martes, 4 de xuño de 2024

Á Casa do Patrón!

No día de onte (luns, 3 de xuño) os nenos e as nenas de 3º e 4º de Primaria fomos ata Lalín para visitar a Casa do Patrón.
Trátase dun museo etnográfico, neste caso asentado no rural, que dispón de máis de 2.000 metros cadrados de exposición distribuídos en tres edificios.
Nel expóñense máis de 4.000 pezas recollidas por toda a xeografía galega.
Todas estas pezas son pequenos símbolos dunha grande historia e, polo tanto, auténticos símbolos da Galicia dos últimos tres séculos.
O Museo dispón de 14 salas de exposición organizadas por temáticas e nel podemos visitar unha antiga escola, unha taberna, un forno ou unha forxa tradicional, por exemplo.

Contén exposicións que recollen obxectos de oficios esquecidos, así como elementos cotiáns que conformaron os hábitos de vida dos nosos devanceiros.
Unha das súas salas recolle pezas atopadas no xacemento do castro de “O Penedo” (ou Castro de Doade), situado moi preto do museo, no que foron cavadas e consolidadas varias estruturas agora abertas ao público.
O Museo "Casa do Patrón” leva a cabo unha serie de proxectos anuais para manter viva a tradición, recuperando prácticas doutro tempo que na actualidade están a perderse, como a sega do cereal, a malla,  a matanza ou o magosto.
Nesta ligazón podes ver unha montaxe con moitas imaxes da nosa visita a esta instalación tan interesante.

Ningún comentario:

Publicar un comentario