venres, 31 de maio de 2024

OCEANOGRÁFIC, LA CIUTAT DE LES ARTS I LES CIÈNCIES, L'ALBUFERA... E MOITO MÁIS

Como o luns prognosticamos, as nubes deixaron o seu espazo a un ceo azul e @s nos@s viaxantes puideron desenvolver as actividades previstas.
Sobre estas liñas podémolos ver na súa visita a La Ciutat de les Arts i les Ciències de Valencia.
Se queredes coñecer polo miúdo algo do que alí se encontraron, podedes botar unha ollada á súa web
Pero, claro, quen podería resistirse á chamada do salvaxe?
Quen podería resistirse a coñecer o mar desde dentro?
Por iso, achegáronse tamén ao Oceanográfic (aquí podes visitar a súa web) para coñecer os tiburóns e outras especies mariñas, como podemos ver tamén na imaxe.

Pero iso non foi máis que o principio; por diante aínda tiñan días cheos de novas experiencias e descubrimentos. 

Non faltaron as visitas á Albufera, a Benidorm ou á Cidade Cella de Valencia, ademais, por suposto, dos momentos de esparcemento no parque acuático.

xoves, 30 de maio de 2024

CLAUSURA DAS ESCOLAS DEPORTIVAS E CULTURAIS

O próximo sábado 1 de xuño vai celebrarse no Pavillón Municipal de Pontecesures a festa de Clausura das Escolas Deportivas e Culturais do noso Concello.
No marco desta celebración, os cadros realizados polo alumnado de pintura estarán expostos na Casa do Concello desde o 31 de maio até o 28 de xuño.
O propio sábado 1 de xuño os grupos de patinaxe realizarán unha exhibición desde as 17:00.
Tamén o fará o grupo de ximnasia rítmica, ás 17:40, e o de baile moderno ás 17:50.
Terá lugar, así mesmo, a entrega de diplomas e o sorteo de agasallos entre o alumnado das actividades.
Finalmente, pecharase a celebración cunha merenda.
Como podemos ver no cartel, tod@s estamos invitad@s a esta celebración. 

mércores, 29 de maio de 2024

LIMPANDO DURAMENTE AS PRAIAS...

En concreto, como podemos ver nas imaxes, limpando duramente a praia de Tanxil, en Rianxo.
Até alá foi na mañá de onte, martes, o alumnado de 1º e 3º de E.S.O., así como o de 4º da materia de Bioloxía (o que non foi de viaxe á Comunidade Valenciana, evidentemente).
E vemos que a tarefa foi dura porque, aínda que apenas dedicaron 35 minutos ao traballo de limpeza, recolleron máis de 20 kilogramos de lixo, sobre todo plásticos.

A actividade foi desenvolvida conxuntamente coa asociación Amicos, cuxo propósito principal, como podemos ler na súa web, é prestar apoio ás persoas con discapacidade.
A actividade, según palabras das persoas que nela participaron, foi moi instrutiva e digna de ser repetida.
En todo caso, unha vez que estamos na praia, non todo vai ser recoller lixo e encontraron un momento para desenvolver algún que outro xogo.

martes, 28 de maio de 2024

VIAXE DE ESTUDOS A VALENCIA

Xa queda moi pouco para xuño e boa parte do alumnado de 4º de E.S.O., acompañado polas profesoras Luisa e Marina, decidiu ir buscalo a Levante.
Con este obxectivo, este domingo ás 22:00 concentráronse no Mirador do Pino Manso para poñer rumbo leste.
O luns pola mañá, temos a certeza, xa chegaran a Gandía, a súa base de operacións.
Nas fotos podemos vel@s antes da saída e despois da chegada. 
Aínda que foron recibid@s por un ceo cuberto de nubes, seguro que non lles van faltar momentos para tomar o sol e desenvolver todas as actividades previstas.

