venres, 14 de marzo de 2025

Festival Luso-Galaico de Vídeo Escolar

O Festival Luso-Galaico de Vídeo Escolar está organizado pola AO NORTE - Associação de Produção e Animação Audiovisual en colaboración coa Câmara Municipal de Viana do Castelo, no ámbito dos Encontros / 25.º Festival de Cinema de Viana.
Ten como principal obxectivo promover a práctica e a cultura audiovisual en contexto escolar e está aberto a todos os grupos de alumn@s ou clubs de cinema das escolas portuguesas do ensino básico e do ensino secundario e tamén ás escolas galegas de  ESO e educación secundaria postobrigatoria.
A presentación dos filmes seleccionados e a divulgación dos vencedores será feita no día 14 de maio de 2025 no Teatro Municipal Sá de Miranda de Viana do Castelo.
Anímate a participar!!!
A inscrición está aberta até o 30 de marzo de 2025, así que non te durmas!!!
Se queres consultar as bases fai clic NESTA LIGAZÓN.
Para inscribir o teu film no Festival fai clic AQUÍ ou na imaxe superior.

xoves, 13 de marzo de 2025

Presentación da Guía Didáctica 'O Seminario de Estudos Galegos'

A guía didáctica presentada hai uns días e que ten por título 'O Seminario de Estudos Galegos' foi elaborada polo Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento, o centro de investigación mixto do Consejo Superior de Investigaciones Científicas e a Xunta de Galicia.
O propósito desta Guía é achegar o traballo desta entidade á rapazada dun modo divulgativo.
Se queres coñecer máis pormenores sobre a obra e a súa presentación podes consultar ESTA NOTA do Portal da Lingua Galega.
Para descargar en PDF, de balde, este interesantísimo traballo podes facer clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.

mércores, 12 de marzo de 2025

Concurso de marcapáxinas sobre as Cantareiras

O IES San Clemente de Santiago de Compostela convoca un concurso de marcapáxinas para homenaxear as cantareiras, ás que neste ano 2025 dedicamos o Día das Letras Galegas.
Se queres acceder ás bases do concurso, fai clic NESTA LIGAZÓN.
Pero non te demores moito, que o prazo de presentación de propostas finaliza o 31 de marzo.

martes, 11 de marzo de 2025

Escolma de termos científicos en lingua galega

Hai uns días a Universidade de Vigo presentou a 'Escolma de termos científicos', un glosario que recolle vocabulario técnico en galego nos ámbitos xurídico, medioambiental e micolóxico.
A iniciativa busca normalizar o uso da lingua galega na ciencia e visibilizar a investigación na lingua propia.
O proxecto, desenvolvido por docentes da UVigo, reivindica a riqueza léxica galega e aposta pola súa conservación.
A publicación compleméntase cun almanaque ilustrado e prevese a súa continuidade dentro do Plan de Ciencia de Ida e Volta 2025-2026.
Se queres completar a información podes consultar ESTA NOTICIA da web da propia Universidade de Vigo.
Para descargar 'Escolma de termos científicos', fai clic NESTA LIGAZÓN.

luns, 10 de marzo de 2025

Arrinca Olloboi 2025

Arrinca OlloBoi 2025, según a organización do Festival, "cun programa raivosamente optimista co que queremos saltar á primeira división. Non vos podemos desvelar aínda as novidades, pero sabede que recuperamos o noso espírito de celebración e xuntanza, e participar vai ser unha experiencia que non ides esquecer!".

Todos os centros educativos e o persoal vencellado aos mesmos (alumnado, familias, docentes, ex-docentes, PAS) podemos enviar as nosas curtas ata o 18 de maio. Na web olloboi.com temos acceso ao formulario para formalizar a inscrición e as bases, así como un histórico das edicións anteriores e materiais educativos para crear curtas na aula.

A festa do Olloboi 2025 celebrarase o venres 6 de xuño: das 10:00 ás 14:00 recuperan a Muchachada e pola tarde haberá música, proxeccións e a xa tradicional entrega de premios, que volve á fantástica localización da Abadía de San Enrique con todo o seu cole-glamour.
Haberá premios para as mellores curtas de Primaria, ESO, BAC/Ciclos e Universidade/Docentes/PAS. 

De entre as curtas participantes seleccionaranse ata un máximo de TRES que terán dereito a asistir ao 26 Encontro de escola e cinema do Festival Internacional de Viana do Castelo (que se celebrará no mes de maio de 2026, cos gastos de aloxamento e manutención incluídos).

Xa sabedes, non perdades a oportunidade e a rodar!!!! E logo, a inscribirse...

venres, 7 de marzo de 2025

8M: hoxe, mañá e sempre

Pensando en facilitarnos a tarefa, como cada ano nestas datas e como cada ano en lingua galega, a CIG e a ASPG poñen á nosa disposición unha serie de materiais para traballar nas aulas a conmemoración do 8 de marzo.
- NESTA LIGAZÓN podes acceder aos contidos para as aulas de Infantil
- NESTA LIGAZÓN podes acceder aos contidos para as aulas de Primaria
- NESTA LIGAZÓN podes acceder aos contidos para as aulas de Secundaria
Desfrutádeos!!!


E, se queredes poñervos reivindicativ@s, hai numerosos carteis polas vilas chamándonos a convocatorias para manifestarnos en prol dun mundo máis respectuoso coas mulleres.
Velaquí tedes tres deles:

Para irnos preparando, o alumnado de Educación Primaria desenvolveu unha actividade proposta polo Concello da man de Tarabela Creativa..... RELATOS E HISTORIAS FERMOSAS DE MULLERES INCRIBLES!!!
Velaquí o temos...

xoves, 6 de marzo de 2025

Convocatoria do XI Certame de Relato Curto

O Certame de Relato Curto chegou xa á súa décimo primeira edición.
Os seus obxectivos principais son fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escritas, estimular o uso da lingua galega nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores e a novas creadoras, apoiar aos escritores e ás escritoras noveis e afeccionad@s, así coma tamén crear un espazo común e familiar para a creación literaria.
NESTA LIGAZÓN podes ler as bases completas do certame, que nos indican que cada autor/a só poderá presentar un relato orixinal, inédito, non premiado noutros certames, de temática libre e escrito en lingua galega cun número de palabras entre 200 e 300.
Calquera alumn@ de Primaria e Secundaria da provincia de Pontevedra poderá presentarse, ademais doutras persoas nas condicións que indican as bases.
A presentación de orixinais está aberta ata o 31 de marzo cubrindo ESTE FORMULARIO DE PARTICIPACIÓN, consonte o que as bases recollen.