luns, 13 de maio de 2024

CORRELINGUA: FESTAS 2024

Neste ano, a organización do Correlingua varía un pouco con respecto a outras edicións, como nos indica esta noticia da web da CIG.  
Os manifestos para as festas de anos futuros vanse elaborar nas festas que se celebrarán en once localidades diferentes do noso país durante o mes de maio, mes das flores, mes das Letras Galegas.
As que nos collen máis preto son as de Compostela, A Estrada e Pontevedra, que se celebrarán os días 20, 21 e 27, respectivamente.              
Se queredes acceder aos formularios de inscrición podédelo facer a través desta ligazón

venres, 10 de maio de 2024

GAÑADORES DE FAI VIRAL A POESÍA!!! E DO CONCURSO DE MARCAPÁXINAS

Por fin podemos anunciar o nome das persoas que gañaron o concurso 'Fai viral a poesía!!!' e o concurso de marcapáxinas en lembranza de Francisco Asorey, escultor ao que neste 2024 se dedica o Día das Artes Galegas.  
No concurso 'Fai viral a poesía!!!' a proposta que acadou máis reproducións foi a de Iago (de 5º de E.P.) e Alma (de 4 de E.I.), que no tempo establecido nas bases do concurso conseguiu 444 reproducións, en contraste coas 381 e 314 das outras dúas propostas, que foron merecedoras dun accésit en recoñecemento á paixón mostrada que, como sabemos, é o motor da poesía.
O número de reproducións que acadaron, ademais, foi tamén moi salientable.
Por outro lado, o marcapáxinas gañador do Concurso co gallo do Día das Artes Galegas é o elaborado por Camila Correia Silva, de 3º de E.P.
Hai que salientar a dificultade que supuxo para o Xurado escoller só un gañador, dado o alto nivel das propostas presentadas a concurso, como podemos ver nesta entrada na que publicabamos as propostas finalistas.
Non sabemos se foi porque soubesen que hoxe daríamos a coñecer os premios de 'Fai viral a poesía!!!', pero A Banda da Loba (da que forma parte a nosa compañeira Andrea) publicou precisamente onte a canción 'E o mar', como homenaxe a Luísa Villalta, como nos contan nesta noticia do Xornal da Coruña.
Se queres escoitala e ver o vídeo-clip, aquí os tés:


xoves, 9 de maio de 2024

ACTIVIDADES POLO 40 ANIVERSARIO DA BIBLIOTECA MUNICIPAL

 

Estes días a Biblioteca Municipal de Pontecesures fai os 40 anos; que rápido pasan!!!
Para celebralo, desde o venres 19 de abril ata mañá, venres 10 de maio, e sempre ás oito da tarde, fomos convocados ás actividades para coñecer a figura de Manuel Otero Acevedo que desde ela se organizan.
Como podemos ver na imaxe superior, o venres 19 a alcaldesa presentou a conferencia de Xosé de Cora ‘Otero Acevedo, espiritista'. Xosé de Cora é xornalista e autor, por exemplo, do libro 'Te llamaré Muerto/Valle Inclán y Acevedo en la Casa del Demonio'. 
O venres 3 de maio foi Rita Diz Gil, uróloga e antiga alumna do noso Centro, a encargada de presentar a conferencia do prestixioso investigador Tomás Sobrino Moreiras titulada ‘Otero Acevedo o neurocirurxián’.
Por outro lado, o venres 26 de abril tivo ligar a presentación con tertulia do libro ‘¿Qué miras?’, coa presenza de Maite Tocino, alcaldesa, do poeta Cándido Duro, do autor do libro presentado, Fernando Salgado, e de Susi Maquiera, a súa protagonista.
E finalmente mañá, 10 de maio, poderemos asistir á presentación do libro ‘La higuera yerma’, coa presenza de María de Xacobe, a súa autora, e de Fernando Cabeza Quiles, mestre e filólogo.
Desde O Trasno Paroleiro queremos dar os nosos parabéns á Biblioteca Municipal por estes primeiros 40 anos de bo facer en beneficio da literatura e da cultura en xeral.

mércores, 8 de maio de 2024

aRi(t)mar... POEMAS

Ata o 13 de maIo está aberto o prazo para que poidades votar en liña o mellor poema galego e portugués de entre os 20 finalistas do ano 2023 a través DESTA LIGAZÓN.   

