martes, 30 de setembro de 2025

A importancia de usar o dicionario

Como xa deberías saber, na columna de aí á dereita (se tes activado 'Ver versión web') podes facer a túa procura directa no dicionario da RAG.
Grazas a el, sabemos que se nos falan do "dereito e posibilidade de poder actuar unha persoa segundo os propios criterios e de decidir por ela mesma aquilo que lle atinxe, sen estar sometida ás imposicións doutros"... que bonita definición... pois sabemos que nos falan da LIBERDADE.
O trasno que sabe ler e utiliza o dicionario non entende por que cando falamos dunha "exterminación metódica dun grupo social por motivos étnicos, relixiosos ou políticos" non dicimos sen máis voltas que, visto o dicionario, estamos diante dun XENOCIDIO.
Así que xa sabes, se non queres que che rouben a liberdade, usa o dicionario. 
Na imaxe superior tes unha ligazón a noticias sobre a situación en Palestina de Nós Diario.


luns, 29 de setembro de 2025

Relatos curtos para o Rosal... marchando!!!

O Concello do Rosal convoca a segunda edición do seu Concurso de Relato Curto para fomentar a creatividade e a cultura en lingua galega.
Haberá tres categorías de competición (infantil, xuvenil e poboación adulta) e para escoller as propostas gañadoras o xurado vai valorar que as obras se inspiren na contorna e as tradicións da xente do Concello.
O prazo de presentación de orixinais remata o 9 de novembro.
Se queres máis información podes consultar ESTA NOTICIA da web de Tele Mariñas.
Para consultar as bases completas do concurso fai clic AQUÍ ou na imaxe superior.
Na 
web do concello tes tamén INFORMACIÓN SOBRE O CONCURSO.
O enderezo electrónico do contacto para resolver calquera dúbida sobre o concurso é o seguinte: informacionxuvenil@orosal.gal
Pois veña, a escribir o teu relato. Se prefires, antes podes DAR UNHA VOLTA POLO ROSAL.


venres, 26 de setembro de 2025

Falas galego? Demóstrao!!!

Para non ter que responder a desafíos coma o do título, ou para responder, pero de vez, existen as certificacións do dominio das linguas.
No noso caso, o da lingua galega, temos os exames Celga.
Hoxe queremos contarte que a Xunta de Galicia abriu o prazo para inscribirse nunha nova convocatoria das probas que permiten obter os certificados oficiais que acreditan o coñecemento da lingua galega.
De tal xeito, após a publicación no Diario Oficial de Galicia, as persoas interesadas en realizar os exames Celga poderán anotarse ata o vindeiro 3 de outubro.
No DOG do 12 de setembro (SIGUE ESTA LIGAZÓN ou preme na imaxe superior para consultalo) tes a información completa.
Se a prefires dixerida por un intermedio, deixámosche tamén a ligazón sobre o asunto do Portal da Lingua Galega... AQUÍ.
Antonte soubemos que a Xunta de Galicia celebrará no mes de novembro os primeiros cen exames en liña das probas Celga do nivel 4 que acreditan o dominio da lingua galega.
O conselleiro de Cultura, Lingua e Xuventude, José López Campos, realizou este anuncio nunha interpelación no Pleno do Parlamento de Galicia. 
Se queres máis información sobre o anuncio podes consultar ESTA ENTRADA do Portal da Lingua Galega.


xoves, 25 de setembro de 2025

Axudas do Concello á escolarización

Bo día, querid@ trasn@!
Hoxe traémosche noticias frescas que nos fai chegar a ANPA.
O Concello de Pontecesures publicou as bases para a concesión de bolsas de apoio á escolarización para o curso 2025-2026.
Estas bolsas están destinadas para o alumnado de Infantil, Primaria e ESO; é dicir: para ti.
No caso de Infantil, 1º e 2º de EP as axudas son para libros de texto, material escolar e vestiario cunha contía máxima de 100 euros por alumn@ (por trasn@).
Para o alumnado desde 3º de EP até 4º de ESO as axudas son para material escolar, vestiario e material informático cunha contía máxima de 80 euros por menor.
Estas axudas están condicionados polos requisitos de ingresos familiares.
Se queres máis información podes consultar nos Servizos Sociais do Concello.

mércores, 24 de setembro de 2025

Alborota o algoritmo!!!

