luns, 4 de maio de 2020

MAIO un mes con nome propio


MAIO LONGO…,
MAIO LONGO

Maio longo…, maio longo,
todo cuberto de rosas:
para algúns, telas de morte,
para outros, telas de bodas.

Maio longo, maio longo,
fuches curto para min:
veu contigo a miña dicha,
volveu contigo a fuxir.

                           Rosalía de Castro    


 Hai moita literatura arredor do mes de maio, pero pareceume moi axeitado este poema de Rosalía, co que poderemos identificarnos moitas familias, nestes momentos das nosas vidas, nos que nos estamos afrontando a unha situación inédita, preocupante, con desenlaces moi dispares e a un futuro bastante incerto. 
A natureza, segue o seu curso,de feito é a máis beneficiada nesta situación, e maio é o mes das flores. A natureza esperta do seu letargo, e todo comeza a abrollar, os agricultores realizan as faenas do campo, van sementando para recoller no outono...

 Maio é un mes cheo de angueiras.
El tiempo inestable retrasa la siembra del maíz en Galicia - Campo ...







Maio é un mes de tradicións e costumes, coma os maios.



Maio é o mes das LETRAS, das nosas LETRAS GALEGAS.

A data escollida pola Academia para celebrar o Día das Letras Galegas conmemora a edición de Cantares Gallegos de Rosalía de Castro, o 17 de maio de 1863.
Este ano o autor homenaxeado é Ricardo Carballo Calero.
??? imaxe[1]/titulo ???








Ricardo Carvalho Calero naceu en Ferrol en 1910 e faleceu en 1990 en Santiago de Compostela. Sobresaíu como historiador da literatura, crítico literario, filólogo e escritor, e dedicou a súa vida a dignificar o idioma e a cultura galega.
Tras os primeiros estudos na súa cidade natal, en 1926 chegou a Santiago para estudar Dereito. Alí entrou en contacto co galeguismo articulado arredor do Seminario de Estudos Galegos, no que ingresaría en 1927. Nesta etapa, redactou un manifesto sobre a galeguización da universidade, participou na fundación do Partido Galeguista en 1931 e na redacción do Estatuto de Autonomía para Galicia (1931-1932). Tamén escribiu artigos en A Nosa Terra e na revista Nós e publicou as súas primeiras obras, como Vieiros (1931) e O silenzo axionllado (1934).
En 1931 volveu a Ferrol para traballar como administrativo municipal e desde alí cursou por libre a carreira de Filosofía e Letras. O golpe militar sorprendeuno en Madrid cando opositaba á cátedra de Lingua e Literatura españolas de ensino medio e incorporouse á loita como miliciano. Ao acabar a guerra, foi condenado a doce anos de cárcere. En 1941, regresou a Ferrol, en liberdade condicional mais imposibilitado para acceder a cargos públicos. Sobreviviu dando clases no ensino privado, nun silencio obrigado (as pezas teatrais A Arbre, Farsa das Zocas e A sombra de Orfeo, escritas en 1948, non verían a luz ata moito despois). As lembranzas deses anos quedaron inmortalizadas na súa novela Scórpio (1987), Premio Nacional de Literatura.
En 1950 trasladouse a Lugo para dirixir o Colexio Fingoi e retomou a súa produción poética, coas obras Anxo de terra (1950) e Poemas pendurados de un cabelo (1952). En 1951, publicou A xente da Barreira, a primeira novela galega da posguerra.
Nesta década, comprometeuse coa Editorial Galaxia na revitalización da cultura galega, colaborou en Grial, na prensa especializada e no xornal La Noche e consagrouse como o principal estudoso das letras galegas con Sete poetas galegos (1955) e Aportaciones a la literatura gallega contemporánea (1955), froito da súa tese de doutoramento. En 1958, ingresou na Real Academia Galega cun estudo sobre as fontes literarias de Rosalía. O froito máis valioso neste campo foi a súa Historia da literatura galega contemporánea (1963, completada en 1975).
En 1965 incorporouse como agregado ao Instituto Rosalía de Castro de Santiago e empezou a impartir clases de galego na Universidade compostelá (á que se dedicaría de forma exclusiva desde 1972). Foi o primeiro docente universitario de Lingüística e Literatura Galegas e, a partir do 72, o primeiro catedrático.
As publicacións relacionadas coa lingua galega e a súa codificación tamén centraron a súa atención. A súa Gramática elemental del gallego común (1966) tivo sete edicións ata 1979 e foi un manual imprescindible para os primeiros estudantes universitarios de Filoloxía Galega. Así mesmo, participou na elaboración, por encargo da RAG, das súas primeiras normas ortográficas (1970) e morfolóxicas (1971). De 1975 en diante, comezou a defender os postulados reintegracionistas, en especial tras o fracaso da proposta normativa da Comisión de Lingüística, presidida por el, en 1979. De feito, a derradeira década da súa vida estivo caracterizada pola atención prioritaria aos problemas da lingua e ao desenvolvemento da proposta reintegracionista.

Ningún comentario:

Publicar un comentario