venres, 6 de marzo de 2026

Lume? Non, grazas!!!

A pasada semana o alumnado de 1° y 2° de Primaria achegouse ao Concello para visitar a exposición sobre os incendios que nel está exposta.

Tiveron tamén a sorte de escoitar o persoal de medio rural que lles contou os segredos do seu oficio.
Lembremos que o tema do proxecto da biblioteca do Centro deste ano é 'Vemos a vila con outra mirada' e que o noso Centro recuperou tamén o Plan Proxecta de Paisaxe e Sostibilidade; para un e para outro esta visita resulta do máis acaída...

Como podemos ver nas seguintes imaxes a visita deixou pegada na memoria d@s nos@s nen@s, que reflectiron a experiencia utilizando a arte postal.

 

Hai anos no monte de Pontecesures houbo incendios ben fortes, como lembrarás se andabas por aquí.
Se non, este documental que fixo o alumnado do Centro hai xa sete anos pode axudar a que te fagas unha idea do que foi.

xoves, 5 de marzo de 2026

Imaxina facer viral a poesía, Rosalía!!!

Así de contenta recollía o premio Emily, de 3º de ESO, gañadora da terceira edición do noso Concurso de Creación Plástica Imaxina Rosalía.
Nunca é mal momento para volver apreciar o seu grande traballo, que colleitou acendidas louvanzas do xurado (NESTA LIGAZÓN). Tamén podes repasar as outras propostas a concurso NESTA OUTRA.
Se quedaches coas gañas e queres ser @ próxim@ gañador/a non dirás que non cho pomos doado, porque xa está aberto o prazo para remitir os teus vídeos e concursar na terceira edición do noso 'Fai viral a poesía!!!'.
Se che pasou a convocatoria non te preocupes, que ata o 21 de marzo aínda tes tempo, pero nin un día máis!!!
Se queres consultar as bases do concurso visita ESTA ENTRADA DO 24 DE FEBREIRO.
Así que parabéns a Emily unha vez máis e veña a viralizar a poesía!!!


mércores, 4 de marzo de 2026

E ti, que pensas da igualdade?

No taboleiro de Orientación, na planta baixa do edificio de Primaria e Secundaria, podemos ver expostos os cartaces que están sobre estas liñas.
Como podes ler neles, fálannos do concurso escolar 'E Ti, que Pensas da Igualdade?..
Antes de nada, xa che dicimos que a data tope para participar nel é o 13 de marzo, así que bule!
O concurso, que este ano chega á súa terceira edición, está promovido pola Deputación de Pontevedra dentro da programación prevista con motivo do 8M, Día Internacional da Muller.
O seu obxectivo é fomentar a creatividade e o pensamento crítico do alumnado da provincia, ademais de analizar a súa percepción da situación das mulleres e dos homes na nosa sociedade.
É, tamén, unha canle de visibilización do talento creativo de nen@s e moz@s en diferentes disciplinas coma a poesía, o debuxo, a música ou o audiovisual, neste acaso arredor dun asunto fundamental para a nosa sociedade: a igualdade de oportunidades real e efectiva de mulleres e homes.
Na web do concurso tes acceso ás bases, ás categorías competitivas e demais pormenores do concurso e podes acceder a el a través DESTA LIGAZÓN ou facendo clic na imaxe superior.
Unha vez nela, fai clic en "BASES CONCURSO ESCOLAR 8M 2026: E Ti, que Pensas da Igualdade?"


martes, 3 de marzo de 2026

M de martes, M de marzo, M de Marcos

Hai uns días, na nosa canle de WhatsApp, recordamos o cento cincuenta aniversario do primeiro xornal integramente escrito en lingua galega: O Tío Marcos da Portela.
Hoxe completamos aquela efeméride achegándote unha interesantísima reportaxe que, sobre O Tío Marcos da Portela, elaborou Xoan Costa, de Nós Diario.
Para accederes a ela fai clic na imaxe do inicio.


luns, 2 de marzo de 2026

8M: Moito por facer

Coma todos os anos, a CIG-Ensino e a AS-PG poñen a disposición do profesorado unha proposta didáctica para traballar nas aulas o Día Internacional das Mulleres Traballadoras.
Este ano ten por título "Estratexias coeducativas para traballar na aula".
Nela, Leo Gala Torres (a súa autora, que é profesora de Secundaria e técnica en promoción de igualdade e de xénero) achega 10 actividades e referencias videográficas e dixitais para abordar esta temática adaptada a distintos niveis educativos. 
Podes acceder ao PDF coas dez actividades NESTA LIGAZÓN.
Ademais, na sección Recursos da web de CIG-Ensino (SEGUIR LIGAZÓN) hai moitas propostas que podes consultar para o seu uso con fins didácticos en calquera momento do ano.
Moitas destas propostas foron extraídas das Xornadas das Mulleres.
Por exemplo, a charla da directora de cine Oiane Sagasti (que foi presentar a serie documental “Xeración porno”), a presentación “Falar de sexualidade co alumnado” (da sexóloga e xornalista Laura Veiga), a presentación “Perpetuando” (proxecto de reinvención da historia da fotografía en clave de igualdade das profesoras Olaia Sendón e Ana Monteagudo) ou iniciativas como “ O barrio en feminino” levada a cabo no CEIP Concepción Arenal da Coruña.