mércores, 26 de febreiro de 2025

Coñecendo a historia dos medios en galego

Antonte a Radio Galega fixo os seus primeiros corenta anos en antena, como podemos ler nesta noticia da CRTVG.
No seu décimo primeiro aniversario a Asociación de Medios en Galego (AMEGA) acabou de publicar a guía didáctica "Coñecendo a historia dos medios en galego", realizada coa colaboración da área de lingua da Deputación Provincial da Coruña.
Este recurso educativo busca achegar ao alumnado do ensino secundario a realidade do xornalismo na nosa lingua.
A publicación está dispoñible para descarga libre NA WEB DA DEPUTACIÓN.
A guía, elaborada por Mazarelos Sociedade Cooperativa Galega, Miguel Rodríguez e Brais Ferreiro, estrutúrase en diversas propostas didácticas que combinan o coñecemento histórico cos desafíos actuais da comunicación en galego.
A súa metodoloxía fomenta o pensamento crítico do alumnado e promove o uso dos medios en galego como ferramenta transversal na educación.
Se queres coñecer máis detalles sobre a publicación, podes consultar ESTA NOTA DA WEB da Deputación da Coruña.

martes, 25 de febreiro de 2025

Fai viral a poesía!!!

Lembra a Rosalía,
recolle a súa encarga
e fai viral a poesía!

Este ano --atendendo as suxestións dalgunhas familias, que sempre son ben recibidas-- fixemos algunhas modificacións nas bases do concurso (como podes comprobar na imaxe) pero a esencia non muda:
Queremos facer viral a poesía en lingua galega con gravacións de viva voz.
Como? Podedes declamar, actuar, preparar vídeos de animación, manipular monicreques... o que queirades, pero sempre coa vosa voz e a vosa lingua: a galega.
Este concurso, que naceu como homenaxe a Rosalía e creceu ata abranguer a poesía toda, ten como data límite para recibir os vosos traballos, como indican as bases na imaxe que segue, o 21 de marzo.
Que fas aí parad@???
Veña a viralizar a poesía!!!

domingo, 23 de febreiro de 2025

E a gañadora da segunda edición de 'Imaxina Rosalía' é...

... Enma Gerpe Fernández, de 3º de E.S.O.
Parabéns, Enma!!!
O xurado valorou moi positivamente o xeito en que a proposta gañadora reflicte o labor poético de evocar e converter en palabras sentimentos aínda máis fondos cá linguaxe mesma.
Parabéns outra vez á gañadora e longa vida a Rosalía no seu día!!!

venres, 21 de febreiro de 2025

No Día de Rosalía queremos galego, a nosa lingua materna!!!

Nas vésperas do Día de Rosalía, hoxe celébrase en todo o mundo o Día Internacional da Lingua Materna.
NESTA NOTICIA do Portal da Lingua Galega podes coñecer máis información sobre como esta iniciativa está a desenvolverse en Galicia.

Coincidindo tamén co aniversario que nos ocupa, e xa que falamos da nosa lingua materna, a plataforma Queremos Galego convoca unha manifestación que percorrerá as rúas de Santiago pasado mañá, día de Rosalía, como nos contan nesta noticia de O Salto.
Pasado o tempo, se queres saber como discorreu a convocatoria, podes consultar ESTA NOTICIA do futuro no Faro de Vigo.
Pola nosa parte, e para conmemorar o nacemento da nosa poeta máis importante, tiramos de tradición.
O concurso 'Imaxina Rosalía', na súa segunda edición, xa ten gañador, ou gañadora, quen sabe?
Pasado mañá, día no que se fan 188 anos desde o seu nacemento, faremos público o seu nome e a obra escollida polo xurado. Polo momento sabemos cales son as propostas -escollidas polo xurado- que pasaron á final...


O alumnado de Primaria desenvolveu a actividade Ilustramos Poemas, compoñendo ilustracións a partir do poema que leron na aula.
Xa podemos ver algúns dos seus traballos ornamentando as paredes dos nosos corredores.

Pero non só o alumnado de Primaria, tamén o de Infantil, que traballou arreo co moucho...

E, en canto o tempo o permitiu, o xardín de Rosalía viuse vestido con novas flores ("Nasín cando as prantas nasen, no mes das froles nasín..."), grazas á iniciativa do profesorado e á colaboración do alumnado do Centro.
Se algo podemos asegurar @s galeg@s é que nunca choveu que non escampase...

Longa vida a estas flores,
longa vida a Rosalía!!

As súas palabras aínda serven e seguirán servindo como lema para reivindicar a protección do noso e d@s nos@s...

xoves, 20 de febreiro de 2025

Lingua de namorar, 14.0

Hai poucos días presentouse a décimo cuarta edición de 'Lingua de namorar'.
Este concurso en liña promove o uso da lingua galega entre a mocidade nas redes sociais para enviar mensaxes de amor.
Trátase dun certame -como sabemos- impulsado pola Xunta e conta con tres categorías: dúas para a web (unha para moz@s de 14 a 19 anos e outra para @s de 20 a 35) e unha exclusiva para a rede social Instagram.
A mocidade poderá achegar as súas mensaxes ata o 17 de marzo.
Evidentemente, estas mensaxes deberán estar escritas en lingua galega, en prosa ou en verso, á vosa escolla, xa que non hai límites cando se trata de persuadir amorosamente.
Se queres máis datos sobre a edición de 2025 deste concurso podes consultar ESTA NOTICIA do Portal da Lingua Galega.
Achegámoste tres ligazóns máis para que vexas o fácil que é participar:
- Web do certame
- Bases do certame
- Formulario de inscrición

mércores, 19 de febreiro de 2025

Videocontos en Agalinhas

A Associaçom Galega da Língua (AGAL) presentou Agalinhas, unha iniciativa que ofrece videocontos en galego-portugués para a infancia.
Este proxecto busca fomentar a creatividade e reforzar os vínculos de afecto coa lingua galega desde idades temperás.
Se queres ampliar información sobre esta iniciativa na web do Portal Galego da Língua, sigue ESTA LIGAZÓN.
Se queres acceder aos contos de Agalinhas, fai clic NESTA LIGAZÓN ou na seguinte imaxe: