O primeiro contacto do alumnado de 2º coa figura de Xela Arias producíuse a finais do mes de abril, cando prepararon unha tarxeta para ás súas nais, que incluía un poema do libro Darío a diario.
sábado, 8 de maio de 2021
A BANDA DA LOBA CANTA POEMAS DE XELA
A banda da Loba tennos xa acostumados/as ás musicalizacións de poemas das figuras máis representativas da nosa cultura. Con Xela Arias, á que afirman ter como “unha das súas grandes referentes”, non podía ser diferente. No seu último disco, Fábrica de Luz, xa se aproximaran á súa obra coa canción Tigres coma cabalos, un bolero que tamén aparecerá no novo traballo, esta vez coa incorporación da voz de Xacobe Varela, cantante do grupo Os d'Abaixo. Hasme oír será polo tanto unha homenaxe máis coidada e precisa á “gran poeta e muller transgresora que foi Xela Arias”. Conterá catro cancións, unha por cada poemario: Intempériome, Darío a diario, Denuncia do equilibrio e Tigres coma cabalos, así como uns interludios musicais recitados entre cada un deles.
A peza "Intempériome" preséntase nas vésperas do 8M e poucos días despois do aniversario da homenaxeada, dúas datas clave na vida de Xela. Trátase do videoclip dunha canción que fala de deixar atrás os prexuízos e os estereotipos e afondar na persoa que queremos ser, con liberdade e respaldada pola rede dos afectos. Unha idea que quixeron representar neste vídeo a través da evolución dunha muller que, co que vai aprendendo co paso dos anos, adquire as ferramentas necesarias para avanzar e coidarse a medida que se fai máis vella.
LETRAS GALEGAS 2021- XELA ARIAS
Xela Arias Castaño naceu en Sarria en 1962. Filla do escritor Valentín Arias, foi unha das voces máis singulares da poesía galega contemporánea e sobresaíu tamén como editora e tradutora.
Os seus primeiros anos transcorren na contorna da Granxa de Barreiros, un dos proxectos pedagóxicos de Antonio Fernández López que buscaba integrar a natureza e a cultura galegas na aprendizaxe, na aldea de Ortoá.
En 1965, a familia mudouse a Lugo e ela iniciou os estudos no Colexio Fingoi. Por mor dos compromisos laborais do pai trasladouse máis tarde á parroquia de Sárdoma, en Vigo, onde rematou a ensinanza primaria. Para daquela xa gañara o primeiro premio no VI Concurso de Contos Infantís O Facho.
De 1976 a 1980, cursou o bacharelato e o COU no Instituto Castelao. Neste ano abandonou as aulas e comezou a traballar en Edicións Xerais de Galicia, onde desempeñou primeiro labores de administración e logo de corrección de estilo e de edición.
Desde 1982, deu a coñecer os seus poemas en recitais, festivais e xornais, revistas e fanzines (Dorna, Faro de Vigo, A Nosa Terra, Festa da Palabra Silenciada etc.).
En 1986 foi finalista do premio Losada Diéguez co seu primeiro libro, Denuncia do equilibrio. En 1990 saíu do prelo Tigres coma cabalos, asinado coa súa parella, o fotógrafo e matemático Xulio Gil, e, en 1996, o poemario Darío a diario, dedicado ao seu fillo. De 2003 é a súa derradeira obra, Intempériome.
Exerceu un labor pioneiro no mundo da tradución, ao verter ao galego os textos de Gianni Rodari (Contos ó teléfono), Jorge Amado (O Gato Gaiado e a Andoriña Señá), W. Fernández Flórez (O bosque animado), Roald Dahl (As bruxas) ou Bram Stoker (Drácula); tamén participou na tradución de O Quixote de Cervantes ou Dublineses de Joyce. O seu traballo como tradutora fíxoa merecente de varios premios: o da Sociedade da Língua Portuguesa (1987) por Amor de perdición, de Camilo Castelo Branco; o Ramón Cabanillas (1994) por O derradeiro dos mohicanos, de Fenimore Cooper, e, postumamente, o Plácido Castro (2004) por O Spleen de París, de Baudelaire. Foi membro da Asociación de Tradutores Galegos e formou parte do consello de redacción de Viceversa, revista galega de tradución.
Sen abandonar as anteriores ocupacións, en 1991 retomou os estudos para cursar Filoloxía Hispánica na Universidade de Vigo e, posteriormente, Galego-Portugués. Desde 1999, exerceu a docencia en distintos institutos da xeografía galega. Foron anos de intensa actividade cultural e implicación cívica, nos que participou nas mobilizacións contra a Guerra de Iraq e a catástrofe do Prestige, na Festa da Muller ou nas Noites Solidarias de Implicadas no Desenvolvemento.