Un ano máis, chega a convocatoria do concurso Youtubeiras+, e xa van nove!!!
Nesta ocasión, baixo o lema “Alborota o algoritmo” vai repartir un total de 7.500€ en premios dentro de sete categorías.
O certame está organizado por dez concellos galegos, a Deputación da Coruña e as universidades da Coruña, Santiago de Compostela e Vigo.
Desde ESTA LIGAZÓN tés acceso á web do concurso.
O seu obxectivo é fomentar a produción de contidos en galego nas redes sociais, así como visibilizar os diferentes perfís de persoas creadoras na rede.
Poden optar a estes premios as persoas maiores de 16 anos que teñan canles autoproducidas nas redes sociais en activo e accesibles durante o certame, coa maioría das publicacións en galego.
As persoas menores de idade poderán inscribirse coa autorización dunha persoa titora legal.
O prazo de inscrición estará aberto ata o 16 de novembro de 2025.
Se queres consultar as bases completas preme NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.
Que queres que che diga???
Alborota o algoritmo!!!

martes, 23 de setembro de 2025

Día Internacional das Linguas de Signos

Un titular ben pouco lucido pero significativo a tope.
Efectivamente, hoxe, 23 de setembro, celébrase en todo o planeta o Día Internacional das Linguas de Signos.
"Das Linguas de signos", si, non "da Lingua de signos", porque hai diversidade.
E xa que temos lingua propia se cadra tes a dúbida... existe unha lingua de signos propia de Galicia?
Pois no seguinte vídeo vaiche a resposta:

Se queres coñecer pormenores da celebración, convidámosche a que sigas ESTA LIGAZÓN á web da ONU ou que premas na primeira imaxe desta entrada.
Se queres aprender o alfabeto dactilolóxico podes consultalo NESTA LIGAZÓN.

luns, 22 de setembro de 2025

Se non saen de Cesures...

 ... uns Siniestro, uns Blur ou -polo menos- uns Mecano non será porque non existan as condicións.
O profesorado de Música do noso Centro (é ben sabido) é o soño de calquera moz@ interesad@ por adentrarse na música popular, e de feito algo hai por aí a agromar...
Pero non só iso: como vén sendo tradición a Escola de Música Moderna ábreche un ano máis a posibilidade de profundizares nos teus coñecementos musicais. 
Na imaxe tes clariña toda a información: no 645 935 720 podes reservar a túa praza e converterte na próxima estrela do firmamento musical.
Xa sabes, non deixes pasar a oportunidade!!!


venres, 19 de setembro de 2025

Renace LongaLingua

A Mesa pola Normalización Lingüística e a Fundación Vía Galego recuperaron hai uns meses a revista LongaLingua.
Na súa orixe tratábase dunha publicación periódica impresa que pretendía ofrecer un espazo para a análise e o debate sobre a lingua e a sociedade galegas.
Agora regresa en formato dixital e podcast, baixo a dirección da xornalista Eva Fernández Prieto.
A publicación ofrecerá análises de persoas expertas sobre a situación da lingua galega en diversos ámbitos, acompañadas de videopodcast en plataformas como Spotify e YouTube.
Se queres ampliar a información sobre esta novidade, consulta ESTA NOTA da web do Consello da Cultura Galega.
Se prefires acceder directamente a LongaLingua, fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.  


xoves, 18 de setembro de 2025

ChatGalPT

Probablemente xa coñeces a aplicación de intelixencia artificial conversacional ChatGPT.
O que se cadra non sabías é que ChatGPT está preparado para manter conversas, interpretar e elaborar textos en lingua galega.
Pode parecer unha parvada, pero é sinal de que a nosa lingua ten importancia e tamén futuro.
Iso si, ten presente que, como indica sempre: "ChatGPT pode trabucarse. Comproba a información importante"; así que non te conformes co que ChatGPT poida suxerirche cando lle encargues unha tarefa!!!
Se queres conversar con el (ou con ela?) fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.


mércores, 17 de setembro de 2025

Tíralle da língua, tíralle!!!

