mércores, 22 de maio de 2024

IOGA PARA O CLUB DE LECTURA

Decía o proverbio latino "mens sana in corpore sano".
O Club de Lectura da E.S.O., que está de acordo con esa premisa, aproveitou a oportunidade para facer unha sesión de ioga.
María, a monitora, conseguiu trasladar aos nosos amigos dos libros a paz e o relax que tamén se pode alcanzar a través do manexo do corpo.  

martes, 21 de maio de 2024

SEMENTANDO POESÍAS NO CAMIÑO

Como podes ver sobre estas liñas xa temos preparado o cartel de Sementando poesías no Camiño para este ano.
Como novidades, engadimos a lingua portuguesa entre as escollidas para nos dirixir aos peregrinos do Camiño Portugués, faltaría máis!
Tamén engadimos a ligazón á nosa bitácora por se os peregrinos están interesados en coñecer máis polo miúdo as actividades en prol da lingua e cultura galegas que se desenvolven no noso Centro.
E, á vista está, engadimos a contorna do noso Centro (en concreto o Mirador do Pino Manso) ao tema do noso cartel. 
Moi pronto estará no Albergue para difundir a nosa mensaxe poética...

venres, 17 de maio de 2024

DEBUXANDO A LUÍSA VILLALTA

Hoxe é o Día das Letras Galegas, que este ano está dedicado -como sabemos- á escritora e artista coruñesa Luísa Villalta.
Durante os últimos meses moitas actividades dentro das aulas do noso Centro tiveron como obxectivo a creación de obras plásticas a partir da figura de Luísa Villalta ou da súa obra.
Aínda que hoxe sexa un día de festa, non queremos deixar pasar a oportunidade de reflectir na nosa bitácora, cando menos, unha pequena mostra de todos estes traballos.
Por iso pegamos sobre estas liñas unha foto do taboleiro onde podemos ver unha pequena selección dos traballos que o alumnado realizou nas aulas de Educación Plástica, Visual e Audiovisual da E.S.O. para recordar a figura e a obra da autora homenaxeada neste día. 
Mentres perdure o seu recordo, ela seguirá connosco.

xoves, 16 de maio de 2024

MARCAPÁXINAS PARA AS LECTURAS DE MAÑÁ

Como sabemos, mañá é o Día das Letras Galegas, neste ano dedicado a Luísa Villalta.
Xa demos conta en moitas entradas desta bitácora de recursos e materiais relativos á súa vida e á súa obra.
Co gallo do Día das Artes Galegas, celebrado o pasado 1 de abril na honra de Francisco Asorey, convocamos un concurso de marcapáxinas.
Hoxe temos por fin eses marcapáxinas nas nosas mans e que mellor día que hoxe para repartilos!
Agora que podemos usalos, cada vez que retomemos as nosas lecturas lembraremos a figura do escultor cambadés e deleitarémonos coa composición de Camila Correia Silva, que é alumna autora da imaxe que figura no seu anverso.

Como podemos ver na imaxe tomada en 6º de E.P., o deseño foi acollido con entusiasmo pola rapazada.

mércores, 15 de maio de 2024

CONTINÚAN AS VISITAS DOS PADRIÑOS LECTORES

Os nosos padriños lectores (e as nosas madriñas lectoras tamén) seguen en plena actividade.
Nos últimos días, mesmo trascenderon as barreiras do noso Centro para exercer o seu labor pedagóxico alén das nosas fronteiras.
En concreto, as nenas e os nenos de 2º de E.P. achegáronse até a Escola Infantil para lerlles contos aos seus amigos e ás súas amigas máis cativ@s. 
'Unha vella e un vello...', de Neves Estévez, e 'Eu non fun', de Chrisitan Voltz, foron os títulos escollidos para lles ler. 
Se estás moi interesad@ en coñecer este segundo título, debaixo destas liñas podes velo no vídeo subido a YouTube pola Escola Infantil de Forcarei.

Pola súa banda, @s nen@s de 6º de E.P., @s "maiores", continúan realizando a tarefa de ser os padriños lectores e as madriñas lectoras dos seus compañeiros e das súas compañeiras de 1º de E.P.

Esta tarefa resulta, como podemos ver nas imaxes, altamente gratificante para tod@s.
NESTE ÁLBUM DE FLICKR podemos ver máis imaxes desta visita tan produtiva (e non  por iso menos divertida) para todos eles e para todas elas.

martes, 14 de maio de 2024

CELEBRACIÓN DO DÍA DAS LETRAS GALEGAS

Na mañá de hoxe, a partir das 12:15, celebrouse no ximnasio do noso Centro o Recital para festexar o Día das Letras Galegas.
O prato forte constituírono as actuacións musicais preparadas para a ocasión por parte dos grupos de Infantil e Primaria (que, como podemos ver nas imaxes, obtiveron moi boa acollida por parte do público).
Houbo tamén tempo nesta primeira parte do Recital para unha exhibición de acrosport.

Aproveitando a ocasión, realizouse tamén a entrega dos premios á gañadora do concurso de marcapáxinas para conmemorar o Día das Artes Galegas (Camila Correia Silva, de 3º de E.P.) e ao gañador e á gañadora de 'Fai viral a Poesía!!!' (Yago e Alma Leboráns González, de 5º de E.P. e 4º de E.I., respectivamente). Tamén outorgamos premios aos merecedores dos accesits no concurso 'Fai Viral a Poesía!!!'.

Á tarde, a partir das 16:30, tivo lugar tamén no ximnasio do noso Centro o acto de entrega dos premios da XXVI edición do Certame Literario Intercentros, no que participou o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de E.P. do noso Centro xunto cos seus compañeiros e coas súas compañeiras do CEIP de Baño-Xanza, do CEP Xesús Ferro Couselo e do CPI de Progreso.
Entre as creacións elaboradas polo alumnado do noso Centro foron premiadas as presentadas por Eira Piñeiro Iglesias de 3º (1º premio da súa categoría por 'Onde está o ovo?' -banda  deseñada-), Irina Martínez Cascallar de 4º (3º por 'O pai e a filla' -nararativa-), Matilda Alonso Carbia de 5º (4º por 'A chamada do gran Manitú' -narrativa-) e Lucía Pérez Delgado de 6º (2º por 'Un bo resultado' -narrativa-).
Ademais de dar os parabéns ao noso alumnado, queremos felicitar tamén á ANPA do noso Centro e a todo o profesorado implicado na preparación dos dous actos, así como aos madrugadores, ao clube de pintura e a todos os demais responsables das actividades que de seguro esquecemos recoñecer nestas liñas.
Parabéns a tod@s!!!

luns, 13 de maio de 2024

CORRELINGUA: FESTAS 2024

Neste ano, a organización do Correlingua varía un pouco con respecto a outras edicións, como nos indica esta noticia da web da CIG.  
Os manifestos para as festas de anos futuros vanse elaborar nas festas que se celebrarán en once localidades diferentes do noso país durante o mes de maio, mes das flores, mes das Letras Galegas.
As que nos collen máis preto son as de Compostela, A Estrada e Pontevedra, que se celebrarán os días 20, 21 e 27, respectivamente.              
Se queredes acceder aos formularios de inscrición podédelo facer a través desta ligazón.