A súa morte en 2003, cando preparaba con Fernando Abreu o proxecto poético e musical Vencerse é cousa de se tratar, ocasionou unha fonda conmoción no mundo cultural, que lle tributou numerosas lembranzas e homenaxes, como a organizada en Vigo en 2004 pola Asociación Galega de Editores (AGE), a Asociación de Tradutores Galegos (ATG) e a Asociación de Escritores en Lingua Galega (AELG).
Xela Arias anticipou nos anos oitenta moitos temas e características formais da lírica galega da década seguinte. Atreveuse a explorar o diálogo entre a poesía e a fotografía ou a música e procurou novos espazos para ela en recitais, festivais e outras intervencións. A súa é unha poesía urbana, que rompe formalmente co código poético, cunha dimensión social e precursora da escritura de xénero.
Se queredes saber máis e gozar da poesía desta extraordinaria escritora, de traballos feitos sobre ela,... pasádevos por O PORTAL DA LINGUA.
mércores, 17 de marzo de 2021
DÍA DA POESÍA
Para conmemorar esta data, desde o equipo de EDLG, propúxoselle a un grupo de profesorado que estaba realizando un curso de Lingua de Signos, que nos fixera unha adaptación dun fragmento dun poema de Rosalía e o resultado pareceunos estupendo, polo que, imos compartilo desde aquí con todxs.
O noso agradecemento a todxs e tamén á coordinadora de TICS, que realizou esta fantástica montaxe.
O alumnado tamén estudou, memorizou e recitou. Clica aquí para ver como recitan.
DÍA DA MULLER
Para celebrar este día tan importante, por e para a igualdade, no noso centro leváronse a cabo distintas propostas. Por exemplo: En 1º e 2º de Primaria falamos e coñecemos a mulleres de sempre como Rosalía de Castro e Xela Arias, no eido literario e actuais como Vero Boquete e Ana Peleteiro, no mundo do deporte ou Guadi Galego e Cristina Pato no sector musical. Logo recortaron as pezas dos puzzles e trataron de encaixalas e entre todas compuxeron un mural. Había pezas elaboradas polo alumnado que facían referencia a mulleres importantes na súa vida: mamás, avoas, irmás, amigas,...
Realizáronse xogos interactivos na PDI relativos ás mulleres traballadas...
luns, 8 de marzo de 2021
O TEATRO EN TEMPOS DE PANDEMIA
O alumnado da clase de 2º na área de Valores, prepararon esta pequena peza sobre o Medo ás treboadas.
Non puideron actuar con público, pero aquí deixamos a grabación, esperamos que vos guste, a eles e elas encantoulles preparala e actuar.
martes, 2 de marzo de 2021
FAI VIRAL A ROSALÍA- RETO CONSEGUIDO
RETO CONSEGUIDO
Unha semaniña, xa pasou unha semana, desde que se publicaron os videos do alumnado do noso centro recitando a Rosalía, para celebrar o seu día, para chegar a todos os recunchos onde haxa un amigo ou amiga da nosa lingua.
Unha semana, son sete días, case nada, un periodo de tempo curto, pero neste caso, intenso e frutífero.
Durante esta tempada puidemos compartir, expandir, espallar, difundir e sobre todo, recrearnos e deleitarnos coas fermosas poesías de Rosalía, nas voces do alumnado do CPI PONTECESURES, desde os 3 anos ata a ESO.
Ollando a convocatoria deste reto “Fai viral a Rosalía” podemos concluír que grazas ao voso empeño e colaboración, proclamamos o RETO CONSEGUIDO.
RETO ACADADO, por todxs, non hai máis que ver as visualizacións dos videos. Desde o Equipo de Dinamización da Lingua Galega, estamos orgullosos de todxs vós e das vosas familias pola súa implicación nesta proposta, entre todxs fixestes rexurdir a Rosalía, a nosa cultura e a nosa lingua.
Nesta angueira ou empresa na que todxs vos comprometestes, non só hai un gañador ou gañadora en cada categoría, como rezaban as bases deste Reto, senon que gañamos todxs, gaña Rosalía e gaña a nosa lingua, que ao fin e ao cabo é o máis importante.
NORABOA A TODXS!
O GALEGO DI “ GRACIÑAS por coidarme, mimarme e falarme.”
Agora imos ver as estatísticas da canle de youtube:
Desde o 19 ata o 26 de febreiro a canle do EDLG de Pontecesures recibiu en total 22.377 visualizacións.
Gañadores por categorías:
Infantil: Laura (3 anos) 1.066 visualizacións.
Primaria: Juan e Mateo (1º e 3º) 4.052 visualizacións.
Secundaria: Uxía (1º ESO) 270 visualizacións.
* Lembrade canxear o vale antes do 31 de marzo.
NORABOA A TODXS!
Agardámosvos en vindeiros retos!
Seguide así de espléndidos!










