xoves, 26 de setembro de 2024

CINEDFEST 12, EN MARCHA

Abriuse a inscripción para participar na 12ª edición de Cinedfest, Festival Educativo de Cine para centros educativos que inclúe formación audiovisual e un festival de curtas realizadas polos centros.
Como novidades, estréase un Banco de curtametraxes por temáticas, unha guía didáctica de exportación de vídeos, unha guía de subtítulos, a gamificación a través de El juego de Cinedfest (unha forma lúdica de aprender a facer cinema) e unha importante novidade para a Sección Península, xa que este ano a organización cubrirá os gastos de traslado e aloxamiento na illa de La Palma a varios representantes das curtametraxes galardoadas cos primeiros premios desta sección para que poidan desfrutar da gala e da illa de La Palma.
O formulario de inscripción xa está activo na web https://www.cinedfest.com, onde pode accederse ao material didáctico e optar á participación na fase de certame deste curso 2024/2025.
Cinedfest é un proxecto educativo para centros educativos públicos, privados e concertados de infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP, CEPA, EOI, EASD, escolas de cine e Universidades e conta coa participación e financiación do Cabildo de La Palma, Cabildo de Tenerife, Cabildo de Gran Canaria, Cabildo de Fuerteventura y Fuerteventura Film Commission, Consejería de Educación del Gobierno de Canarias, Consejería de Hacienda del Gobierno de Canarias (comisionado do REF) e Filmin.
Se queres máis información sobre este festival, pregunta ao coordinador do Equipo de Dinamización da Lingua Galega.




mércores, 25 de setembro de 2024

O ALUMNADO DE 4º DE E.S.O., AXENTES DO CAMBIO

Na tarde de onte o alumnado de 4º de E.S.O. asistiu na biblioteca do noso Centro a unha dinámica relacionada co coidado do medio ambiente a través das iniciativas locais, facendo bo aquel lema clásico de "pensa global, actúa local".
Esta iniciativa (que terá continuidade con outras dúas sesións co alumnado) enmárcase dentro do programa promovido polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, do que podemos coñecer máis pormenores se seguimos ESTA LIGAZÓN.

martes, 24 de setembro de 2024

OUTONO NO MUSEO

O Museo do Pobo Galego acaba de presentar a súa programación de actividades deste primeiro trimestre para alumnado desde infantil até bacharelato. 
As novas propostas (xogos cantados, visitas guiadas, paseos sonoros…) céntranse na poesía popular oral e nos usos e evolución do noso folclore.
Tedes todos os datos na seguinte ligazón: https://museodopobo.gal/gl/evento/programa-escolar-para-o-curso-202425


xoves, 19 de setembro de 2024

FILOLOXÍA NO TEU PETO!!!

Agora que comeza o curso, regresan as dúbidas sobre o léxico da lingua galega, sobre o xeito correcto de conxugarmos os verbos, sobre que sinónimos ten tal ou cal palabra ou, mesmo, sobre refráns ou frases feitas.
A sorte é que dispomos dunha ferramenta ben acaída para todos estes labores, que ademais colle no noso peto, concretamente no noso teléfono móbil. Evidentemente, tamén podemos consultalo desde calquera computador ou tablet...
Trátase do Dicionario de Galego en liña da Xunta de Galicia, ao que podes acceder desde ESTA LIGAZÓN ou desde a imaxe que tes liñas arriba.
Acabáronse as desculpas para escribir incorrectamente...

(Ai, como metese a pata neste texto...!!!)

martes, 17 de setembro de 2024

Kalandraka reedita Papagaio, de Luísa Villalta

Aínda que o Día das Letras pasase, 2024 segue sendo o ano no que conmemoramos a vida e a obra de Luísa Villalta. 
Neste contexto, a Editorial Kalandraka reedita Papagaio, libro no que Villalta denuncia a explotación sexual e o urbanismo voraz. Esta edición, á que podes acceder mediante ESTA LIGAZÓN, conta coas fotografías de Maribel Longueira como ilustracións dos poemas de Luísa.
NESTA NOTICIA de La Voz de Galicia dan conta da reedición á que nos referimos.
Se non tes gañas de ler podes facer click na imaxe para veres unha noticia sobre a reedición deste título a través da web da CRTVG:

xoves, 12 de setembro de 2024

AXENDAD@S!!!

Bo día, raparigos e raparigas!
Que tal correu o verán?
Fixestes moitas trasnadas?
Esperamos que si.
Agora xa estamos de volta e é momento de por as mans ao traballo.
Para facilitarvos a tarefa, xa onte repartimos ao alumnado de Primaria a axenda escolar para este ano académico, que leva na portada e na contraportada fotos de actividades desenvolvidas no noso Centro no ano académico que terminou.
Ademais, na contraportada dispoñedes dun código QR que enlaza directamente con esta bitácora... Non diredes que non volo poñemos fácil!

Aquí poderás coñecer as actividades que se desenvolven no noso Centro nos próximos dez meses.
Mira que contento posa o alumnado de 6º coa súa axenda...