 

A Asociación Socio-Pedagóxica Galega organiza o XXIV Concurso de relato oral 'Tíralle da lingua', dirixido á comunidade educativa, co obxectivo de normalizar o uso oral do galego e contribuír a que este idioma se converta en instrumento normal de comunicación e creación de historias no ámbito escolar.
@s participantes poderán contar historias en galego, de base popular, de base literaria ou de creación propia, durante un tempo máximo de cinco minutos.
Na fase final (que se celebrará a finais de novembro) o xurado outorgará un primeiro premio de 250 euros e, se o considerase oportuno, un segundo de 150 euros. Os centros de ensino d@s participantes premiad@s tamén recibirán un premio do mesmo importe.
A inscrición no concurso por parte dos centros debe facerse antes do 14 de novembro de 2025.
O prazo para enviar os vídeos remata o 21 de novembro.
Se queres consultar as bases completas sigue ESTA LIGAZÓN.
Se prefires, visita a nota sobre o Concurso na web do consello da Cultura Galega premendo AQUÍ.

martes, 16 de setembro de 2025

Martes rima (fácil) con Artes...

... e por iso hoxe falamos do Día das Artes Galegas.
A conta de que?
A conta de que foi desginada a persoa que será homenaxeada nel en 2026, que non é outra có alaricán José Suárez.
Nado en 1902, adicou a súa carreira á fotografía e o cinema principalmente.
Na foto superior podémolo ver departindo co grandísimo mestre do cinema Akira Kurosawa (a ver se sabes quen é quen); na seguinte durante a rodaxe do filme 'La mujer y el jockey' (xoga a encontralo).

Durante 2026 achegarémoste material e recursos dabondo para que poidas coñecelo.
Polo momento deixámoste tres ligazóns:
A PRIMEIRA, a Praza Pública, sobre a homenaxe que lle renderá en 2026 a Real Academia Galega de Belas Artes
ESTA SEGUNDA, ao xornal El Mundo (en español), sobre unha exposición que acolleu en 2016 o Instituto Cervantes sobre a súa figura.
- Serie fotográfica ROMARÍA E FEIRA DE SAN VITORIO, obra documental de José Suárez, na web do Museo de Pontevedra.

luns, 15 de setembro de 2025

E o Día das Letras en 2026 estará dedicado a...

... Begoña Caamaño.
Efectivamente; como probablemente xa sabías, a Real Academia Galega decidiu en xuño dedicar a Begoña o Día das Letras Galegas 2026.
Esta escritora e xornalista faleceu en 2014.
Se cadra coñeces que o Día das Letras Galegas só se pode dedicar a persoas que faleceron dez ou máis anos antes có da celebración. 
A
decisión, tomada no pleno da RAG celebrado na cidade de A Coruña, recoñece a súa obra literaria.
Dentro dela inclúense dúas novelas baseadas nos mitos da Odisea e o artúrico ('Circe ou o pracer do azul' e 'Morgana en Esmelle') ademais dunha extensa traxectoria xornalística, comprometida coa lingua galega e coa información de calidade.
Se queres coñecer máis sobre Begoña e a súa traxectoria consulta NESTA LIGAZÓN a noticia da web da RAG. 

venres, 12 de setembro de 2025

O Trasno, de etiqueta

Se cadra notaches que debaixo de cada unha das entradas desta bitácora (se a consultas desde un computador ou tendo activado "Ver versión web") aparecen uns textos que poden ser "NOTICIAS", "RECURSOS" ou "FESTIVAIS", por exemplo.
Son as etiquetas.
Se fas clic nunha delas (por exemplo "NO COLE") vanche aparecer todas as entradas da bitácora que estean etiquetadas desa maneira.
Isto permite unha utilización máis áxil dos contidos da bitácora, por exemplo se queres consultar calquera pormenor dos concursos que convocamos no Centro ou doutros sobre os que vos informamos aquí malia non estar convocados nel.