venres, 24 de maio de 2024

O PAPAGAIO E NÓS DIARIO NA NOSA BIBLIOTECA

Como vén sendo habitual nos últimos anos, a Biblioteca do noso centro contou cunha subscripción anual ao xornal Nós diario e á publicación "para xente miúda", como eles din, O Papagaio.
Outr@s teñen que pagar por lelos, ti que podes achégate á Biblioteca e leos de balde!!!

xoves, 23 de maio de 2024

@S NOS@S POETAS XA ESTÁN NO ALBERGUE

Dentro da acción 'Sementando Poesías no Camiño' (e vencellada ao concurso 'Fai Viral a Poesía!!!') o cartel xa foi levado ao Albergue de Peregrinos de Pontecesures.
En concreto, o cartel se encontra no taboleiro do vestíbulo do Albergue.
Deste xeito, @s camiñantes que vaian a Compostela, sexa cal for o seu propósito, xa poden escoitar @s nos@s poetas recitando ou cantando poemas en lingua galega.
Este acceso se realiza mediante a lectura dos códigos QR que enlazan con cadanseu vídeo na Canle de Youtube do Equipo de Dinamización.
@s peregrinos teñen ao seu dispor un pequeno texto explicativo en galego, español, portugués, francés e inglés, así coma outro código QR que enlaza coa bitácora do Equipo, por se queren coñecer máis polo miúdo as actividades en prol da lingua e cultura galegas que se desenvolven no noso centro.

mércores, 22 de maio de 2024

IOGA PARA O CLUB DE LECTURA

Decía o proverbio latino "mens sana in corpore sano".
O Club de Lectura da E.S.O., que está de acordo con esa premisa, aproveitou a oportunidade para facer unha sesión de ioga.
María, a monitora, conseguiu trasladar aos nosos amigos dos libros a paz e o relax que tamén se pode alcanzar a través do manexo do corpo.  

martes, 21 de maio de 2024

SEMENTANDO POESÍAS NO CAMIÑO

Como podes ver sobre estas liñas xa temos preparado o cartel de Sementando poesías no Camiño para este ano.
Como novidades, engadimos a lingua portuguesa entre as escollidas para nos dirixir aos peregrinos do Camiño Portugués, faltaría máis!
Tamén engadimos a ligazón á nosa bitácora por se os peregrinos están interesados en coñecer máis polo miúdo as actividades en prol da lingua e cultura galegas que se desenvolven no noso Centro.
E, á vista está, engadimos a contorna do noso Centro (en concreto o Mirador do Pino Manso) ao tema do noso cartel. 
Moi pronto estará no Albergue para difundir a nosa mensaxe poética...

venres, 17 de maio de 2024

DEBUXANDO A LUÍSA VILLALTA

Hoxe é o Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado -como sabemos- á escritora e artista coruñesa Luísa Villalta.
Durante os últimos meses moitas actividades dentro das aulas do noso Centro tiveron como obxectivo a creación de obras plásticas a partir da figura de Luísa Villalta ou da súa obra.
Aínda que hoxe sexa un día de festa, non queremos deixar pasar a oportunidade de reflectir na nosa bitácora, cando menos, unha pequena mostra de todos estes traballos.
Por iso pegamos sobre estas liñas unha foto do taboleiro onde podemos ver unha pequena selección dos traballos que o alumnado realizou nas aulas de Educación Plástica, Visual e Audiovisual da E.S.O. para recordar a figura e a obra da autora homenaxeada neste día. 
Mentres perdure o seu recordo, ela seguirá connosco.

xoves, 16 de maio de 2024

MARCAPÁXINAS PARA AS LECTURAS DE MAÑÁ

Como sabemos, mañá é o Día das Letras Galegas, neste ano dedicado a Luísa Villalta.
Xa demos conta en moitas entradas desta bitácora de recursos e materiais relativos á súa vida e á súa obra.
Co gallo do Día das Artes Galegas, celebrado o pasado 1 de abril na honra de Francisco Asorey, convocamos un concurso de marcapáxinas.
Hoxe temos por fin eses marcapáxinas nas nosas mans e que mellor día que hoxe para repartilos!
Agora que podemos usalos, cada vez que retomemos as nosas lecturas lembraremos a figura do escultor cambadés e deleitarémonos coa composición de Camila Correia Silva, que é alumna autora da imaxe que figura no seu anverso.

