Desde hoxe e ata o domingo celébrase no Pazo da Cultura de Pontevedra unha nova edición de Culturgal.
Como sabemos, trátase da Feira das Industrias Culturais de Galicia, que se celebra na cidade de Pontevedra desde 2007, ano no que naceu cos obxectivos de remarcar o valor social e económico da acción cultural que se desenvolve en Galicia e de apoiar e reforzar dita acción cultural. Nesta entrada de Wikipedia tes máis información sobre o Festival, durante o cal se pode asistir, ademais, a numerosos espectáculos.
Se queres adquirir as túas entradas ou abonos pódelo facer seguindo ESTA LIGAZÓN ou a través da web oficial do Festival premendo na imaxe superior, onde poderás acceder a toda a información relativa a esta edición (programa, espectáculos, expositores, novas...).
NESTA NOTICIA do Diario de Pontevedra tes unha visión máis completa.
venres, 29 de novembro de 2024
Culturgal sobe o pano
xoves, 28 de novembro de 2024
Certame 'Un idioma de cine'
Consonte informa na súa web o Consello da Cultura Galega, o Concello de Caldas de Reis organiza o concurso de
curtametraxes 'Un idioma de cine', dirixido a mozos e mozas de ata 30 anos de
idade residentes en Galicia.
As curtametraxes presentadas deben ser orixinais e
inéditas e ter unha duración de entre 5 e 10 minutos. A súa temática, ademais, debe estar relacionada co outono, sendo válidos os traballos feitos con imaxe real ou de animación.
O xurado
outorgará tres premios, cunha dotación económica de 700€, 500€ e 300€ cada un.
Alén deles, a curta máis votada polo público tamén será premiada con 500€.
O prazo de presentación dos traballos remata o 10 de decembro de
2024.
Podes consultar as bases completas descargándoas en pdf NESTA LIGAZÓN.
A iniciativa enmárcase dentro do programa de dinamización lingüística promovido polo
Concello de Caldas de Reis para fomentar a creación audiovisual en lingua galega entre a
mocidade.
Se queres máis información podes consultala nesta noticia de pontevedraviva.com
mércores, 27 de novembro de 2024
DIXIMED: A SAÚDE EXPLICADA EN GALEGO A@S MÁIS CATIV@S
O Primeiro Dicionario de Medicina Ilustrado, creado pola
Universitat Pompeu Fabra, conta agora cunha versión en lingua galega grazas á
colaboración entre o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade de
Santiago de Compostela e o alumnado do CEIP López Ferreiro da mesma cidade, que gravou as
definicións.
O proxecto Diximed, dispoñible desde onte en formato virtual (e ao que podes
acceder a través DESTA LIGAZÓN ou facendo clic na imaxe superior),
facilita a comprensión de conceptos médicos para nenas e nenos, a través da
combinación de linguaxe accesible, debuxos e gravacións.
Ademais das 363 palabras que recolle, inclúe un atlas sobre o corpo humano que o converten nunha
ferramenta educativa única en galego.
Se queres máis información sobre esta nova ferramenta, completamente de balde, podes consultar ESTA NOTICIA de praza.gal
martes, 26 de novembro de 2024
CANTO VERSOS (XÉNERO VERSOS TRES)
Como vos viñemos informando nas dúas semanas anteriores, o alumnado de Secundaria do Centro está a participar na actividade 'Xénero versos' para sensibilizar á nosa rapazada da necesidade de combater a violencia contra as mulleres desde todas as frontes e para facer agromar de paso, se cadra, algunha que outra vocación musical.
Se no primeiro día fixeron unha aproximación á problemática e na segunda sesión cada grupo desenvolveu o traballo da escrita da súa proposta, nesta terceira chegou o momento de pór voz e música ás súas creacións.
Así, durante todo o día de hoxe, en catro turnos -do mesmo xeito que nas dúas sesións anteriores-, os grupos de cada un dos catro cursos están a percorrer a derradeira etapa deste camiño cuxa meta é combater a violencia contra as mulleres, así como todo tipo de comportamentos, discriminacións e estereotipos machistas.
Cando chegará o momento de que poidamos escoitar as súas rimas?
luns, 25 de novembro de 2024
25N: DO CORAZÓN AO PULSO
Por fin chegou o 25 de novembro, Día Internacional para a Eliminación da Violencia contra as Mulleres, e a rapazada quixo exhibir toda a súa arte e tamén a súa solidariedade en forma de pulseiras.
Seguindo a nosa proposta a través desta bitácora, elaboraron os lemas máis solidarios e comprometidos e os plasmaron, cada un/ha co seu estilo propio, nas pulseiras que serven para denunciar a violencia contra as mulleres e para soñar con que, co traballo de tod@s, chegue o momento no que este día teña que deixar de celebrarse.