Ademais, tes tamén a posibilidade de procurar no cadro de busca na esquina superior esquerda da pantalla unha entrada da bitácora escribindo algunha palabra EXACTA que figure nela, como por exemplo ETIQUETA.
E se procuras ETIQUETA e dás con esta entrada a seguir podes acceder ás entradas da bitácora etiquetadas como:

AXUDAS

CONCURSOS

CONMEMORACIÓNS

DEPORTES

FESTIVAIS 

NO COLE

NOTICIAS

RECURSOS

SAÍDAS

TEMPO LIBRE

Pero, como temos moitas entradas que etiquetar, se cadra aínda non están todas listas, xa que empezamos a etiquetar as últimas que publicamos.

xoves, 11 de setembro de 2025

Pasou o día...

... pero non pasou a romaría!!!
Pasou o día, si, o Día das Letras Galegas, pero non pasou a romaría, porque 2025 segue sendo o Ano dedicado ás Cantareiras.
En relación a isto, por exemplo, no Museo do Pobo Galego, e só ata o día 28 deste mes, podemos visitar a exposición 'Cantareiras. Oralidade, creación, transmisión' da que xa vos falamos nas datas da súa estrea.
E máis novidades que aínda restan.
Por suposto, os recursos da rede fican nela (non para sempre pero si de momento), como por exemplo a serie documental 'Se canto é porque quero' (á que podes acceder a través desta entrada do Trasno) ou os recursos dAs Ferreñas (accesibles tamén desde esta bitácora).
Pasou o día, non pasou a romaría nin o ano, pero cando pase o ano... non deixes de cantar!!!   

mércores, 10 de setembro de 2025

EstradaEscena 2025

O pasado domingo a agrupación cesureña Xacarandaina actuou dentro do Festival de Danza 6 coreógrafas, incluído na iniciativa Estrada Escena do noso veciño Concello da Estrada.
Ata o día 2 de xaneiro tes programadas, dentro dela, unha chea de actividades de todo tipo, moitas delas pensadas para o público infantil.
Se queres consultar o programa completo, podes facer clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.

martes, 9 de setembro de 2025

Solicitude do Bono Concilia Familia

Desde onte e ata o 7 de outubro pode solicitarse o Bono Concilia Familia, como nos conta ESTA NOTA DE PRENSA da web da Xunta de Galicia.
Se queres saber en que consiste o bono e como solicitalo, fai clic na seguinte imaxe para accederes á web do Programa de Apoio á Natalidade.

Dito en poucas palabras, é unha axuda económica -de ata 500 euros- destinada a favorecer a conciliación laboral e familiar en situacións puntuais ou durante vacacións escolares (por exemplo, para pagar os campamentos do pasado verán).
Se queres solicitala, podes seguir ESTA LIGAZÓN á Sede Electrónica da Xunta de Galicia.

luns, 8 de setembro de 2025

Novo curso e novas axendas!!!

Xa estamos de volta!!!
As vacacións nunca son suficientes, é ben sabido.
Pero é o momento de regresar.
Para facervos máis doada a organización dos vosos traballos, o Equipo de Dinamización da Lingua Galega repartiu, como cada ano, as axendas escolares en galego.

Na portada e contraportada podemos ver imaxes dalgunhas actividades desenvolvidas no noso centro no ano anterior.
Pero non só iso; tamén tedes un convite para seguirdes a Canle en WhatsApp do Trasno Paroleiro; en realidade é un xeito máis doado de acceder aos contidos desta bitácora directamente desde o apartado 'Novedades' de WhatsApp.
Coma no ano anterior, na contraportada da axenda figura un código QR para acceder a esta bitácora, do mesmo xeito que na marxe dereita da túa pantalla (se consultas a bitácora desde un computador ou activaches "Ver versión web" no teu móbil ou tableta).
Xusto enriba del (do código QR) tes tamén un acceso directo á Canle de WhatsApp da que che acabamos de falar; se segues a ligazón e lle dás a "Seguir" xa o tes todo feito. 

Ou, se prefires, pódelo facer desde a imaxe de abaixo.
En todo caso, decidas seguir a nosa canle ou non, desde O Trasno Paroleiro trasmitímosche os nosos mellores ánimos para que o novo curso sexa produtivo e feliz, esperemos que máis feliz, polo menos, que o ano que acabou...