sábado, 9 de marzo de 2024

8M: CIENTÍFICAS E MEDIO AMBIENTE

Como unha acción máis para conmemorar o día 8 de marzo, o grupo de 6º realizou un mural (que podemos ver na imaxe superior) que recolle algunha das contribucións deste grupo de dezasete mulleres científicas en prol da conservación do Medio Ambiente, que é o tema que rexe moitas das nosas actividades neste ano académico.
Non se pode negar que fixeron un traballo completo e ben lucido!!!
Por certo: o mural é tan grande que tivemos que sacar a foto de lado!!!

venres, 8 de marzo de 2024

8M: A poesía de Luísa Villalta e as cuestións de xénero

A  docente de Lingua e literatura galega Marta Dacosta elaborou a Unidade Didáctica que podes consultar NESTA LIGAZÓN e cuxo contido está directamente relacionado coas cuestións de xénero que desenvolveu Luísa Villalta na súa obra.
A Unidade Didáctiva leva por título "Luísa Villalta. Un poema para o 8M".
Máis en concreto, a proposta é traballar na aula arredor do poema "As damas que antano cantaron" (que podes ler na imaxe superior), unha obra publicada en 2001 no número 16 da publicación "Festa da palabra silenciada" e que é unha boa mostra da escrita feminista que caracteriza a Luísa Villalta.

xoves, 7 de marzo de 2024

Materiais didácticos para conmemorar o 8 de marzo

A CIG-Ensino e a AS-PG (Asociación Socio-Pedagóxica Galega) poñen ao noso dispor diversos recursos didácticos relacionados coa coeducación e a igualdade para que poidamos empregalos nas aulas na conmemoración do día 8 de marzo ou en calquera momento do curso (porque todos os días son 8 de marzo!!!).
Entre eles figuran unha serie de propostas didácticas dirixidas a distintos niveis educativos que podes atopar na web do sindicato, na sección “mulleres”, ou seguindo ESTA LIGAZÓN.
Así mesmo, PREMENDO AQUÍ, podes consultar outros materiais didácticos relacionados con esta temática, algúns dos cales foron extraídos das “XXI Xornadas das mulleres” levadas a cabo o 2 de marzo, como por exemplo:
- a serie documental “Generación porno” da directora de cine Oiane Sagasti,
- a presentación "Falar de sexualidade co alumnado" da sexóloga e xornalista Laura Veiga,
- a presentación "Perpetuando. Proxecto de reinvención da historia da fotografía en clave de igualdade", de Olaia Sendón e Ana Monteagudo.
- o Glosario Violeta elaborado por alumnado e profesorado do IES Félix Muriel de Rianxo.
Por falta de recursos non será!!!

mércores, 6 de marzo de 2024

Lingua de namorar 2024

A Secretaría Xeral de Política Lingüística (SXPL) e a Dirección Xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado convocan unha nova edición de Lingua de Namorar.
Este certame de declaracións de amor busca dinamizar a lingua galega entre a mocidade nas súas relacións persoais e en Internet e está destinado a persoas con idades de
14 a 35 anos.
Dentro do concurso establécense tres categorías, unha das cales é exclusiva para Instagram.
A recepción das mensaxes está aberta até o 
1 de abril.
Se te queres rexistrar para participar no concurso podes acceder a través DESTA LIGAZÓN.
Para consultar as bases de Lingua de Namorar podes facer click AQUÍ

martes, 5 de marzo de 2024

Retrospectiva de Antón Lamazares no CGAC

Poucas veces na vida teremos a ocasión de realizar un percorrido tan completo pola obra dun artista tan senlleiro como Antón Lamazares tan preto da nosa casa.
No mes das Artes Galegas (e un pouco máis, até o 5 de maio) o CGAC de Santiago entrégase por completo a 'Lamazares. Inda é día': a exposición de parte da obra que o pintor lalinense realizou durante 50 anos de entrega á súa paixón.
Como el mesmo di "era moi difícil vivir da pintura, pero decidín que... vivir da pintura ou morrer".
A retrospectiva (AQUÍ podedes acceder á web do CGAC, onde figuran os horarios, calendario e demais) ofrece unha visión do seu percorrido artístico, ao longo do cal experimentou con diferentes estéticas e técnicas, desde os seus inicios nos anos 70. 
NESTA NOTICIA da web da CRTVG tedes máis información e tamén unha pequena reportaxe sobre a exposición.

luns, 4 de marzo de 2024

Os vieiros de Asorey

Como sabemos, 2024 é o ano Villalta, pero tamén o ano Asorey, xa que se a Luísa se lle adica o Día das Letras Galegas o 17 de maio, o 1 de abril -Día das Artes Galegas- conmemórase a vida e a obra de Francisco.
No día de hoxe, coincidindo coa data de nacemento do escultor, inaugúrase en Cambados (a súa vila natal) a exposición 'Os vieiros de Asorey'.
Dita exposición, como nos contan NESTA NOTICIA de La Voz de Galicia, "reflicte a través de fotografías e textos a obra do artista que está en diversas cidades galegas, establecendo así un Roteiro Asorey que permite coñecer a obra do escultor cun formato adaptado a todos os públicos".
A exposición pódese visitar no paseo dA Calzada da vila cambadesa; unha interesante excursión para a próxima fin de semana.

venres, 1 de marzo de 2024

Xogade en Catoira!!!

Onte, xoves 29 de febreiro, o alumnado de 6º de E.P. achegouse ao CPI de Catoira para practicar varios deportes colectivos xunto ao alumnado local, como parte do programa XOGADE da Consellería de Deportes da Xunta de Galicia, que ten como finalidade principal a organización de actividades físico-deportivas entre distintos centros.
O obxectivo último do programa é a promoción da saúde, a convivencia, o esforzo e o divertimento, con independencia do nivel e práctica de cada un dos rapaces ou de cada unha das rapazas.

Botando unha ollada ás imaxes parece claro que acadaron os obxectivos... sobradamente!