venres, 15 de novembro de 2024

A pulseira de poder!!!!

Desde o EDLG queremos propoñervos a seguinte actividade en relación co Día Internacional da Eliminación da Violencia contra a Muller:  
En cada grupo escollede un lema, ou uns poucos, de poucas palabras, que sirvan para concienciar da necesidade de combater a violencia contra as mulleres.
De entre eses lemas cada rapaz/a escollerá un para elaborar a súa propia pulseira a partir do patrón da imaxe.
Como vedes nela, predeseñamos tres tallas, pero se ningunha delas se adapta convenientemente ao pulso do voso alumnado podedes modificar o tamaño da imaxe no arquivo que vos remitimos ao correo electrónico para personalizala. 
O idóneo sería que o propio luns 25 de novembro, no recreo (no segundo recreo no caso da E.S.O.), o alumnado saíse coas súas pulseiras preparadas e postas para visualizar o rexeitamento de cara á violencia contra as mulleres e, de paso, o talento artístico de cada un/ha.
A pulseira podédela imprimir en papel ou en cartolina se preferides. 
Unha vez decorada, tamén, podedes plastificala se o desexades. Para que manteña ben a forma pódeselle colocar unha pequena tira de celo detrás do corazón, onde se une coa pulseira, ou no corazón pola parte de fóra, ou na parte interior da pulseira, como prefirades.
Deixámosvos unha ligazón á web da ONU relativa a esta loita.

xoves, 14 de novembro de 2024

XÉNERO VERSOS

Durante tres sesións, desde o pasado martes 12 e até o 26 de novembro o alumnado de E.S.O. do noso Centro está a participar, en catro grupos, na actividade chamada 'Xénero versos'.

A vocación da mesma é fomentar o espírito crítico na mocidade de cara aos estereotipos e comportamentos machistas, para combatelos.

O primeiro paso, xa que logo, é ser consciente destes estereotipos e comportamentos, para o que se lles invita á reflexión sobre o asunto.

Máis adiante chegará o momento de que o alumnado elabore as súas rimas para compor unha canción de rap que -ademais de evidenciar e potenciar o seu talento artístico- sirva para loitar contra o machismo en todas as súas formas: macro, micro, ciber, etc. 

mércores, 13 de novembro de 2024

Propostas gañadoras da terceira edición do concurso 'Está de medo!!!'

... e as gañadoras son... 

África, de 2º, de entre as propostas de 1º e 2º de Primaria

Mateo, de 3º, de entre as propostas de 3º e 4º de Primaria

Matilda, de 6º, de entre as propostas de 5º e 6º de Primaria

Martina, de 2º, de entre as propostas de 1º e 2º de E.S.O.

Leire, de 4º, de entre as propostas de 3º e 4º de E.S.O.

En poucos días procederemos á entrega dos premios. 

Polo momento, as propostas gañadoras quedan expostas no tablón de Dinamización da planta baixa.

martes, 12 de novembro de 2024

XOGADE EN... PORTAS!!!

Na mañá do pasado venres 8 de novembro o alumnado de 3º, 4º, 5º e 6º de Primaria do noso Centro desplazouse ata Portas para participar nunha actividade programada no marco do programa XOGADE (Xogos Galegos Deportivos en Idade Escolar), convocado pola e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, a través da súa Secretaría Xeral para o Deporte, e coa colaboración das agrupacións deportivas escolares.

Nesta ocasión a actividade consistiu nun campionato de campo a través na Azucreira de Portas organizado polo Servizo Provincial de Deportes de Pontevedra da Xunta de Galicia e a Agrupación Deportiva Escolar Terras do Ulla - Umia.

A este campionato concorreu alumnado dos colexios e institutos da zona: Catoira, Pontecesures, Vilagarcía, Caldas de Reis e Portas. As distancias a percorrer en cada competición témolas recollidas no seguinte cadro:

Os obxectivos do programa XOGADE son, entre outros, incrementar a participación en actividades físico-deportivas en horario non lectivo do alumnado, con especial incidencia no colectivo de nenas; impulsar a función integradora e de cohesión social do deporte; permitir a aprendizaxe dos conceptos técnicos e tácticos dalgúns deportes; desenvolver as diferentes calidades físicas, así como transmitir hábitos, actitudes e valores; introducir ao alumnado en diferentes disciplinas deportivas mediante actividades lúdicas de carácter global e facilitar a comunicación e a convivencia do alumnado independentemente do nivel de práctica de cada un deles.

Nas imaxes podemos comprobar como, unha vez máis, estes obxectivos foron sobradamente alcanzados.
E non só alcanzaron estes obxectivos, senón que ademais en todas as categorías houbo entre @s mellor clasificad@s representantes do noso Centro. María del Carmen Eitor Abaga (de 5º de Primaria), de feito, foi a gañadora na súa categoría e Xabier Fernández Carbia (de 4º de Primaria) foi o terceiro clasificado.
Un resumo dos premiados do noso Centro en todas as categorías témolo no seguinte cadro:

Ollade que content@s posan cos seus diplomas!
Parabéns!!!                  

luns, 11 de novembro de 2024

OBRADOIRO DE ACTIVISMO MEDIOAMBIENTAL

Na mañá do pasado venres 8 de novembro o alumnado de 4º de E.S.O. desprazouse até a praza de abastos da vila para participar nun obradoiro de activismo medioambiental.

A actividade consistiu nunha manifestación de protesta contra a contaminación do río Ulla e nunha performance na que algún/has d@s participantes interpretaban o papel do Río e outr@s de ameazas.

A continuación procedeuse a escribir no chan as palabras ULLA LIMPO utilizando lixo e a realizar entrevistas a veciñ@s da vila para coñecer a súa opinión sobre a intervención artística realizada e sobre estado do Río, á parte de facer unha pequena sondaxe sobre o grao de participación na recollida selectiva de residuos pola súa parte.

venres, 8 de novembro de 2024

Tíralle da lingua outra vez (e van 23!)

AS-PG convoca o XXIII Concurso de Relato Oral Tíralle da Lingua para estudantes de primaria, secundaria e ensino postobrigatorio. 
Se tés interese en participar debes anotarte antes do 15 de novembro curbindo ESTE FORMULARIO.
Despois, antes do 22 de novembro terás que remitir a túa proposta A TRAVÉS DESTA CANLE.
Toda a información relativa ao concurso tela NESTA LIGAZÓN.
 

xoves, 7 de novembro de 2024

Arrinca Cineuropa 38

 

Desde hoxe e até o día 24 tés a posibilidade de vivir a experiencia de todo un festival de cinema internacional moi preto da túa casa, en Santiago de Compostela concretamente: a trixésimo oitava edición de Cineuropa.
NESTA NOTICIA DE EL CORREO GALLEGO tes un resumo das películas que, baixo o criterio da Redacción, non debería deixar de ver calquera afeccionad@ ao cinema.
Se queres máis información (horarios, entradas, programa, actividades paralelas...) podes visitar A WEB OFICIAL DO FESTIVAL.  
NO POST DE ONTE desta, a nosa, bitácora tedes a posibilidade de descargar un pdf co programa do Festival e de acceder á noticia da presentación do mesmo.