O pasado 23 de febreiro o alumnado de 1º de Educación Primaria gañaba o 2º Premio do Concurso de Poemas Musicados "A nosa Rosalía", organizado pola Deputación de Pontevedra. Presentáronse na categoría CAMPANIÑAS cunha versión de "Campanas de Bastabales", baseada na interpretación que fixo o grupo galego Os d´Abaixo da musicalización realizada por Amancio Prada deste poema tan coñecido de Rosalía de Castro.
Os outros centros premiados nesta categoría foron o CEIP Mestre Manuel García (Oia) e o CEIP San Clemente de César (Caldas de Reis).
Esta semana está resultando moi emocionante para este grupo.
Onte conseguían contactar por videoconferencia con Xacobe Varela, vocalista e gaiteiro do grupo Os d´Abaixo. E pasaron un rato agradable falando con el de temas como:
- o difícil que é ter unha banda,
- do primeiro concerto,
- do nome do grupo,
-recomendoulles outros grupos musicais, artistas, cancións,...
- da súa mascota ( o seu gato Antonio)
- da sua comida favorita,...
Hoxe recibiron os agasallos correspondentes ao 2º premio, que lles enviou a Deputación Provincial de Pontevedra. Foi un día de moita ilusión, case tanta coma cando realizaron a gravación.
Volvemos deixar o enlace á actuación premiada.
Ningún comentario:
Publicar un comentario