fene.
Por iso pareceunos apropiado rescatar esta figura da nosa mitoloxía para falarche un pouco sobre ela.
As mouras son, como che dicimos, figuras lendarias moi presentes na mitoloxía galega.
Segundo a tradición popular, trátase de seres femininos de grande beleza que habitan en lugares misteriosos como castros, covas, fontes ou mámoas. Adoitan aparecer peiteando longas melenas douradas cun peite de ouro, especialmente ao amencer ou ao solpor.
Moitas historias cóntanas como gardiás de tesouros ocultos baixo terra, aos que só algunhas persoas poden acceder. Nalgúns relatos, as mouras están encantadas e só poden ser liberadas mediante certas probas ou palabras máxicas.
A súa figura mestura elementos pagáns e simbólicos, relacionados coa fertilidade, a natureza e o mundo subterráneo. Tamén se di que poden ser protectoras ou perigosas, dependendo do comportamento humano cara a elas.
A presenza das mouras forma parte esencial do imaxinario rural galego. A través dos séculos, estas lendas transmitíronse oralmente de xeración en xeración.
Hoxe, como demostra o mural que nos deu pé a falar delas, seguen sendo un símbolo fascinante do patrimonio mítico de Galicia.
Se tes moito interese por estes seres achegámosche o documental “O país da Moura”, que podes reproducir desde esta bitácora ou en YouTube.
Como indica a súa descrición, "é un documental sobre a riqueza mitolóxica que atesoura Galicia centrado nas lendas que configuran o mito da Moura, o personaxe mitolóxico máis importante da nosa cultura e un dos elementos simbólicos do folclore galego". 
A exposición da figura das mouras fana mentres realizan "un percorrido por diferentes lugares do noso territorio vinculados a estes mitos e cuxo valor natural, arqueolóxico, etnográfico ou cultura é signiticativo para entender e contextualizar os relatos orais recollidos neste audiovisual".
Curto non é, pero paga a pena velo, aínda que sexa a cachos.


Ningún comentario:

Publicar un comentario