venres, 30 de xaneiro de 2026

Teñamos a festa en Paz

Como cada ano o noso Centro xúntase ao resto da Humanidade para celebrar o máis prezado ben do Ser Humano: a Paz.
O máis prezado pero o menos rendible a ollos de algúns cuxa cobiza económica ou política lles agachan todo inconveniente a pasar por enriba dela para acadar os seus propósitos.
Ata onde atinxen as nosas forzas (mínimas pero non por iso hai que renderse), na mañá de hoxe quixemos expresar o noso rexeitamento á violencia e, o que é aínda máis importante, o noso compromiso activo por desenvolver espazos de paz e boa convivencia.
E que mellor maneira de facelo que tomando un chocolate con churros?

A xa tradicional Chocolatada pola Paz, que Paz puxo en marcha hai uns anos (e a quen quixemos, tamén hoxe, lembrar). 

Primeiro foi o momento da ESO, despois o do alumnado de Infantil e Primaria.

Pero non foi a única actividade do día: desde primeira hora da mañá o Ximnasio acolleu un obradoiro de voces para o alumnado de 5º, 6º e 2º de ESO. 

Acabada a Chocolatada, coa lectura dun manifesto a prol da Paz, coa actuación do alumnado que participou no obradoiro e co canto da canción "Fábrica de luz" demos por concluída a celebración.


xoves, 29 de xaneiro de 2026

Xemini 3

Vala o chiste, que nos vale para subliñar unha vez máis (non está ben citarse a uns mesmos pero ímolo facer) que "o galego é unha lingua que ten importancia e que ten futuro". Por que?
Porque Gemini 3 Pro (a intelixencia artificial xerativa de Alphabet) está dispoñible en trinta novas linguas, entre as que figura a galega.
Gemini 3 -como dicimos, o seu novo modelo de IA- foi concibido para mellorar o razoamento avanzado e a interpretación de contextos complexos en tarefas creativas ou analíticas.
A súa chegada amplía o ecosistema de produtos baseados en IA de Google e inclúe a novidade salientable que a fai entrar nesta bitácora: Gemini 3 Pro está dispoñible en 30 novos linguas, entre elas a galega, co obxectivo de facilitar o seu uso para aprender, crear e planificar no día a día.
Se tes interese por coñecer máis sobre esta novidade podes consultar ESTA NOTICIA de Código Cero, medio de comunicación referente en tecnoloxías de información e comunicación en lingua galega.

mércores, 28 de xaneiro de 2026

CINEDFEST... 12+1

Xa está aberta a inscrición para participar na 13ª edición de Cinedfest, o Festival Educativo de Cinema para centros educativos que aúna formación audiovisual e un festival de curtas realizadas polos centros.
Este ano presenta novas ofertas formativas e contidos didácticos que se engaden ao material que o Festival pon ao dispor do alumnado, dos docentes e dos centros educativos de maneira totalmente gratuíta.
O formulario de inscrición xa está activo NESTA LIGAZÓN.
NA WEB DO FESTIVAL tes tamén acceso ao material didáctico e ás accións formativas A TRAVÉS DESTA LIGAZÓN.
Se queres descargar as bases da 13ª edición de Cinedfest podes facelo AQUÍ.
Cinedfest é un proxecto educativo para centros públicos, privados e concertados de infantil, primaria, secundaria, bacharelato, FP, CEPA, EOI, EASD, escolas de cinema e universidades.
Conta coa participación e o financiamento do Cabildo de Tenerife, Cabildo de Gran Canaria, Cabildo de La Palma, Cabildo de Fuerteventura, Fuerteventura Film Commission, Consejería de Educación do Gobierno de Canarias, Área de Cultura de Los Llanos de Aridane, Consejería de Hacienda do Gobierno de Canarias e Filmin.
Anímate a participar e vivir a experiencia de usar os recursos audiovisuais como ferramentas educativas na aula e compartir a actividade cos centenares de centros educativos que participan neste proxecto educativo cada curso.
Se queres ver as curtas de, por exemplo, a edición do ano pasado podes facelo AQUÍ.
Só unha cousa máis: o prazo de inscrición termina o 27 de marzo.

