xoves, 6 de marzo de 2025

Convocatoria do XI Certame de Relato Curto

O Certame de Relato Curto chegou xa á súa décimo primeira edición.
Os seus obxectivos principais son fomentar a creatividade no alumnado, potenciar a expresión e comprensión escritas, estimular o uso da lingua galega nas familias, facilitar as posibilidades de publicación a novos creadores e a novas creadoras, apoiar aos escritores e ás escritoras noveis e afeccionad@s, así coma tamén crear un espazo común e familiar para a creación literaria.
NESTA LIGAZÓN podes ler as bases completas do certame, que nos indican que cada autor/a só poderá presentar un relato orixinal, inédito, non premiado noutros certames, de temática libre e escrito en lingua galega cun número de palabras entre 200 e 300.
Calquera alumn@ de Primaria e Secundaria da provincia de Pontevedra poderá presentarse, ademais doutras persoas nas condicións que indican as bases.
A presentación de orixinais está aberta ata o 31 de marzo cubrindo ESTE FORMULARIO DE PARTICIPACIÓN, consonte o que as bases recollen. 

venres, 28 de febreiro de 2025

Mírame con ollos de Entroido

Este ano o tema do Entroido é 'As artes escénicas', secundando o lema da nosa Biblioteca: 'Levántase o pano!'.
As Artes Escénicas, do mesmo xeito cós libros, facilitan a entrada da fantasía nas nosas vidas, facéndonos vivir situacións que poderíamos considerar inimaxinabeis, aínda que moitas veces a propia vida xa nos poña nesa mesma situación...
Xa desde media mañá o alumnado e o profesorado puxeron as súas mellores galas carnavalescas para participaren no desfile.

Porén, o Entroido non se ocupa só do noso aspecto exterior, senón que tamén presta atención ao interior; en concreto ao bandullo, e non faltaron as delicias típicas destes días para darlle gusto ao padal.
O difícil é non pasarse, pero quen dixo que fose fácil...

Así, recargadas coa enerxía de filloas, orellas e demais doces (e salgados), as comparsas comezaron o seu percorrido pola vila -este ano si-, grazas a que os elementos quixeron concedernos a súa tradicional, malia imprevisible, tregua carnavalesca.
Acollida polo numeroso público que se congregou na Plazuela para recibir o desfile, comezou a actuación d@s máis pequen@s, e d@s que xa o son menos, que -como de costume- non decepcionou...

E tirado da canle de YouTube da Biblioteca traémosvos o percorrido en tempo real...


Como nos preguntabamos o ano pasado...
Abondarán cinco días de descanso para recuperarse de tantas emocións?
E de tanto azucre?

Namentres, anímate a participar no desfile e no concurso de disfraces que organiza o Concello para o domingo:

Se estás interesad@ en participar achegámoste:
- PDF COAS BASES DO 'CERTAME DE ENTROIDO'
- PDF COA SOLICITUDE DE INSCRICIÓN

xoves, 27 de febreiro de 2025

Xogade disfrazad@s, pero xogade!!!

Que semana máis lúdica nos está quedando...
Ademais da resaca da conmemoración do nacemento de Rosalía e da preparación do Entroido, antonte acollemos unha nova edición do programa Xogade no noso Centro.
Como sabedes, o programa XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), está convocado pola Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da súa Secretaría Xeral para o Deporte, e coa colaboración das agrupacións deportivas escolares.
Nesta ocasión a actividade consistiu en partidos de diversos deportes entre o alumnado dos centros participantes, que nesta ocasión foron os de Catoira e Pontecesures, os anfitrións.
Os obxectivos do programa XOGADE son, entre outros, incrementar a participación en actividades físico-deportivas en horario non lectivo do alumnado, con especial incidencia no colectivo de nenas; impulsar a función integradora e de cohesión social do deporte; permitir a aprendizaxe dos conceptos técnicos e tácticos dalgúns deportes; desenvolver as diferentes calidades físicas, así como transmitir hábitos, actitudes e valores; introducir ao alumnado en diferentes disciplinas deportivas mediante actividades lúdicas de carácter global e facilitar a comunicación e a convivencia do alumnado independentemente do nivel de práctica deportiva.

Nas imaxes podemos comprobar como, unha vez máis, estes obxectivos foron sobradamente alcanzados.