"Quero respeto", "A violencia non arranxa nada", "A violencia non é solución", "Non á violencia" ou "Son eu quen decide a miña vida" son algúns dos lemas que puidemos ler nelas.
Nas imaxes que seguen tedes o testemuño dalgunhas das pulseiras máis audaces que elaborou o alumnado de Primaria:
Parte do alumnado de E.S.O. tamén quixo sumarse a esta iniciativa:
venres, 22 de novembro de 2024
Padriños lectores: os máis novos e os máis máis novos
Como non hai unha idade mínima para isto, o alumnado de 1º de Primaria achegouse á aula de Infantil de 3 anos para lerlles algúns contos.
Uns e outras, outros e unhas gozaron da experiencia da literatura compartida.
Como será iso de sentirse vello con seis anos???
xoves, 21 de novembro de 2024
Nós tamén creamos!
A Secretaría Xeral da Lingua da Consellería de Cultura,
Lingua e Xuventude e a Dirección Xeral de Ordenación e Innovación Educativa da
Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional
convocan o concurso de curtas de animación en galego elaboradas no marco do
programa 'Nós tamén creamos!' para o curso académico 2024-2025.
Trátase dun certame destinado a alumnado dos centros públicos de Galicia desde segundo ciclo de infantil a
sexto de primaria e premia curtametraxes realizadas coa
técnica stop motion (fotograma a fotograma).
O prazo para inscribirse remata o 29 de novembro.
Toda a información relativa á convocatoria está dispoñible no Portal da
lingua galega NESTA LIGAZÓN.
Se queredes ver algún dos traballos gañadores na anterior edición, tedes uns poucos a seguir:
mércores, 20 de novembro de 2024
@S MÁIS PEQUEN@S, EXEMPLO DE COMPROMISO
Do mesmo xeito que fixeran o ano pasado por estas datas, @s máis pequen@s marcan o ritmo en canto a concienciación e solidariedade e son @s primeir@s en rexeitar a violencia contra as mulleres mediante os cartaces que pegaron nas súas xanelas.
Non será a única expresión de rexeitamento que veremos estes días no noso Centro, pero elas e eles foron @s máis rápid@s...
martes, 19 de novembro de 2024
ESCRIBO VERSOS (XÉNERO VERSOS OUTRA VEZ)
Tal e como vos contamos a semana pasada, o alumnado de Secundaria do noso Centro está a participar na actividade 'Xénero versos'.
Durante todo o día de hoxe, en catro turnos, os grupos de cada un dos catro cursos están a percorrer a segunda etapa deste camiño cuxa meta é combater a violencia contra as mulleres así como todo tipo de comportamentos, discriminacións e estereotipos machistas.
E cal é esta segunda etapa? Escribir a letra das cancións coas que van visualizar o seu compromiso.
Nas imaxes podemos ver o alumnado dos grupos de 4º de E.S.O., repartidos en catro equipos de traballo, elaborando as súas propias rimas, xenuinas e -esperamos que- inspiradas.
A semana que vén haberá que darlles outra vida engadíndolles música.
luns, 18 de novembro de 2024
ESTÁ DE MEDO!!! ENTREGA DOS PREMIOS DA TERCEIRA EDICIÓN
O pasado xoves á mañá fixemos entrega dos premios ao gañador e ás gañadoras na terceira edición do concurso de portadas de libros e relatos de terror 'Está de medo!!!'.
As proposas gañadoras foron as presentadas por África (de 2º de Primaria), Mateo (de 3º de Primaria), Matilda (de 6º de Primaria), Martina (de 2º de E.S.O.) e Leire (de 4º de E.S.O.).
O xurado subliñou a dificultade de escoller os premiados, xa que se encontrou en todas as categorías con traballos de grande calidade.
Na imaxe podemos ver o gañador e as gañadoras posando para a foto co seu premio e un diploma acreditativo.
Á parte destes premios concedidos a cada traballo individual, cada aula de Infantil recibirá un agasallo polo traballo que desenvolveron en conxunto.
Parabéns ao gañador, ás gañadoras e a todo o alumnado participante que, como decimos, presentou traballos de moita calidade (e arrepiantes!!!).
domingo, 17 de novembro de 2024
A Xanela do Maxín, o sábado no Centro Social
O próximo sábado 23 de novembro, ás sete da tarde -como podemos ver no cartaz anunciador-, A Xanela do Maxín representa en Pontecesures o seu espectáculo 'Lúa quere viaxar a... Marte!'
A representación terá lugar no Centro Social e conta co apoio da Deputación Provincial de Pontevedra a través do circuíto '+ ESCÉNICAS' e do Concello de Pontecesures.
A seguir podedes ver un vídeo coa presentación deste espectáculo.
Non o perdades!!!