mércores, 9 de setembro de 2026

As axendas do trasno

Xa estamos de volta!!!
As vacacións nunca son suficientes, é ben sabido.
Pero é o momento de regresar.
Para facervos máis doada a organización dos vosos traballos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega repartiu, como cada ano, as axendas escolares en galego.
E, como cada ano –porque as tradicións constrúense día a día-, contamos coa colaboración do grupo de 6º para amosarnos a axenda e o seu entusiasmo o día do comezo das clases.

Na portada e contraportada podemos ver imaxes dalgunhas actividades desenvolvidas no noso centro no ano anterior.
Pero non só iso: tamén tedes un convite para seguirdes a Canle en WhatsApp do Trasno Paroleiro; en realidade é un xeito máis doado de acceder aos contidos desta bitácora directamente desde o apartado 'Novedades' de WhatsApp.
Coma no ano anterior, na contraportada da axenda figura un código QR para acceder a esta bitácora, do mesmo xeito que na marxe dereita da túa pantalla (se consultas a bitácora desde un computador ou activaches "Ver versión web" no teu móbil ou tableta).
Xusto enriba del (do código QR), na bitácora, tes tamén un acceso directo á Canle de WhatsApp da que che acabamos de falar; se segues a ligazón e lle dás a "Seguir" xa o tes todo feito. 
Ou, se prefires, pódelo facer desde a imaxe de abaixo.
En todo caso, decidas seguir a nosa canle ou non, desde O Trasno Paroleiro trasmitímosche os nosos mellores ánimos para que o novo curso sexa produtivo e todo o feliz que se poida.


Ningún comentario:

Publicar un comentario