Como podemos ver na imaxe tomada en 6º de E.P., o deseño foi acollido con entusiasmo pola rapazada.

mércores, 15 de maio de 2024

CONTINÚAN AS VISITAS DOS PADRIÑOS LECTORES

Os nosos padriños lectores (e as nosas madriñas lectoras tamén) seguen en plena actividade.
Nos últimos días, mesmo trascenderon as barreiras do noso Centro para exercer o seu labor pedagóxico alén das nosas fronteiras.
En concreto, as nenas e os nenos de 2º de E.P. achegáronse até a Escola Infantil para lerlles contos aos seus amigos e ás súas amigas máis cativ@s. 
'Unha vella e un vello...', de Neves Estévez, e 'Eu non fun', de Chrisitan Voltz, foron os títulos escollidos para lles ler. 
Se estás moi interesad@ en coñecer este segundo título, debaixo destas liñas podes velo no vídeo subido a YouTube pola Escola Infantil de Forcarei.

Pola súa banda, @s nen@s de 6º de E.P., @s "maiores", continúan realizando a tarefa de ser os padriños lectores e as madriñas lectoras dos seus compañeiros e das súas compañeiras de 1º de E.P.

Esta tarefa resulta, como podemos ver nas imaxes, altamente gratificante para tod@s.
NESTE ÁLBUM DE FLICKR podemos ver máis imaxes desta visita tan produtiva (e non  por iso menos divertida) para todos eles e para todas elas.

martes, 14 de maio de 2024

CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Na mañá de hoxe, a partir das 12:15, celebrouse no ximnasio do noso Centro o Recital para festexar o Día das Letras Galegas.
O prato forte constituírono as actuacións musicais preparadas para a ocasión por parte dos grupos de Infantil e Primaria (que, como podemos ver nas imaxes, obtiveron moi boa acollida por parte do público).
Houbo tamén tempo nesta primeira parte do Recital para unha exhibición de acrosport.

Aproveitando a ocasión, realizouse tamén a entrega dos premios á gañadora do concurso de marcapáxinas para conmemorar o Día das Artes Galegas (Camila Correia Silva, de 3º de E.P.) e ao gañador e á gañadora de 'Fai viral a Poesía!!!' (Yago e Alma Leboráns González, de 5º de E.P. e 4º de E.I., respectivamente). Tamén outorgamos premios aos merecedores dos accesits no concurso 'Fai Viral a Poesía!!!'.

Á tarde, a partir das 16:30, tivo lugar tamén no ximnasio do noso Centro o acto de entrega dos premios da XXVI edición do Certame Literario Intercentros, no que participou o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de E.P. do noso Centro xunto cos seus compañeiros e coas súas compañeiras do CEIP de Baño-Xanza, do CEP Xesús Ferro Couselo e do CPI de Progreso.
Entre as creacións elaboradas polo alumnado do noso Centro foron premiadas as presentadas por Eira Piñeiro Iglesias de 3º (1º premio da súa categoría por 'Onde está o ovo?' -banda  deseñada-), Irina Martínez Cascallar de 4º (3º por 'O pai e a filla' -nararativa-), Matilda Alonso Carbia de 5º (4º por 'A chamada do gran Manitú' -narrativa-) e Lucía Pérez Delgado de 6º (2º por 'Un bo resultado' -narrativa-).
Ademais de dar os parabéns ao noso alumnado, queremos felicitar tamén á ANPA do noso Centro e a todo o profesorado implicado na preparación dos dous actos, así como aos madrugadores, ao clube de pintura e a todos os demais responsables das actividades que de seguro esquecemos recoñecer nestas liñas.
Parabéns a tod@s!!!