venres, 20 de decembro de 2024

Venres 20, vinte... de festa!!!

Chega o venres e, con el, o momento de desaparecer por fin por uns días.
Pero antes temos algúns asuntos pendentes que resolver:
Por exemplo, quen gañou o concurso de panos/portas de Nadal?
En Infantil premiouse o mural no que colaborou todo o alumnado; en Primaria a porta gañadora foi a de 2º e en Secundaria a de 4º-P.D.C.. Parabéns!

Por outra banda, e seguindo a tradición, neste último día de clase antes das vacacións fomos honrad@s coa visita dos Reis Magos, que foron recibidos con todo tipo de reverencias polo noso alumnado.

Os maiores non deixaron pasar a oportunidade de amosar os seus progresos musicais ante un ateigado auditorio.

E, finalmente, tod@s tivemos a ocasión de asistir a un concerto de Mad Martin Trio, que se achegou ata Pontecesures co seu rockabilly.

Hai mellor maneira de despedirnos ata o próximo ano???

Quen sabe... se cadra mañá temos un bis...

xoves, 19 de decembro de 2024

Portas candidatas... a comisión delibera!!!

Como xa vos contamos hai uns días, o Equipo de Biblioteca propuxo converter as portas das aulas en panos que dean paso ao tempo de Nadal.
Mañá será o día no que coñeceremos as escollidas como gañadoras.
Polo momento, hoxe traémosvos testemuño gráfico das candidatas e da reunión da comisión avaliadora para elexir entre elas as súas preferidas.
Damas e cabaleiros... fagan as súas apostas!!!

mércores, 18 de decembro de 2024

A maxia do Nadal no Concello

Disque o Nadal é unha época máxica, que se a maxia do Nadal...
No noso Centro tomámolo ao pé da letra e non quixemos marchar para gozar do descanso do Nadal sen facer antes un pouco de maxia.
Por iso abrimos as nosas portas -ou panos portas, ou a saber que- ao mago Martín.
Na mañá de hoxe, en tres sesións (para Infantil, Primaria e Secundaria) fixo as delicias de tod@s nós, que ficamos abraiad@s coas súas habilidades.

Se che soubo a pouco, aínda podes acudir á súa actuación este mesmo sábado ás 21:00 no Centro Social -como acabamos de escoitarlle no vídeo e tamén podes ver na imaxe coa Programación de Nadal do Concello que pecha esta entrada- na que presenta o seu espectáculo 'Urxente Chamamento ao Trouleo'.
Agora que veña alguén a decir que o Nadal non é unha época máxica...

martes, 17 de decembro de 2024

A bonecada ataca: os Bolechas en Padrón o día 27, Cachirulo o 3 en Pontecesures

Como nos conta o Portal da Lingua, a xira de Nadal dos Bolechas fará parada en Padrón o día 27 de decembro, venres.
Esta xira ten como obxectivo difundir entre a rapazada os tradicionais Cantares de Reis, ademais de pasar un rato divertido.
Polo que parece, a representación terá lugar ás 18:00 no Auditorio, así que xa estades previd@s.
Se alguén o prefire ou lle vai mellor, tamén teredes a posibilidade de acudir ao mesmo espectáculo na Estrada a véspera: o xoves día 26. 

E non só iso, o día 3 de xaneiro ao mediodía poderedes asistir no Centro Social de Pontecesures á presentación do espectáculo 'O Cachimóbil' por parte de Títeres Cachirulo.
Se queredes ir abrindo boca, aquí tedes un aperitivo... Levántase o pano!!!

luns, 16 de decembro de 2024

Ludoteca de nadal

O Campamento de Nadal -ou Ludoteca de Nadal- ofrece a posibilidade aos nenos e ás nenas de 3 a 12 anos de participar en actividades lúdicas desde as 9:00 até as 14:00 dos días 23 de decembro ao 3 de xaneiro (agás os días 25, 28, 29 e 1).
Estas actividades desenvolveranse no Anexo ao Pavillón Municipal.
O prazo para apuntarse remata este xoves 19 de decembro.
Podes consultar as bases da Ludoteca de Nadal en pdf NESTA LIGAZÓN.
O impreso de solicitude de inscrición podes descargalo NESTA LIGAZÓN.
Se prefires consultalo desde a web do Concello fai clic na seguinte imaxe:

venres, 13 de decembro de 2024

Concurso-Exposición sobre As cantareiras

Os centros que decidan participar terán que elaborar 10 carteis e unha guía didáctica sobre a súa obra, época e lingua.
Concederanse dous premios: un para a categoría A (centros de infantil e primaria) e outro para a categoría B (centros de secundaria, bacharelato, formación profesional e ensinanzas de réxime especial).    
O prazo para enviar os traballos remata o 23 de xaneiro.
Se queres consultar a convocatoria podes facelo NESTA LIGAZÓN ou facendo clic na imaxe superior.

xoves, 12 de decembro de 2024

Palabra do Ano 2024: aberta a votación

Como vos contamos hai uns días a Real Academia Galega e a Fundación Barrié están a procurar a Palabra do Ano 2024.
Agora, a imaxe fala por si soa, xa está aberto o período de votación para escollela.
Non imos decir cal, pero si que entre as candidatas está unha palabra proposta polo Trasno Paroleiro.
Se queres participar na votación, fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.
Non esquezas que o período de votación finaliza o 25 de decembro!!!
Ah! Se es fanátic@ dalgunha das palabras podes votar até catorce veces... polo menos...