martes, 27 de xaneiro de 2026

Calendario Escolar Galego 2026

O pasado venres foi difundido o Calendario Escolar Galego, en cuxa elaboración colabora por oitavo ano a Universidade da Coruña.
Esta versión galega do Calendario Científico Escolar é un recurso educativo dirixido ao ensino obrigatorio.
O proxecto reflicte efemérides científicas ao longo do ano e complétase cunha guía didáctica accesible e inclusiva.
A iniciativa procura promover a cultura científica, a igualdade e o uso normalizado da lingua galega nas aulas.
O material será distribuído nos centros educativos e xa pode descargarse libremente.
Para coñecer máis sobre esta iniciativa podes consultar NESTA LIGAZÓN a web da Universidade da Coruña.
Se queres descargar directamente o Calendario Científico Escolar en Galego de 2026 fai clic NESTA LIGAZÓN.
Se queres descargar unha carperta comprimida co calendario e outros materiais (como por exemplo o xogo da Oca da Ciencia ou a guía didáctica que antes mencionamos) fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe do inicio.



venres, 23 de xaneiro de 2026

Galiza, de Oscar

É ben certo que moitas veces os premios non significan moito, e máis os Oscar.
Pero unha cousa é non significar moito e outra ben distinta é non significar nada.
Significan, por exemplo, que as obras candidatas son tidas en conta a nivel mundial.
E nesta ocasión falamos da obra dun galego nado na diáspora que volveu á Galiza e fala dela marabillas sempre que pode.
Referímonos, é claro, a Oliver Laxe, director de 'Sirât', película candidata ao Oscar ao mellor filme internacional e tamén ao mellor son.
Cómpre salientar que, por primeira vez, un equipo enteiramente composto por mulleres (o de 'Sirât') é candidato nesta segunda categoría
É tamén o primeiro director galego que é candidato aos premios da industria de Hollywood.
Non o vai ter doado na primeira categoría, porén, porque compite con 'Valor Sentimental' -do mestre Joachim Trier (candidato en 9 categorías)-, 'O axente secreto' -de Kleber Mendoça Filho (candidato en 4)- e con dous filmes ben comprometidos, como 'A voz de Hind Rajab' -de Kaouther Ben Hania, que denuncia o brutal xenocidio do pobo palestino- e 'Un simple accidente' -do heroe iraní Jafar Panahi, condenado no seu país por reflectir nos seus filmes as condicións de vida no Irán (candidato en 2)-. 
Se queres coñecer máis sobre o filme, as candidaturas, as películas ou a obra de Oliver Laxe vai preparándote, porque a seguir tes...
- Noticia do ZigZag sobre a candidatura (clic na seguinte imaxe):

- Entrevista a Oliver Laxe, onte, en La Revuelta (en español, clic na seguinte imaxe):

- Entrevista con Oliver Laxe sobre 'Todos vós sodes capitáns' (a súa primeira longametraxe, premiada en Cannes e outros lugares, clic na seguinte imaxe):

- 'Mimosas' (a súa segunda longametraxe, tamén premiada en Cannes e outros lugares, completa, clic na seguinte imaxe):

- 'O que arde' (terceira longamentraxe, tamén multipremiada, clic na seguinte imaxe):

- Entrevista en profundidade a Oliver Laxe (en español, clic na seguinte imaxe):


xoves, 22 de xaneiro de 2026

O dicionario conxugador

O dicionario en liña da RAG (dispoñible na cabeceira deste Trasno, aí á dereita), coas súas imperfeccións, constitúe unha ferramenta de extrema utilidade para axudarnos a utilizar a nosa lingua coa maior corrección posible.
Hai uns días contabámosche que acaba de incorporar un cento de novas palabras, totalizando xa máis de 58.000. 
E, dentro das súas posibilidades, cada vez mellora e incorpora novas funcionalidades.
Precisamente é por unha destas funcionalidades que hoxe queremos falarche del.
Trátase da opción "Conxugar" que nos ofrece cando consultamos o significado dun verbo, moitas veces para comprobar a súa forma correcta.
Na imaxe superior amosámosche resaltado cunhas frechas vermellas o botón no que, facendo clic, podemos acceder á conxugación correcta do verbo consultado.
Na imaxe inferior tes un exemplo co resultado da consulta: 

Xa que non é raro dubidar nun ou noutro tempo verbal, resulta unha axuda especialmente estimable. 
Se miraches esta segunda imaxe xa te decatarías de que, no caso das vogais 'e' e 'o' tónicas, o conxugador indícanos cando se trata de vogais abertas, o que tamén resulta moi moi moi útil.
Xa que logo, se dun 'e' ou dun 'o' tónico non nos indica que é aberto, pois será que é pechado, non?


