venres, 24 de xaneiro de 2025

A web das cantareiras para as Letras 2025

 

A Real Academia Galega (RAG) puxo xa en marcha a web do Ano das Letras Galegas 2025, dedicado ás cantareiras, mulleres que preservaron e transmitiron a poesía popular oral en galego.
O novo espazo -que acolle vídeos, artigos e fotografías- salienta o papel das cantareiras na creación de pontes entre a tradición e a vangarda, reivindicando a lingua galega e a música cantada para gañar novos galegofalantes.
Se queres ampliar a información, podes consultar ESTA NOTICIA de Praza Pública.
Para accederes á web das cantareiras, fai clic NESTA LIGAZÓN ou na imaxe superior.

xoves, 23 de xaneiro de 2025

Concursos da 'Escola en Camiño', cuarta edición

Escola en Camiño é o proxecto educativo que Faro de Vigo, El Correo Gallego e La Opinión de A Coruña (en colaboración coa Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e Formación Profesional) levan a cabo para divulgar entre as xeracións máis novas a dimensión cultural, social, económica e humanística do Camiño de Santiago.

Nesta edición, o concurso constará de 3 categorías diferentes: debuxo, literatura e audiovisual.
En cada unha delas poderá participar o alumnado galego de Primaria e Secundaria consonte os grupos establecidos en cada unha das categorías.

Para participar en calquera das categorías do concurso o centro educativo deberá inscribirse enviando un mail a escolaencamino@prensaiberica.es co formulario de inscrición debidamente cuberto e asinado. Se queres realizar a inscrición, tamén podes facelo a través DESTE FORMULARIO.

Cada centro presentará a concurso tantos traballos relacionados co Camiño de Santiago e o Xacobeo como desexe e nos formatos desexados.

Os traballos poderán enviarse ata o 16 de febreiro de 2025 e deberán axustarse ás limitacións específicas establecidas para cada categoría.

Cada traballo que se envíe deberá entregarse co nome do centro escolar, d@ titor/a ou docente responsable e do curso ao que pertence o alumnado que o realiza.

As bases completas do concurso están dispoñibles NESTA LIGAZÓN.

mércores, 22 de xaneiro de 2025

O calendario científico escolar, en galego

 


O CSIC publica un ano máis o Calendario científico escolar 2025, unha iniciativa didáctica pensada para achegar a cultura científica á xente nova e crear referentes inspiradores, que nesta sexta edición fai un esforzo por dar visibilidade á ciencia africana, unha eiva detectada nas anteriores entregas.
Tanto o calendario coma os recursos didácticos que o completan están dispoñibles en once linguas (entre as que se encontra a galega), ademais de en braille.
A Unidade de Divulgación Científica e Cultural e o Servizo de Normalización Lingüística da Universidade da Coruña colaboraron co CSIC na preparación da edición en galego.
Todos estes materiais están dispoñibles para a súa descarga de balde na páxina web do proxecto NESTA LIGAZÓN ou facendo clic na imaxe superior.
Como podemos ver na imaxe, ademais do calendario, o CSIC ofrécenos outros materiais (actividades para as sesións lectivas, xogo da oca, etc) que podemos utilizar de xeito gratuíto, tamén en lingua galega.

martes, 21 de xaneiro de 2025

Concurso de Poesía Escurecida: Castelao, 75 anos do seu legado

 

Con motivo dos 75 anos da morte de Castelao, o EDLG do IES San Clemente de Santiago de Compostela convoca o Concurso de Poesía Escurecida.
Neste singular certame literario deberán crearse textos segundo a técnica da poesía escura.
Esta técnica (como indica a imaxe superior, que corresponde ao cartaz oficial do concurso) consiste en que as persoas interesadas teñen que escoller unha páxina de 'Sempre en Galiza', fotocopiala e ir riscándoa de xeito que só fiquen ao descuberto as palabras que elas escollan para conformaren un texto diferente ao orixinal.
Neste concurso poden participar estudantes de secundaria de calquera lugar do mundo.
O prazo para presentar os traballos remata o 30 de xaneiro, coincidindo coa data do nacemento do escritor rianxeiro.
As propostas deben remitirse en formato dixital a: edlg@iessanclemente.net
Esta iniciativa enmárcase dentro do proxecto ‘Escollemos galego’ que está a desenvolver o EDLG deste centro compostelán durante o curso 2024-2025.
Se queres acceder á web con toda a información sobre este concurso (como por exemplo sobre os premios, que non están nada mal) sigue ESTA LIGAZÓN.

luns, 20 de xaneiro de 2025

A mocidade e a lingua galega, en conflito

A mocidade galega foxe da lingua propia, mentres que a catalá e a vasca revitalizan as súas.
Esta é unha das conclusións principais do último informe do Consello da Cultura Galega ‘Competencias e usos das linguas cooficiais en España. O galego en perspectiva comparada’, que podes descargar NESTA LIGAZÓN.
Neste informe constátase que Galicia é a única comunidade na que as persoas mozas presentan "niveis de competencia máis baixos" e reflicte tamén unha "singular tendencia á baixa" no seu uso por parte dos segmentos poboacionais de menor idade.
@s moz@s galeg@s empregan menos a lingua galega que @s adult@s, unha situación que é especialmente alarmante entre @s estudantes de Secundaria e aínda máis cando se atopan en contextos informais. En Cataluña e no País Vasco ese é precisamente o segmento de poboación que máis usa as súas linguas; porén, en Galicia é o tramo onde son «os menos proclives» a apostar polo idioma.
O informe apunta eivas no modelo educativo e na transmisión interxeracional, pero tamén alerta de factores como a perda de prestixio da lingua.
"A singular tendencia á baixa entre as xeracións máis novas, así como a aparente menor efectividade das políticas educativas en comparación con outras comunidades, subliñan a urxencia de intervir no ámbito escolar e na transmisión interxeracional", conclúe o estudo realizado polo Observatorio dá Cultura Galega (OCG) e publicado na web do CCG. 
Se queres ampliar información, podes consultar:
- a noticia que publicou a este respecto o Diario de Pontevedra
- a noticia de El Correo Gallego 

venres, 17 de xaneiro de 2025

III Concurso de Fotografía do CPI de Pontecesures

O Equipo de Convivencia do noso Centro convoca o III Concurso de fotografía, centrado este ano na Paz, entendida no seu sentido máis amplo, baixo o nome 'Que é a paz para ti?'.
De seguido achegámoste as bases do concurso.
O 27 de xaneiro remata o prazo de presentación de traballos!!!
Estás a un clic do premio...

Se queres ver a fotografía gañadora da anterior edición, podes seguir ESTA LIGAZÓN.