Este concurso forma parte do INTERESANTÍSIMO PROXECTO aRi[t]mar, promovido pola Escola Oficial de Idiomas de Santiago de Compostela, co apoio da Secretaría Xeral de Politica Lingüística.
Como podes ler na anterior ligazón, esta iniciativa busca divulgar a música e a poesía galego-portuguesa actuais e achegar a cultura e a lingua dos dous territorios.
Así nolo contan no Portal da Lingua Galega.

martes, 7 de maio de 2024

LUÍSA VILLALTA EN PRIMAVERA DAS LETRAS E NO SEMINARIO GALÁN

A Real Academia Galega presenta no seu espazo web Primavera das Letras unha grande variedade de recursos lúdicos e didácticos para achegar á rapazada a figura e a obra de Luísa Villalta.  Entre outras iniciativas, podemos atopar nela unha biografía en forma de conto, oito actividades interactivas, así como unha serie documental de seis episodios (da que xa vos falamos nunha entrada anterior desta bitácora) e as bases do concurso 'Contádenos o voso Día das Letras', cuxas bases podes descargar nesta ligazón.  
Ademais, como cada ano, o Seminario Galán elabora unha chea de recursos para traballar arredor da figura da persoa homenaxeada no Día das Letras Galegas. Esta é a ligazón para acceder ás actividades en liña: http://seminariogalan.org/inicio/2024/actividades.
Ademais, podes acceder desde ese enderezo ás actividades imprimibles ("en papel"), a unha breve reseña biográfica ("autoría") a unha cronoloxía da súa vida ("crono") e demais.
Por se fose pouco, na marxe esquerda podes escoller un ano (desde 2002) para acceder ás actividades que o Seminario Galán elaborara para coñecer mellor a persoa á que se dedicara o Día das Letras Galegas nese ano en concreto.

luns, 6 de maio de 2024

XIII PROXECTO DIDÁCTICO ANTONIO FRAGUAS

A Fundación Antonio Fraguas, en colaboración coa Secretaría Xeral de Política Lingüísitca, convocou o XIII Proxecto Didáctico Antonio Fraguas Fraguas.   
O seu obxectivo é fomentar o coñecemento do patrimonio etnográfico, antropolóxico, lingüístico, xeográfico, histórico e artístico da contorna dos centros educativos.
Poderá concorrer calquera centro educativo de educación primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional ou educación especial nas modalidades de primaria ou secundaria. 
O prazo de presentación de propostas remata o 1 de xuño.  
Podes consultar toda a información no Portal da Lingua Galega a través desta ligazón ou, se prefires, acceder ao PDF coas bases completas

venres, 3 de maio de 2024

PURO TEATRO!!!

O grupo de teatro do noso Centro xa puxo sobre as táboas o froito do seu traballo.
O venres 19 de abril, coa colaboración das profesoras Alba e Luisa, tivo lugar a preestrea no noso Centro.
Nos días 22, 29 e 30 do mesmo mes percorreron os centros da contorna co seu espectáculo, que colleitou aplausos e louvanzas aquí e acolá.
En concreto, o día 22 visitaron o CEIP Rosalía de Castro de Padrón, o 29 o CPI dos Dices, en Rois, e o 30 o CEIP de Baño-Xanza, en Valga.
En cada un dos centros a delegación cesureña puxo en escea catro propostas: un teatro das sombras, outro de títeres, un terceiro de kamishibai (as tres a cargo do grupo de 2º de E.S.O., que xa as representara no noso Centro) e a peza de teatro clásico 'A Peregrina Pantasma' (posta en escea polo Grupo de Teatro, que en pouco tempo poderemos ver tamén no noso Centro).
As imaxes que seguen testemuñan o percorrido d@s nos@s compañeir@s, tanto sobre as táboas como antes e despois de subiren a elas.
O Trasno quere felicitar @s participantes pola súa paixón e entrega á arte dramática, e máis tendo en conta que os catro espectáculos son orixinais do noso alumnado.
Parabéns, artistas!!!