mércores, 21 de xaneiro de 2026

O vello dos podcasts

Acabou de abrirse o prazo para participar na oitava edición dos Premios Internacionais de Pódcast Xosé Mosquera Pérez.
Destacado intelectual e comunicador, Mosquera era coñecido na rúa como 'O Vello dos Contos'.
Estes premios están destinados a alumnado de diferentes niveis educativos de Galicia e Portugal, incluído o ámbito universitario.
Decide pronto se che interesa participar, porque o prazo de inscrición remata o 13 de febreiro de 2026.
Os traballos deberán entregarse antes do 1 de maio de 2026.
As persoas participantes elaborarán un pódcast propio e inédito, en lingua galega ou portuguesa, cunha duración máxima de cinco minutos.
Os traballos deberán abordar cuestións vinculadas á figura homenaxeada, á historia da radio en Galicia, á cultura galega e portuguesa ou a contidos curriculares oficiais. 
Se queres consultar máis información sobre estes premios tela NA WEB DO CONSELLO DA CULTURA GALEGA.
Para consultar directamente as bases dos premios preme AQUÍ.
Para inscribires o teu traballo tes que incluír obrigatoriamente:
1.Breve sinopse de cada pódcast (un parágrafo).
2.Material gráfico (1, 2 ou 3 imaxes en formato .jpg ou .png) sobre o momento da gravación do pódcast ou do seu proceso de elaboración.
3.O formulario adxunto dispoñible na web do certame na seguinte ligazón:
http://www.arraianos.com/OVDC/Formulario_OVDC.pdf
4.Arquivo ou enlace de descarga do pódcast (o enlace debe ser accesible durante todo o proceso de selección e valoración)


martes, 20 de xaneiro de 2026

Padriños lectores antes de Nadal

De tantas celebracións e concursos que tivemos case nos esquecemos...
Poucos días antes de Nadal o alumnado de 2º de E.P. visitou ás súas compañeiras e aos seus compañeiros de 1º e de Infantil para lerlles uns contos.
Outra cousa igual non, pero está claro que temos canteira!!!


luns, 19 de xaneiro de 2026

Enreghéifate, ho!!!

 

Xa está aí o Entroido asomando os fociños (fusiños) e nada mellor para irse preparando que unha boa dose de regueifa (regheifa).
E se podemos montar outra festa ou gañar algún premio con iso, pois aínda mellor.
Así que che alegrará saber que xa podes enviar as túas pezas para participar na edición de 2026 do certame audiovisual do Enreguéifate.
Esta iniciativa, como podes imaxinar, procura promover a improvisación oral en verso como ferramenta de dinamización da lingua galega. 
Nesta novena edición mantén dúas categorías (a xeral e a escolar), cunha ampla variedade de premios que recoñecen a creatividade e a diversidade expresiva.
En concreto, concederanse oito regueipremios, que recoñecerán a regueifa máis brava, a máis aguda, a máis diversa, a máis reivindicativa, a mellor cantada, a mellor falada, a máis inclusiva e a máis entroideira.
A entrega destes premios terá lugar na gala do xoves, 16 de abril, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra.
Para enviar as túas pezas tes aberto o prazo até o 6 de marzo.
Se queres máis información, podes consultar ESTA NOTA na web do Concello de Santiago de Compostela.
Para realizar a inscrición, sigue ESTA LIGAZÓN.
Para consultar as bases completas, TELAS AQUÍ nun pdf e, con menos resolución, na seguinte imaxe:


venres, 16 de xaneiro de 2026

Versos desde Begoña

 

O IES San Clemente de Santiago de Compostela convoca un ano máis o seu concurso de poesía escurecida.
Se o ano pasado estivo dedicado a Castelao, nesta ocasión toma como punto de partida a obra de Begoña Caamaño, que -como sabes- é a autora protagonista do Día das Letras Galegas neste 2026.
Pode participar no concurso calquera persoa do mundo pero ten en conta que as obras poderán presentarse até o 29 de xaneiro de 2026.
Para facelo, debes enviar o teu traballo por correo electrónico a: edlg@iessanclemente.net, con indicación:
- do nome da autora ou do autor,
- da categoría en que participa,
- no caso de que sexa estudante cal é o seu curso e centro de ensino e
- da obra de Begoña Caamaño á que pertence a páxina seleccionada para a súa creación.
Se queres coñecer en que consiste a técnica da poesía escurecida ou consultar as bases completas do concurso visita NESTA LIGAZÓN a web do IES San Clemente.