Seica o verán é moi longo, pero tampouco tanto. Para axudarvos a enchelo de actividades produtivas tedes ao voso dispor o Campamento dixital, que se vai desenvolver na Biblioteca Municipal entre os días 10 e 31 de xullo. A rapazada de 9 a 12 anos terá actividades de 10 a 12, e a de 13 a 17 anos entre as 12 e as 14. Para vos inscribir achegádevos á Casa do Concello ou chamade ao 986 55 71 25. Os pormenores da actividade tédelos na imaxe superior. Que vos sexa de proveito!!!
Felices vacacións, queridos trasnos e trasnas! O Concello proponvos participar mañá ás 11:00 nos Xogos do Lixo. Os detalles da proposta tédelos na imaxe superior. Non dubidedes en acudir!!!
Isto se acaba! Pero para algúns acábase máis que para outros. O alumnado de 4º de E.S.O., por exemplo, deixa o noso Centro, e parte del despois de 13 anos de escolaridade, ou mesmo máis! Para celebralo (no bo sentido) o Centro organizou un acto de graduación do que vos traemos testemuño gráfico. Como podedes ver, e como non podía ser doutro xeito, non faltou a nota musical coordinada por David, o profesor de Música.
O resto do alumnado da E.S.O. non marcha definitivamente, pero si ata setembro. Para eles Adrián, o profesor de Educación Física, organizou o "Torneo Final de Datchball e Pinfuvote" no Pavillón. Míraos como se divirten...
O alumnado de Primaria, pola súa parte, tivo a ocasión de asistir a un espectáculo de Acrosport a cargo dos grupos de rapazas de 5º e 6º.
A continuación, o espectáculo do mago Dani García engaiolou a pequen@s e maiores.
E ata aquí chegou o noso programa deste ano. Esperamos que o verán vos sexa pródigo en diversión e felicidade, que ben as merecedes! Como cantaba Antônio Carlos Jobim "Tristeza não tem fim, felicidade sim", así que nos vemos en setembro!!! En todo caso, sexa como for, que nos colla ben merendad@s!!!
Contan por aí que o curso vai terminando. Para que @s máis despistad@s vaian decatándose, no noso Centro preparamos unha sesión doble: Á mañá, a iso do meidodía, tivemos o privilexio de asistir a un concerto no que participou alumnado do noso Centro e do I.E.S. de Valga, organizado por David Regueiro Fernández, profesor de Música de E.S.O. no noso Centro.
Á tarde é o turno para @s máis pequen@s, que están convocd@s a unha festa a partir das catro e media. No cartel que anuncia o festexo temos todos os detalles:
O Concello de Ourense, co apoio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, organiza o XV Certame de Cinema Ouff Escola para potenciar a creatividade audiovisual en galego. Na seguinte ligazón podes consultar a nova publicada no Portal da Lingua Galega. Pódense presentar ao Certame todos os centros públicos, concertados e privados, tanto de Galicia como do exterior, que impartan algunha materia en lingua galega. A inscrición deberá formalizarse antes do 8 de xullo. Se queres consultar as bases do Certame podes facelo NESTA LIGAZÓN.
Hai un aspecto relativo ao Certame Intercentros que no seu día esquecemos comentar pero que merece ser salientado. Ten que ver cos trofeos que foron entregados como parte do premio a@s alumn@s premiad@s. Estes trofeos foron elaborados polos membros da Asociación de Persoas con Discapacidade dos Vales Ulla-Umia (ASDIVALU). Grazas a esta iniciativa podemos comprobar a pericia das persoas que forman parte da asociación no desenvolvemento do seu traballo. Na imaxe superior podemos velos na nosa Biblioteca cos agasallos que prepararon. Se queres botar unha ollada á súa bitácora poderás facerche unha idea máis completa dos labores que a asociación desenvolve.
