Este sábado foron concedidos os Premios Xerais de novela, literatura infantil e xuvenil.
As gañadoras foron Marta Villar e Raquel Fernández, acompañadas por Abel Tomé.
'Detective Ferruchi' (de Marta Villar) gañou o XLI Premio Xerais de Novela, 'I'm Obélix' (de Raquel Fernández) o XVI Premio Jules Verne e Literatura Xuvenil e 'Milú e o edificio das persoas extraordinarias' (de Abel Tomé) o XXXIX Premio Merlín de Literatura Infantil.
Se queredes máis información tédela nesta noticia de La Voz de Galicia.
martes, 11 de xuño de 2024
CONCEDIDOS OS PREMIOS XERAIS DE NOVELA, LITERATURA INFANTIL E XUVENIL
luns, 10 de xuño de 2024
PEQUEGRINOS ARTISTAS
O pasado venres 7 de xuño o alumnado de 3º e 4º de E.Primaria fixemos unha andaina desde o colexio ata Padrón.
Como os peregrinos, coa mochila ao lombo pero co noso caderno de debuxo na man, achegámonos ao Xardín Botánico.
Alí desenvolvimos unha actividade de Plástica, aplicando a técnica de estampado coa natureza.
Como podedes ver nesta escolma de imaxes, escollemos as follas e as flores máis vistosas, con máis clorofila.
Así tamén vemos a vila con outra mirada...
venres, 7 de xuño de 2024
PRAIA OU ACUARIO? OS DOUS!!!
O alumnado de 1º e 2º de Primaria están tendo un fin de curso moi emocionante.
Hai uns días visitaron o Aquarium Finisterrae da Coruña, onde puideron coñecer o mar desde dentro e algúns dos seus habitantes, como por exemplo o tiburón Gastón.
Despois da emocionante visita achegáronse ao Monte de San Pedro para repor forzas e xogar un pouco.
Pero, como diciamos ao principio, non acabou aí a cousa, xa que antonte visitaron a praia das Cunchas, no concello de Rianxo, para colaborar na súa limpeza, como antes fixeran os seus compañeiros da E.S.O.
Do mesmo xeito cós maiores, axudaron a recoller lixo na praia e a aprender sobre a importancia de manter o entorno nas mellores condicións posibles coa axuda da asociación Amicos.
Aquí podemos ver algunhas imaxes da súa xornada de praia...
xoves, 6 de xuño de 2024
OLLOBOI 2024
Xa están publicadas as bases do Certame Olloboi 2024.
A data tope para inscribir as pezas audiovisuais a concurso é o 14 de xuño.
Se queres, podes consultar as bases NESTA LIGAZÓN.
Se estás a procurar a ligazón para inscribires a túa peza, ESTE É O LUGAR.
Noutras edicións, o noso Centro foi finalista, e incluso gañador nalgunha categoría.
Deixámosvos as ligazóns a aqueles traballos por se serven para motivar a creación audiovisual pola vosa parte...
mércores, 5 de xuño de 2024
O LIXO DESDE O TEU CONCELLO
Na mañá de hoxe o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de E. Primaria e o de 1º de E.S.O. realizamos a actividade 'O lixo desde o teu Concello'.
Trátase dunha iniciativa da Mancomunidade de concellos da Serra do Barbanza co obxectivo de fomentar a redución, reutilización e reciclaxe dos residuos.
Déronnos unha pequena charla inicial na que falamos sobre a separación correcta do lixo e sobre os problemas que se producen na depuración, así como sobre os motivos polos que o lixo remata nos ríos e nos mares.
Despois elaboramos unhas depuradoras caseiras, nas que depositamos auga, restos de terra e paus.
Ao engadirlle a algunha delas papel hixiénico e paniños húmidos puidemos observar os problemas que xeran nas depuradoras este tipo de residuos.
martes, 4 de xuño de 2024
Á Casa do Patrón!
No día de onte (luns, 3 de xuño) os nenos e as nenas de 3º e 4º de Primaria fomos ata Lalín para visitar a Casa do Patrón.
Trátase dun museo etnográfico, neste caso asentado no rural, que dispón de máis de 2.000 metros cadrados de exposición distribuídos en tres edificios.
Nel expóñense máis de 4.000 pezas recollidas por toda a xeografía galega.
Todas estas pezas son pequenos símbolos dunha grande historia e, polo tanto, auténticos símbolos da Galicia dos últimos tres séculos.
O Museo dispón de 14 salas de exposición organizadas por temáticas e nel podemos visitar unha antiga escola, unha taberna, un forno ou unha forxa tradicional, por exemplo.
Contén exposicións que recollen obxectos de oficios esquecidos, así como elementos cotiáns que conformaron os hábitos de vida dos nosos devanceiros.
Unha das súas salas recolle pezas atopadas no xacemento do castro de “O Penedo” (ou Castro de Doade), situado moi preto do museo, no que foron cavadas e consolidadas varias estruturas agora abertas ao público.
O Museo "Casa do Patrón” leva a cabo unha serie de proxectos anuais para manter viva a tradición, recuperando prácticas doutro tempo que na actualidade están a perderse, como a sega do cereal, a malla, a matanza ou o magosto.
Nesta ligazón podes ver unha montaxe con moitas imaxes da nosa visita a esta instalación tan interesante.
luns, 3 de xuño de 2024
Cen anos sen Kafka
Non son Cen anos de soidade, pero son cen anos.
Hai precisamente hoxe ese tempo que morría en Kierling (Austria) Franz Kafka, un dos escritores máis salientables do século XX.
Non era galego, non, pero a utilidade da nosa lingua non é só comunicarnos entre nós ou crear textos usándoa.
Tamén debe valernos para acceder ás obras escritas noutras linguas, como as de Kafka por exemplo.
Por iso hoxe queremos recuperar esta vella entrada de Vieiros que trata precisamente disto.
Hai algunhas obras de Kafka traducidas á lingua galega ('A transformación' ou 'Un médico de aldea', por exemplo); hoxe pode ser un bo día para botarlles unha ollada.
Oxalá sirva este centenario para que pronto haxa máis.














