O Parlamento de Galicia, coa unanimidade de todos os grupos, decidiu declarar o 2026 Ano Oteriano, con motivo de cumprirse o cincuenta aniversario do pasamento desta “figura esencial das letras, o pensamento e identidade galega contemporánea”.
Dase a coincidencia de que tamén en 2026 fai cen anos da publicación de 'Guía de Galicia', unha das súas grandes obras.
O Otero ao que se refire a homenaxe é Don Ramón Otero Pedrayo.
Sobre esta conmemoración deixámosche dúas ligazóns:
- Á ENTRADA DO PORTAL DA LINGUA GALEGA
E para comezar o ‘Ano Oteriano’, a Asociación de Amigos de
Otero Pedrayo acabou de convocar a cuarta edición do ‘Premio de oratoria
en formato pódcast Ramón Otero Pedrayo’.
Esta convocatoria está destinada ao alumnado galego de entre 15 e 18 anos.
Para participar podes enviar a túa peza, en formato audio ou vídeo, ao correo
da asociación (amigos.de.otero.pedrayo@gmail.com) entre o 10 de
febreiro e o 25 de xullo do presente ano 2026.
Este galardón conta coa colaboración da Secretaría
Xeral da Lingua e da cooperativa agraria Coren e busca
fomentar o coñecemento da figura do escritor e político galeguista entre os
máis novos, así como alimentar o cultivo da oratoria.
As propostas gañadoras das tres categorías (que suman unha dotación que rolda
os 3.000 euros) serán dadas a coñecer o 31 de agosto.
Os temas preferentes das pezas que se presenten deben ser o
medio ambiente, a paisaxe, a sostibilidade, o territorio, o patrimonio, a
historia, a xeografía, a etnografía e a comunicación e a tradición orais.
Do mesmo xeito, deberán estar elaboradas en lingua galega.
Ademais, cada peza contará cunha presentación do autor e do tema, unha
mensaxe central e un peche.
Na valoración das pezas terase en conta, de forma
preferente, os seguintes criterios: vocabulario, voz e dicción,
xesticulación (no seu caso), organización do discurso e argumentación e
calidade técnica da peza entregada.
Se queres coñecer máis detalles sobre a convocatoria podes
consultalos NESTA NOTICIA de La Voz de Galicia ou facendo clic na imaxe
superior.


Ningún comentario:
Publicar un comentario