Acaba de publicarse a nova edición do Plan Proxecta +, no que a Secretaría Xeral da Lingua (SXL) ofrece os seguintes programas para o ano académico 2024/2025: - Nós tamén Creamos! - Proxectos de innovación educativa en dinamización lingüística - Proxecto didáctico Antonio Fraguas Fraguas - Fitofaladoiro. A inscrición remata o 15de xullo. Tedes toda a información na seguinte ligazón: https://www.edu.xunta.gal/portal/planproxecta.
Xa hai un tempo que o grupo de 3º de E.S.O. regalounos esta síntese de ditos galegos co seu equivalente inglés. E é que hai cousas que é preferible saber en cantas máis linguas mellor...
Durante este curso 2023/2024 e desde o Departamento de
Lingua Castelá, a profesora Alba García Agrasar desenvolveu un ilusionante
proxecto interdisciplinar, no que participaron os grupos de 1º e 2º ESO e
un grupo de alumnos que cursan Oratoria con ela, así como parte
do profesorado e alumnado do CPI Pontecesures, que se implicou e
participou de xeito moi activo.
Theatron en grego quere dicir mirar e contemplar, todos
sabemos que o teatro é axial no entretemento humano, sendo a raíz de
moitos divertimentos actuais: cine, series, programas de televisión... Con
ese nome parecera que só o espectador contempla o que sucede na escena.
Pero neste fermoso traballo tamén o alumnado participante contempla, desde
un caleidoscopio que abrangue a actividade de xeito completo,, todas as
facetas da preparación de cada obra: creación textual, representación,,
canto e coreografías, vestiario, pero tamén os decorados, pintados por
eles e alumnado de 4º ESO. Mesmo o teatro kamishibai utilizado
foi confeccionado de xeito artesanal por rapaces de 4º. A preparación dos
teatros foi levada a cabo por os devanditos rapaces.
Cabería subliñar igualmente que a música foi composta polo alumnado
de 3º ESO de Música coa supervisión do profesor da materia, David Regueiro. Os textos
foron traducidos ó francés pola profesora Ruth Poceiro e a tradución ó inglés
foi realizada polo alumnado implicado coa axuda de Patricia García Agrasar.
Como os resultados foron mais que aceptables, comezouse unha
modesta xira nos cursos de Infantil e Primaria. A fantástica aceptación
fixo soñar cun proxecto aínda máis ambicioso: por que non facer unha xira
nos centros educativos da contorna? Dito e feito. Ademais, o Clube de
Teatro, capitaneado pola profesora de Historia Luisa Paz sumouse a esta
iniciativa, e representando unha obra creada por ela e cun elenco
de rapaces de 2º e 3º ESO, 3º PDC e 4º PDC.
Alba García contactou cos centros
educativos: o CEIP Rosalía de Castro, o CPPI dos Dices e o CEIPP de Baño
para levar a cabo as representacións das obras, cousa que aceptaron
encantados. Nacía unha xira teatral intercentros.
Practicamente todo o proxecto cociñouse na biblioteca do
colexio, espazo polivalente e acolledor, camaleón das salas do colexio.
Ensaios, preparacións dos textos, lecturas... todo ten cabida neste gran
caldeiro máxico. Benditas bibliotecas, todo o que nace aí medra.
O traballo tivo gran éxito e aceptación, os actores e as
profesoras quedaron satisfeitos coa experiencia. Moitos deles levan dentro
o xerme teatral, que tan útil lles resultará nas súas vidas. Ademais, quen
sabe se este é o inicio dun certame teatral escolar na contorna?
O club de teatro de ESO dirixido por Luisa Paz
representou "A peregrina que chegou e quedou"
O alumnado de Infantil do noso Centro tivo a sorte de que a familia dun deles se achegou ata as súas aulas para falarlles da captura da lamprea, que é, como sabemos, o símbolo gastronómico do noso Concello.
Ademais de lles contar como se realiza a captura tamén lles aprendeu a coser as redes e a facer algún nó mariñeiro. Tendo en conta o interesante que foi esperamos que esta visita non fose a última!